ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Novas campañas #TPP para protexer o Macizo...

07-07-2023

Novas campañas #TPP para protexer o Macizo Central e a montaña dos Ancares da invasión eólica

ADEGA activa dous desafíos para procurar recorrer o parque eólico Reboiro, nos Ancares e Lugo, e Fial das Corzas, a rentes da ZEC Macizo Central Ourensán.

A asociación ecoloxista ADEGA chama á colaboración da cidadanía a través da campaña de doazóns Ti Podes Paralos! para emprender accións xudiciais contra dous novos proxectos eólicos: Reboiro, en Baralla, Castroverde e O Corgo; e Fial das Corzas, nos concellos de Laza e Vilar de Barrio. A campaña Ti Podes Paralos! ten como obxectivo recadar os fondos necesarios para a interposición de recursos contencioso-administrativos contra o actual modelo eólico depredador e insustentábel promovido pola Xunta de Galiza.

Dous parques en valiosos espazos naturais

O parque eólico Reboiro, promovido por Green Capital Power, proxecta un total de nove aeroxeradores de 200 metros de altura en fronte á vila de Baralla. A súa poligonal atópase integramente nunha zona tampón da Reserva da Biosfera Terras do Miño, con afectacións directas e indirectas a máis de 30 elementos patrimoniais inventariados e a aves ameazadas como o millafre real.

Pola súa banda, o proxecto Fial das Corzas, promovido por Iberdrola Renovables Galicia, conta oito aeroxeradores situados a rentes do Macizo Central Ourensán e moi perto do Parque Natural do Invernadoiro -é, de feito, o parque que máis o ameaza-, o Bidueiral de Montederramo e o Río Támega. Unha zona de especial valor medioambiental no que habita flora e fauna vulnerable e en perigo de extinción, como a aguia real, o voitre negro e leonado ou a gatafornela.

Por todos estes motivos, ADEGA impulsa estas dúas campañas de recadación colectiva cuns obxectivos mínimos de 7.300 euros, establecidos en dous retos correspondentes ás distintas fases de acción xurídica: en primeiro lugar, a presentación por parte de ADEGA do recurso de alzada e a elaboración do informe técnico ambiental; e en segundo termo, a interposición do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, así como a solicitude de paralización cautelar.

Para poder contribuír a estes desafíos #TPP, ADEGA pon a disposición as seguintes plataformas online de crowfunding:
https://tipodesparalos.helpbysc.com/
reboiro

https://tipodesparalos.helpbysc.com/fialdascorzas

Novos logros da campaña

A campaña Ti Podes Paralos! recadou ata o momento máis de 75.000 euros entre o fondo común e todos os desafíos activos para cada parque eólico. Os últimos en superar o seu primeiro reto foron os correspondentes aos P.E. Porto Vidros e As Penizas, en Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro e Forcarei. Con eles, xa son un total de 12 os parques eólicos fronte aos que ADEGA pode iniciar as accións xudiciais co obxectivo de frealos no TSXG. A asociación ecoloxista agradece estes logros a toda a poboación implicada coa campaña.

Ao mesmo tempo, ADEGA chama a facer un último esforzo para conseguir os primeiros retos das campañas referidas a Campo das Rosas (Cerdedo-Cotobade, A Estrada e Campo Lameiro), Neboada (Courel e Ribeira Sacra) e Xesteirón (Macizo Central Ourensán). Para estes dous últimos quedan tan só sete días nos que cómpre alcanzar ese primeiro obxectivo económico para poder continuar a andaina de recadación e intentar frealos na Xustiza.

Outros desafíos #TPP en activo

Todos e cada un dos desafíos #TPP de ADEGA que están actualmente activos, así como a información de cada un deles sobre a súa evolución na recadación solidaria, poden ser consultados na páxina web principal da campaña Ti Podes Paralos!: https://tipodesparalos.helpbysc.com/inicio.

ADEGA tamén ofrece a posibilidade de destinar as doazóns a un fondo común non adscrito a ningún proxecto eólico en particular, e que servirá de apoio ao conxunto dos desafíos impulsados por ADEGA: https://tipodesparalos.helpbysc.com/fondocomun. Todas as doazóns que se efectúen poderán desgravar até o 80% na declaración da renda.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal