ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA esixe a Defensa e á Xunta que avalíen os...

04-03-2014

ADEGA esixe a Defensa e á Xunta que avalíen os riscos do vertedoiro de explosivos fronte a Ferrol

A esistencia dunha "zona de lanzamento de cargas de profundidade e vertedoiro de explosivos" segundo a terminoloxía do exército a 21 millas de Ferrol, clausurado en 1995, sementa dúbidas sobre o estado e potencial contaminante dos materiais alí depositados

Instalación clausurada en 1995. Contido e estado? Segredo

Ao parecer, o exército utilizou (oficialmente) esta e outras 5 instalacións máis nas costas do estado para verter explosivos e munición fóra de uso até 1995, data na que o estado español ratificou o Convenio de Londres (Londres, 1972) para a prevención da contaminación mariña.

Os refugallos vertidos até daquela a 21 millas das costas ferrolás estaban constituidos por unha cantidade indeterminada (segreda) de minas, granadas, obuses, munición de armas lixeiras e outros materiais militares "convencionais".

Materiais con potencial contaminante e risco para a saúde e os ecosistemas

Os materiais "depositados" alí durante anos poderían supoñer un risco para a seguridade das persoas (arrastre de munición por correntes, dragados ou capturas de pesqueiros) e do medio ambiente. Alén disto, algúns compoñentes da munición conteñen metais pesados e outros químicos tóxicos, que poderían ser incorporados á cadea trófica.

Dende ADEGA esiximos ao Ministerio de Defensa que informe á cidadanía sobre o estado deste vertedoiro e dos materiais alí depositados, e á Xunta (Medio Ambiente e Mar) que se interese polo potencial contaminante dun vertedoiro mariño de refugallos perigosos fronte ás nosas costas que leva décadas incontrolado.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal