ADEGA

Inicio / Buscador / Sentenza de Bustelo: O segundo proxecto eólico de...

21-06-2023

Sentenza de Bustelo: O segundo proxecto eólico de Greenalia que ADEGA tomba nos tribunais

P.E. Bustelo

A sentenza do TSXG nº 181/2023, recaída no procedemento ordinario 7053/2022, é a segunda dos tres recursos contencioso-administrativos interpostos pola Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza (ADEGA) e pola Plataforma para a defensa da Cordilleira Cantábrica contra as resolucións do Consello da Xunta polas que se autorizaron os proxectos eólicos Campelo, Bustelo e Monte Toural, promovidos por Greenalia nos concellos de Coristanco, Santa Comba e Carballo.

Malia que por parte de Greenalia se tivese difundido en días anteriores que se reactivaría o desenvolvemento do parque eólico Bustelo após “desestimar” o TSXG o recurso, por segunda vez trala anterior e recente sentenza relativa ao parque eólico Campelo, recaeu unha resolución xudicial anulatoria das autorizacións dun proxecto eólico sen que se teña causado un prexuízo ao medio ambiente (como aconteceu no caso da Serra do Oribio), ou mesmo sen que os proxectos estean executados e en operación ao momento de dictarse as sentenzas (casos de Sasdónigas I e II e repotenciación do PE Corme).

O fallo, ao igual que aconteceu co relativo ao proxecto Campelo, estima na súa totalidade os motivos de impugnación esgrimidos polas asociacións demandantes, anulando en consecuencia o acordo do Consello  da Xunta de Galicia impugnado e impoñendo a correspondente condena en costas ás codemandadas (Xunta de Galicia, Greenalia Wind Power Campelo e a Asociación Eólica de Galicia). En concreto, considera a Sala na súa sentenza que o acordo referido resulta contrario a Dereito por concorrer un suposto de fragmentación artificial e ilegal de proxectos a respecto dos proxectos eólicos Bustelo e Monte Toural, tamén impugnados e pendentes de sentenza, fragmentación que impediu a avaliación ambiental unitaria dos mesmos.

Así mesmo, a Sala estimou os argumentos das demandantes relativos á vulneración dos dereitos de participación da cidadanía no procedemento de avaliación ambiental, tanto pola redución do prazo de información pública a 15 días, canto pola non posta a dispor da cidadanía dos informes sectoriais no contexto do mentado trámite, extremos ambos os dous que xa foran alegados polas demandantes, vulneran o Dereito da Unión Europea.

Confirma esta sentenza relativa ao proxecto eólico Bustelo que as ilegalidades declaradas polo Tribunal poden supoñer un “efecto dominó” nos recursos contencioso-administrativos que se presenten contra as novas autorizacións eólicas outorgadas pola Xunta de Galiza e que se impugnen no Tribunal Superior de Xustiza. Por tanto, e ao igual que aconteceu coa anterior sentenza relativa ao Parque eólico Campelo, o interese deste fallo é de primeira orde para todas aquelas entidades, colectivos e persoas que procuren a defensa dos seus intereses fronte a invasión eólica nos tribunais.

Bustelo é o cuarto parque eólico autorizado pola Xunta do PP en ser anulado nos tribunais, logo das dúas sentenzas xa firmes do Tribunal Supremo que tumban o parque eólico Sasdónigas I e II de Mondoñedo, o proxecto eólico Serra do Oribio, nos concellos de Samos e Triacastela, e o proxecto Campelo, sen contar a anulación da repotenciación do P.E. Corme. Con máis forza que hai escasos días, cando se coñeceu o fallo relativo ao proxecto Capelo, preguntámonos cantas sentenzas xudiciais máis son necesarias para que a Xunta de Galicia mude a súa política eólica depredadora, inxusta e ilegal, que ademais está impedindo o tránsito ordenado e participado cara a unha sociedade máis sustentábel, xusta e resiliente, capaz de enfrontarse ao reto climático.

planta biomasa Greenalia

A sentenza pon de manifesto, unha outra vez, a prevalecía que para o goberno de Alfonso Rueda teñen os intereses privados das empresas eólicas fronte ao interese xeral na defensa do medio ambiente e no fomento e salvagarda dos dereitos de participación da cidadanía.

Está pendentes de sentenza a impugnación xurisdicional relativa ao proxecto eólico Monte Toural, tamén promovido por Greenalia e, segundo se declara nas sentenzas relativa aos proxectos eólicos Campelo e Bustelo, artificiosamente fragmentado do mesmo. Ao que debe engadirse que por parte de ADEGA se interpuxo recentemente recurso de alzada fronte á Resolución do 17 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgaron autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico O Cerqueiral, tamén integrado no mesmo conxunto de proxectos, recurso que, no suposto de ser desestimado, será impugnado perante os tribunais de xustiza.

“Ti podes paralos!” ronda xa os 40.000 euros de doazóns

En pouco máis de un mes, ADEGA conseguiu reunir a través da campaña de doazóns “Ti podes paralos!” preto de 40.000 euros que solidariamente está achegar a sociedade galega para reuniros fondos necesarios para poder afrontar os custos derivados dos recursos contencioso-administrativos contra ducias e ducias de proxectos eólicos, recentemente autorizados. As recentes sentenzas anulatorias dos proxectos eólicos Campelo e Bustelo son proba evidente de que grazas á vontade popular ADEGA está conseguindo frear e tombar macrocomplexos eólicos que poñen en risco a preservación da biodiversidade, da paisaxe, de recursos básicos para a poboación, modos de vida e mesmo a saúde. Por iso, a organización ecoloxista anima se cabe máis que nunca ao pobo galego a seguir contribuíndo coas súas achegas gransdes e pequenas ás campañas de recadación solidaria #TPP. Só desta maneira, se poderá frear o actual espolio eólico do país.

Arestora, ADEGA ten en marcha 17 campañas activas de racadación colectiva para poder recorrer outros tantos proxectos eólicos, ás que prevé sumar outra ducia de campañas nas próximas semanas, que se poderán consultar na páxina web de “Ti podes paralos!”: https://tipodesparalos.helpbysc.com/inicio


Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal