ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA esixe á Xunta que denegue o terceiro parque...

04-04-2023

ADEGA esixe á Xunta que denegue o terceiro parque eólico de EDP sobre os Penedos de Traba

Non debe haber dous sen tres: os inasumíbeis impactos xa motivaron o rexeitamento doutros dous parques


O acoso eólico aos penedos de Traba aínda non rematou. Aos parques "Soesto" e "Monte Chan" que recentemente recibiron unha DIA (Declaración de Impacto Ambiental) negativa polos seus inasumíbeis impactos, debería unirse agora o de "Pena dos Mouros", todos de EDP. Se isto non é fragmentación, que veña o TSXG a velo...

Escandalosa fragmentación artificial de proxectos

O parque eólico "Pena dos Mouros" é outro exemplo deste tipo de operacións. Sobre un mesmo treito costeiro unha mesma promotora (EDP) presentou os parques eólicos "Pena dos Mouros", "Monte Chan" e "Soesto". As operacións de fragmentación artificial de proxectos de parques ou de liñas de evacuación teñen case sempre por finalidade evitar a competencia autorizatoria do Estado a favor da competencia autonómica. Isto é debido ao "demoucado legal" realizado por Feijóo e que concede ás empresas enormes prebendas administrativas.
Cando se fragmentan os proxectos eólicos, sexa pola razón que sexa, minóranse as garantías de protección ambiental, ao aniquilar a posibilidade de avaliar conxuntamente aqueles proxectos artificiosamente divididos. Que a framentación artificial ou de conveniencia deste tipo de proxectos non se axusta a Dereito é unha realidade que veñen corroborando os tribunáis de xustiza dende hai anos. Así, por exemplo, a Sentenza do TSXG, Sala Terceira, nº 254/2020, de 9 de novembro, apreciou a fragmentación artificial do parque eólico Sasdónigas, en Mondoñedo; a Sentenza do Tribunal Supremo (TS), Sala Terceira, de 30 de marzo de 2017, nº 556/2017; ou a pioneira Sentenza do TS de 20 de abril de 2006 tamén condenaron esta práctica.
En canto ao impacto negativo das operacións de fragmentación artificial nas avaliacións ambientais, a Sentenza do TS, Sala Terceira, de 21 de febreiro de 2014, recaída no recurso 673/2009, contemplou no seu Fundamento de Dereito que:
"A única garantía de analizar todas os aspectos que se han de incluír no mesmo [EIA], é desde unha visión conxunta, non fraccionada, sen que poida suplir esta carencia de orixe, recorrendo a unha análise posterior das sinerxias que se producen entre os elementos illadamente analizados".

Coartar a ampliación da Rede Natura e derramar unha paisaxe protexida

Cromo: Fins Eirexas @OFinsGZ

As instalacións do parque "Pena dos Mouros", ao igual que os outros despeces ("Monte Chan" e "Soesto") ocupan unha área incluída nas dúas propostas de ampliación da Rede Natura 2000 de Galiza (2008 e 2012), presentadas pola Xunta e elaboradas polo IBADER (Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural), dependente da USC. A Xunta de Feijóo nunca chegou a concluir formalmente o proceso, como no seu momento o Ministerio informou a ADEGA.
O obxecto destas ampliacións era atender ás consideracións feitas pola Comisión Europea através da Decisión 2004/813/CEE pola que se adopta a listaxe de Lugares de Importancia Comunitaria da Rexión Bioxeográfica Atlántica (DOUE L 387, 29/12/2004), que formulaba para o ámbito do estado español a necesidade de mellorar a representatividade de determinados tipos de hábitats. Como consecuencia do reiterado incumprimento dos termos da antedita Decisión, a Comisión abríu contra España un expediente (PILOT número EU 4995/13/ENVI) e enviou en 2015 unha carta de emprazamento na que lle comunicaba a apertura dun procedemento formal de infracción (2015/2003). A Comisión Europea considerou que existíu una práctica xeralizada e persistente en doce comunidades autónomas, entre elas Galiza, de non establecer obxectivos de conservación suficientemente detallados e cuantificados.
Cómpre sinalar tamén que na área do parque sitúanse os Penedos de Traba, Pasarela e Braño, declarados Paisaxe protexida polo Decreto 249/2008 do 11 de decembro. A promotora recoñece o impacto directo das súas instalacións, tanto do parque "Pena dos Mouros" como o de "Monte do Chan" sobre os Penedos e propón unhas medidas compensatorias ridículas.

Dende ADEGA esiximos á Xunta que considere os mesmos criterios alegados por ADEGA para os parques "Monte Chan" e "Soesto" e emita tamén unha DIA negativa para o parque "Pena dos Mouros". Asemade, debería concluir xa e publicar o Plano de Xestión dos Penedos de Traba, un documento que tiña que ter elaborado e aprobado nos dous anos seguintes á aprobación da declaración como Paixaxe protexida (Decreto 294/2008) e pasaron xa 13 anos.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal