ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA inicia actividades de xestión e control de...

30-05-2023

ADEGA inicia actividades de xestión e control de especies exóticas invasoras no río Tambre

O vindeiro xoves, 01 de xuño, ADEGA comezará a realizar accións de xestión e control de EEI nos espazos custodiados no marco do Proxecto Fluviatilis: custodia para a resiliencia.


A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, no marco do Proxecto Fluviatilis, dará comezo ás actividades de xestión e control de flora exótica invasora. O obxectivo é dar a coñecer as problemáticas ambientais que ameazan os ecosistemas fluviais e facilitar a participación cidadá na súa xestión a través de accións de voluntariado ambiental, para fomentar actitudes e comportamentos que redunden nunha mellora dos ríos.

A primeira das actuacións terá lugar no río Tambre, ao seu paso polo concello de Ames. Será en sesión de mañá o vindeiro xoves, 1 de xuño de 2023. Para acudir, necesítase inscrición previa no seguinte correo electrónico: pacobanhobre@adega.gal.

Así, o LIC Río Tambre é unha das zonas de actuación propostas por ADEGA para a realización de accións de control de flora exótica invasora a través de xornadas de voluntariado. Supón, ademais, o inicio dos traballos de eliminación de Tradescantia fluminensis -especie invasora que está a afectar de forma incipiente diferentes especies de fieitos e flora ameazada presente no Catálogo Galego de Especies Ameazas-, nun espazo de elevado valor ecolóxico coma o Tambre.

Deste xeito, a actividade estará encamiñada tamén a establecer un marco operativo e a seleccionar as metodoloxías adecuadas que permitan abordar futuras actuacións de eliminación, restauración fluvial e implementación de solucións baseadas na natureza con éxito.

Programa e contidos

9:30h. Recepción do voluntariado no punto de encontro
9:45h. Introdución á problemática das EEI nos ecosistemas fluviais
10:00h. Desprazamento á zona de traballo no río
10:15h. Toma de medidas na zona de traballo e selección da metodoloxía de eliminación
10:30h. Eliminación de T. flumiensis
12:30h. Descanso
13:00h. Recollida dos restos eliminados e avaliación da actuación
14:00h. Fin da xornada

Proxecto Fluviatilis

As actividades, tanto de xestión e control de EEI como de educación, sensibilización e voluntariado ambiental dirixidas a diferentes públicos, son unha das propostas do proxecto Fluviatilis, que conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal