ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA busca recorrer no TSXG o macroproxecto de...

05-07-2023

ADEGA busca recorrer no TSXG o macroproxecto de 23 eólicos que a Xunta aprobou no corazón dos Ancares

O macroproxecto de Enel Green Power S.L. está fragmentado artificialmente en catro parques eólicos que ameazan os valores ambientais destas montañas.

A asociación ecoloxista ADEGA chama á colaboración da cidadanía a través da campaña de doazóns Ti Podes Paralos! para emprender accións xudiciais contra catro proxectos eólicos situados sobre Os Ancares: Serra de Piñeira, Serra do Colmo, Serra do Furco e Chao do Marco, que suman un total de 23 aeroxeradores no seu conxunto. A campaña Ti Podes Paralos! ten como obxectivo recadar os fondos necesarios para a interposición de recursos contencioso-administrativos contra o actual modelo eólico depredador e insustentábel promovido pola Xunta de Galiza.

Unha barreira ao paso da avifauna

Os parques eólicos Serra de Piñeira, Serra do Colmo, Serra do Furco e Chao do Marco, promovidos por Enel Green Power España S.L., están situados de forma aliñada nas catro montañas contiguas entre Baralla e Becerreá; e son resultado da fragmentación artificial dun único macroproxecto eólico de 131 MW de potencia, artellada coa finalidade de esquivar unha rigorosa avaliación ambiental, polo que podería tratarse dunha fraude de lei.

A aliñación destes parques supoñen unha auténtica barreira de paso para a avifauna entre Os Ancares e O Courel. En concreto, os 23 muíños de entre 180 e 200 metros de altura proxectados ameazan gravemente a poboación de millafre real, unha especie en perigo de extinción, e doutras aves vulnerábeis. Trátase dunha zona de alto valor ambiental cunha rica biodiversidade asociada. As poligonais rompen coa conectividade ecolóxica entre espazos da Rede Natura 2000 e ocupan terras incluídas na súa proposta de ampliación do 2008 e na Reserva da Biosfera Terras do Miño. Ademais, unha extensa lista de patrimonio protexido queda dentro destas poligonais, polas que tamén discorre a Vía Küning, variante do Camiño a Compostela.

Por todos estes motivos, ADEGA impulsa catro campañas de recadación colectiva cuns obxectivos mínimos de 6.100 euros, establecidos en dous retos correspondentes ás distintas fases de acción xurídica: en primeiro lugar, a presentación por parte de ADEGA do recurso de alzada e a elaboración do informe técnico ambiental; e en segundo termo, a interposición do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, así como a solicitude de paralización cautelar.

Para poder contribuír a estes desafíos #TPP, ADEGA pon a disposición as seguintes plataformas online de crowfunding: https://tipodesparalos.helpbysc.com/serradepinheira https://tipodesparalos.helpbysc.com/serradocolmo https://tipodesparalos.helpbysc.com/serradofurco https://tipodesparalos.helpbysc.com/chaodomarco

Charlas en Lugo e Moaña

Co obxectivo de debullar os impactos ambientais deste macroproxecto nas serras dos Ancares, ADEGA vén de convocar unha charla para o vindeiro venres, 7 de xullo, ás 20:00 horas no Centro Social Mádia Leva. Nela intervirán María Osorio, membro da Asociación Rente ao Couce, e Lucía Anido, de ADEGA-Lugo. Tamén no marco de Ti Podes Paralos!, ADEGA organiza un ciclo de charlas medioambientais en Moaña, co apoio do concello, para os días 7, 12 e 15 de xullo. O obxectivo destas palestras é apoderar a veciñanza e os colectivos locais na defensa do seu territorio fronte ás ameazas do capitalismo máis agresivo e depredador.

Logros da campaña

A campaña Ti Podes Paralos! recadou ata o momento máis de 66.000 euros entre o fondo común e todos os desafíos activos para cada parque eólico. Os últimos en superar o seu primeiro reto foron os correspondentes a P.E. Porto Vidros, en Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro; e ao P.E. Mesada en Vila de Cruces. Con eles, xa son un total de 11 os parques eólicos fronte aos que ADEGA xa pode iniciar as accións xudiciais co obxectivo de frealos no TSXG. A asociación ecoloxista agradece estes logros a toda a poboación implicada coa campaña.

Outros desafíos #TPP en activo

Todos e cada un dos desafíos #TPP de ADEGA que están actualmente activos, así como a información de cada un deles sobre a súa evolución na recadación solidaria, poden ser consultados na páxina web principal da campaña Ti Podes Paralos!: https://tipodesparalos.helpbysc.com/inicio.

ADEGA tamén ofrece a posibilidade de destinar as doazóns a un fondo común non adscrito a ningún proxecto eólico en particular, e que servirá de apoio ao conxunto dos desafíos impulsados por ADEGA: https://tipodesparalos.helpbysc.com/fondocomun. Todas as doazóns que se efectúen poderán desgravar até o 80% na declaración da renda.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal