ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Alvite II e Outeiro Grande: novos desafíos da...

16-06-2023

Alvite II e Outeiro Grande: novos desafíos da campaña #TiPodesParalos para frear a vaga eólica

A campaña de doazóns avanza a bo ritmo e vén de acadar os seus dous primeiros retos, relativos ao P.E. Rodicio II en Ourense e Cunca en Pontevedra.


A Asociación ecoloxista ADEGA suma este venres dous novos desafíos á campaña de recadación solidaria para a interposición de recursos contencioso-administrativos contra o actual modelo eólico depredador e insustentábel promovido pola Xunta de Galiza. Trátase, en concreto, dos parques eólicos Alvite II, en Mazaricos, Negreira e Santa Comba; e Outeiro Grande, na Estrada e Forcarei. As autorizacións, aprobada pola D.X. de Planificación Enerxética, foron publicadas no Diario Oficial de Galicia o pasado martes 13 e mércores 14, respectivamente.

Para poder contribuír a estes dous novos desafíos #TPP, ADEGA acaba de facer públicas as seguintes plataformas online de crowfunding:
https://tipodesparalos.helpbysc.com/
alviteii

https://tipodesparalos.helpbysc.com/
outeirogrande

Con estas dúas novas incorporacións, a campaña #TiPodesParalos xa ten activos un total de 17 desafíos, correspondentes a 17 parques eólicos potencialmente recorribles. Para iso, ADEGA chama á colaboración cidadá para alcanzar os obxectivos de doazóns necesarios e poder así emprender accións xurídicas fronte aos proxectos máis lesivos para o medio ambiente galego e por un modelo enerxético xusto e sostíbel. Polo de agora, no mes que a campaña leva publicada, recadou máis de 31.000 euros en conxunto, unha cifra histórica que evidencia o rexeitamento social á política eólica impulsada pola Xunta e o Estado coa conivencia do oligopolio enerxético.

Impacto sobre o Camiño de Santiago e as Brañas do Xestoso

Os parques eólicos que inician hoxe o seu percorrido na campaña poñen en xaque os valores naturais, o patrimonio cultural e o desenvolvemento local da zona. O proxecto Alvite II, promovido por Green Capital Power, S.L. contempla a instalación de tres aeroxeradores, cunha potencia total de 1,7 MW e case 200 metros de altura, que terán un impacto directo sobre o Camiño de Santiago e sobre elementos de alto valor patrimonial como mámoas e castros, ademais de poñer en risco os recursos hídricos que abastecen a veciñanza.

O P.E. Outeiro Grande, promovido por A.V. Outeiro Rubio, S.L.U., prevé instalar 5 aeroxeradores de ata 180 metros na Estrada e Forcarei, no entorno do tesouro natural das Brañas de Xestoso, espazo da Rede Natura 2000. Acolle enclaves tan significativos como a Lagoa Sacra de Olives e unha enorme variedade de especies de flora e fauna, como a tartaraña cincenta ou o sisón. As Brañas do Xestoso albergan, ademais, valiosos ecosistemas e numerosos elementos patrimoniais, con rutas como a dos Muíños de Golfariz.

Obxectivos de recadación

O obxectivo mínimo de recadación colectiva establecido por ADEGA para estes dous desafíos é de 7.300 euros. Esta recadación establécese en dúas fases. A primeira terá unha duración de 1 mes desde este venres, 16 de xuño, na que será preciso acadar un mínimo de 3.650 euros, o que garantirá a presentación por parte de ADEGA do pertinente recurso administrativo de alzada e a elaboración do informe técnico ambiental, alén de poder cubrir outros gastos de xestión. Nunha segunda fase procurarase acadar a metade restante para a interposición do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, así como á solicitude de paralización cautelar.

Éxitos logrados

Tras un mes de percorrido, Ti Podes Paralos comeza a lograr os seus primeiros éxitos. Tanto a campaña de recadación relativa ao P.E. Rodicio II como a correspondente ao P.E. Cunca veñen de superar en tempo o Reto 1 e xa iniciaron a súa andaina de cara á consecución do segundo e último obxectivo. ADEGA fai un especial agradecemento a todas as persoas que achegaron o seu gran de area para alcanzar estes éxitos, que evidencian o gran rexeitamento social cara ao actual modelo eólico; e pide a colaboración da cidadanía para espallar a campaña.

Outros desafíos #TPP en activo

Todos e cada un dos desafíos #TPP de ADEGA que están actualmente activos, así como a información de cada un deles sobre a súa evolución na recadación solidaria, poden ser consultados na páxina web principal da campaña #TiPodesParalos: https://tipodesparalos.helpbysc.com/inicio

ADEGA tamén ofrece a posibilidade de destinar as doazóns da campaña “Ti podes paralos!” a un fondo común non adscrito a ningún proxecto eólico en particular, e que servirá de apoio ao conxunto dos desafíos impulsados por ADEGA: https://tipodesparalos.helpbysc.com/fondocomun . Todas as doazóns que se efectúen á campaña “Ti podes paralos!” poderán desgravar até o 80% na declaración da renda.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal