ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA lanza novas campañas #TiPodesParalos para...

23-06-2023

ADEGA lanza novas campañas #TiPodesParalos para frear tres parques eólicos nos Ancares e no Deza

A asociación ecoloxista pide un último esforzo para alcanzar o primeiro reto das campañas de Vilartoxo e Troitomil, na Barcala, para o que queda unha semana.

A Asociación ecoloxista ADEGA suma este venres tres novos desafíos á campaña de recadación solidaria para a interposición de recursos contencioso-administrativos contra o actual modelo eólico depredador e insustentábel promovido pola Xunta de Galiza. Trátase, en concreto, dos parques eólicos Rodeira, en Vila de Cruces e Lalín; e Serra do Colmo e Serra de Piñeira sobre Baralla, Láncara e Becerreá. As autorizacións, aprobada pola D.X. de Planificación Enerxética, foron publicadas no Diario Oficial de Galicia entre o pasado martes 13 e mércores 14.

Para poder contribuír a estes tres novos desafíos #TPP, ADEGA acaba de facer públicas as seguintes plataformas online de crowfunding:
https://tipodesparalos.helpbysc.com/rodeira
https://tipodesparalos.helpbysc.com/
serradocolmo

https://tipodesparalos.helpbysc.com/
serradepinheira

Con estas tres novas incorporacións, a campaña #TiPodesParalos xa ten activos un total de 20 desafíos, correspondentes a 20 parques eólicos potencialmente recorribles. Para iso, ADEGA chama á colaboración cidadá para alcanzar os obxectivos de doazóns necesarios e poder así emprender accións xurídicas fronte aos proxectos máis lesivos para o medio ambiente galego. Os desafíos correspondentes a Vilartoxo e Troitomil, na Barcala, son os que precisan agora mesmo dun maior empurrón para alcanzar o seu primeiro reto. Polo de agora, no pouco máis dun mes que a campaña leva publicada, xa supera os 42.000 euros en conxunto, unha cifra histórica que evidencia o rexeitamento social á política eólica impulsada pola Xunta e o Estado coa conivencia do oligopolio enerxético.

Fragmentacións ilegais no Deza e nos Ancares

O parque eólico Rodeira é un dos que inicia este venres o seu percorrido na campaña. Promovido por Green Capital Power S.L., contempla a instalación de dous aeroxeradores cunha potencia total de 12,6 MW e 240 metros de altura, que terán un impacto sobre os espazos protexidos da Rede Natura 2000 "Sistema Fluvial Ulla", e tamén sobre o BIC Mosteiro de Carboeiro, o Santuario do Corpiño ou o Observatorio astronómico de Vila de Cruces. Ademais, o proxecto é incompatible coa supervivencia da fauna local vulnerable e en perigo de extinción como o millafre real. Rodeira, xunto cos parques eólicos Cunca e Mesada, é resultado da fragmentación artificial dun único macroproxecto eólico, artellada coa finalidade de esquivar unha rigorosa avaliación ambiental.

O mesmo acontece no caso do parque eólico Serra do Colmo e Serra de Piñeira. Ambos os dous conforman un macroproxecto eólico nas catro montañas contiguas entre Baralla e Becerreá, canda ao P.E. Serra do Furco e Chao do Marco. Suman no seu conxunto 131 MW promovidos pola empresa Enel Green Power España S.L. En concreto, o proxecto Serra do Colmo rodea de muíños de vento a xoia románica do Mosteiro de Sta. María de Penamaior, e destrúe áreas de campeo do millafre real, ave en perigo de extinción. A súa poligonal limita cos espazos da Rede Natura ZEC Ancares-Courel e ZEC Cruzul-Agüeira; e obstaculiza a conectividade ecolóxica entre dúas Reservas da Biosfera. No caso de Serra de Piñeira, este parque sitúase directamente enriba da Reserva da Biosfera Terras do Miño e afecta a zonas de ampliación da Rede Natura 2000. Os muíños, moi próximos a vivendas, supoñen unha grave ameaza para as aves vulnerables da zona.

Obxectivos de recadación

O obxectivo mínimo de recadación colectiva establecido por ADEGA para estes tres desafíos é de 6.100 euros. Esta recadación establécese en dúas fases. A primeira terá unha duración de 1 mes desde este venres, 23 de xuño, e nela será preciso acadar un mínimo de 3.000 euros, o que garantirá a presentación por parte de ADEGA do pertinente recurso administrativo de alzada e a elaboración do informe técnico ambiental, alén de poder cubrir outros gastos de xestión. Nunha segunda fase procurarase acadar a metade restante para a interposición do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, así como á solicitude de paralización cautelar.

Éxitos logrados

Tras pouco máis dun mes de percorrido, Ti Podes Paralos xa suma varios éxitos. Logo de que as campañas de recadación relativas ao P.E. Rodicio II e P.E. Cunca acadaran o seu primeiro reto, tamén o fixeron esta semana os desafíos #TPPMontedaCroa e #TPPValdepeirera, polo que xa iniciaron a súa andaina de cara á consecución do segundo e último obxectivo. Polo de agora, ADEGA poderá presentar recurso de alzada contra eles e elaborará o informe técnico ambiental correspondente. A asociación ecoloxista fai un especial agradecemento a todas as persoas que achegaron o seu gran de area para alcanzar estes retos e pide a colaboración da cidadanía para espallar a campaña.

Outros desafíos #TPP en activo

Todos e cada un dos desafíos #TPP de ADEGA que están actualmente activos, así como a información de cada un deles sobre a súa evolución na recadación solidaria, poden ser consultados na páxina web principal da campaña #TiPodesParalos: https://tipodesparalos.helpbysc.com/inicio

ADEGA tamén ofrece a posibilidade de destinar as doazóns da campaña “Ti podes paralos!” a un fondo común non adscrito a ningún proxecto eólico en particular, e que servirá de apoio ao conxunto dos desafíos impulsados por ADEGA: https://tipodesparalos.helpbysc.com/fondocomun . Todas as doazóns que se efectúen á campaña “Ti podes paralos!” poderán desgravar até o 80% na declaración da renda.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal