Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Eólica Así Non convoca unha nova gran...
28-11-2022
Por segundo ano, con motivo do Día mundial das Montañas, o vindeiro domingo 11 de decembro, a Coordinadora “Eólica, Así Non” convoca á sociedade galega a unha nova grande mobilización fronte a actual invasión eólica. A Coordinadora “Eólica Así Non” escolle esta data polo seu carácter especialmente simbólico na loita social contra a vaga eólica colonial que está a sufrir o país e que descorrerá baixo o lema "Na defensa das montañas. Eólica Así Non. Temos alternativa”.
Estamos metidos de cheo nun novo proceso de colonización enerxética que, no franquismo destruíu os ríos e, que agora vai polas terras, montes, e mesmo polo mar, mentres que a pobreza enerxética aumenta e comarcas enteiras van camiño da desertización social e industrial. As montañas galegas son as principais vítimas da vaga eólica que estamos a vivir ao constituír os lugares preferentes polas promotoras para colocar os seus megaproxectos eólicos, ao servizo exclusivo do oligopolio eléctrico, despoxándoas practicamente de todos os seus valores e funcións de carácter ambiental, paisaxístico, cultural e socioeconómico.
As montañas representan as nascentes dos ríos e regos dos que nos abastecemos de auga, ofrecendo o 80% dos recursos hídricos que consumimos, e proporcionando outros múltiples e variados servizos ecosistémicos como o control da erosión do solo, a regulación atmosférica, a paisaxe, reservorio do noso patrimonio cultural, reserva de hábitats de alto valor natural e grande biodiversidade, etc. Polo tanto, a actual vaga eólica estaría poñendo nun risco extremo a preservación duns ecosistemas, os de montaña, que son fundamentais para a vida.
Na Galiza, caracterizada por unha grande dispersión poboacional e unha forte identidade rural, as montañas son tamén fogar e medio de vida dunha boa parte da poboación galega, a miúdo esquecida e especialmente indefensa ante o asoballamento das empresas especuladoras da enerxía que ademais contan coa conivencia das administracións públicas.
Os máis de 300 proxectos de enerxía eólica e 7 proxectos de novas hidroeléctricas en tramitación no país, xunto coas súas liñas de evacuación e outras infraestruturas asociadas, sumados aos xa en funcionamento, terían un impacto singular e irreparable no conxunto de montañas, montes e outras elevacións naturais nas que se prevén implantar, incluso, poñendo en risco a supervivencia do rural galego e o equilibrio ecolóxico do país.
Desde os primeiros chamamentos sociais masivos que fixemos en Galiza por unha moratoria eólica!, e temos alternativa! , evidenciados nas marchas reivindicativas dos 5 de xuño de 2021 e de 2022, e nas mobilizacións do 11 de decembro de 2021, comprobamos que nin a Administración galega nin a estatal están a facer nada para frear esta vaga incesante de proxectos eólicos en tramitación. Máis ben ao contrario, están contribuíndo a favorecer aínda máis unha ameaza sen precedentes contra o noso territorio, arrebatándonos dereitos.
Os galegos e galegas levamos décadas soportando o agresivo e duro impacto da implantación de instalacións de xeración de electricidade. Estamos ante un novo espolio enerxético, poñendo a Galiza como territorio de sacrificio, soportando proxectos eólicos fragmentados e outras instalacións macro-eléctricas que invaden o noso espazo vital, co único obxectivo de espoliarnos e mandar para fóra a enerxía eléctrica. Centos de proxectos que devalúan as economías locais, prexudican a calidade de vida das persoas e degradan as comunidades que vivimos no rural, deteriorando ademais o medio natural, a paisaxe e o patrimonio.
Mentres, as eléctricas triplican beneficios xa que o prezo da luz está a sufrir a súa maior escalada na historia e o marco regulatorio e tarifario en vigor está ao seu servizo, demostrándose a falsidade da afirmación de que a máis parques eólicos, máis barata será a factura eléctrica.
O desenvolvemento masivo, sobredimensionado e sen planificar das instalacións eólicas a grande escala e outras macro-eléctricas, en ausencia de políticas de aforro e eficiencia da enerxía, ocasiona múltiples impactos irreversíbeis. Non hai excepcións á súa localización: proximidade ás vivendas, invadindo tanto zonas de interese agrogandeiro como espazos naturais protexidos, ou mesmo literalmente enriba de petróglifos, patrimonio irrecuperábel unha vez asentada a infraestrutura.
Temos que denunciar que o actual sistema para a implantación da enerxía eólica en Galiza segue rexéndose por unha planificación sectorial caduca (finais dos anos 90) e por unha lexislación que favorece o oligopolio enerxético. É absolutamente rexeitábel que toda a nova normativa que se leva aprobada a día de hoxe polos Gobernos galego e español, e que agora se anuncia tamén desde a UE, vaia no camiño de fomentar a vía de urxencia, a simplificación administrativa, a eliminación da obriga das avaliacións ambientais para a autorización de instalacións eólicas, a restrición á participación pública, facendo irrelevante a conservación do medio natural e do patrimonio e outorgándolle ás empresas dereitos de usurpación das terras. Estanse a autorizar proxectos eólicos ilegais, tal e como o están a verificar os Tribunais de Xustiza.
Por todas estas razóns, o vindeiro 11 de decembro, a Coordinadora "Eólica Así Non” realizararemos cando menos 18 concentracións repartidas por toda Galiza, nas seguintes localidades: A Baña, A Fonsagrada, Cecebre, Foz, Meira, Antas de Ulla, Coristanco, Mondoñedo, Moeche, Lugo, Becerreá, Vila de Cruces, Moaña, Pontevedra, Forcarei, Xinzo de Limia. Os lugares das concentracións da Costa da Morte e Seoane do Courel están por confirmar. Boa parte das mobilizacións completaranse con andainas ou subidas aos cumios de montañas afectadas pola invasión eólica, como é nos casos de Foz, Antas de Ulla, Moeche, Lugo, Mondoñedo, Becerreá e Forcarei.
O modelo de transición enerxética que se está a impoñer polos gobernos da Xunta e do Estado español non responde aos principios dunha transición ecolóxica e xusta, nin arranxa os defectos estruturais do actual sistema enerxético. Existen outros modelos enerxéticos realmente xustos e sustentábeis. Aqueles que entenden a enerxía como un dereito fundamental da sociedade e dos pobos para ter unha vida digna, que poñen o interese social, o ben público e a protección da natureza por diante do lucro e da especulación. Estoutros modelos enerxéticos teñen como principios fundamentais os seguintes:
1. Protexer a Natureza. A protección da biodiversidade e da xeodiversidade é a única capaz de garantir a nosa supervivencia diante do quecemento climático e aumentar a resiliencia dos ecosistemas dos que depende a vida. Por iso, a protección da natureza é a base na que se debe fundamentar calquera transición ecolóxica e enerxética.
2. Preservar os caladoiros de pesca e dos corredores ecolóxicos mariños. Os proxectos de implantación de enerxía eólica mariña, tal e como están concibidos, non son compatíbeis cos usos tradicionais da nosa costa, co mantemento da actividade pesqueira ou coa preservación da biodiversidade dos ecosistemas mariños, máxime cando as zonas prioritarias e potenciais deseñadas inicialmente polo Ministerio de Transición Ecolóxica para as instalacións eólicas se sitúan en caladoiros de pesca ou en corredores ecolóxicos de migración de cetáceos e de aves mariñas.
3. Coidar e valorar o noso patrimonio. O modelo actual de implantación de parques eólicos supón unha ameaza física e contextual para unha porcentaxe elevada do noso patrimonio materia e inmaterial, toponimia, lendas, memoria, xa ameazado pola globalización e que, de perder os referentes espaciais, estaría condenado, irremediabelmente, a desaparecer.
4. Dereito a unha enerxía compatíbel coa soberanía alimentaria. A invasión eólica en marcha compromete o dereito dos galegos e galegas de acadar a soberanía alimentaria. A pesca, a agricultura ou a multifuncionalidade dos montes son as únicas que poden afianzar a seguridade alimentaria do país e as que xeran maior número de postos de traballo directos e indirectos, ademais de contribuír a fixar poboación nas comunidades costeiras e rurais.
5. Aposta polo aforro e eficiencia enerxética antes que o aumento na xeración. Debemos aplicar o principio comunitario de “eficiencia enerxética primeiro” e fomentar medidas como o autoconsumo e as comunidades enerxéticas locais, desmarcándose dos obxectivos produtivistas e lucrativos das grandes multinacionais da enerxía. O transporte privado en base ao automóbil e o gasto en calefacción suman case a metade (estimado en 30% e 15%, respectivamente) do consumo enerxético galego. Onde están as políticas de fomento e subvención ao transporte público non contaminante, á mobilidade sostíbel e ao illamento térmico? Estímase que se podería reducir á metade o gasto enerxético en transporte e calefacción, incrementándose a calidade de vida dos galegos, e conseguíndose un gran aforro económico e unha gran redución da contaminación.
6. Defender a soberanía sobre os nosos recursos fronte ao espolio enerxético. O modelo enerxético imposto pretende perpetuar o papel de Galiza como subministradora de materias primas baratas, destinada a satisfacer a demanda de territorios libres de instalacións eólicas e grandes consumidores do Estado e da UE, como Madrid e centro de Europa, sen resultar en ningún caso beneficioso nin estar a reverter este impacto de ningunha maneira en favor da poboación galega.
7. Unha planificación eólica con fins socioambientais e ao servizo do país. Debemos construír un modelo enerxético planificado por, para e dende a sociedade galega e non dirixido polas grandes empresas eléctricas coa conivencia dos gobernos. Un modelo desde o público, no que os galegos e as galegas teñamos a capacidade para decidir sobre o aproveitamento dos nosos recursos enerxéticos, capaz de acadar o equilibrio territorial e ambiental, evitando a destrución de emprego e a emigración, e que pule pola enerxía como ben básico ao servizo do pobo. Apostamos por un modelo eólico que manteña no dominio público a propiedade do vento e que, por tanto, outorgue dereitos de explotación do recurso a través de concesións administrativas.
8. Participación pública fronte aos recortes democráticos e ilegais. Unha transición ecolóxica que non permite a participación pública na toma de decisións nunca será xusta. Apostamos pola derrogación das leis de depredación da Xunta e pola anulación do artigo 6 do Decreto-lei do goberno do Estado que exonera de avaliación ambiental certos proxectos de enerxías renovábeis. A alternativa enerxética e ecolóxica do país non pode sosterse nun proceso cada vez máis acuciante de devaluación do dereito democrático e do poder do pobo.
9. Principio de precaución para a preservación da saúde pública. A meirande parte dos proxectos eólicos que están en tramitación sitúan aeroxeradores de máis de 200 metros de altura a escasos 500 metros das vivendas, en virtude do disposto no obsoleto Plan Eólico de Galiza. Preservar a calidade de vida e a saúde pública da poboación afectada debe ser unha prioridade do modelo enerxético alternativo, tamén coa finalidade de evitar un novo éxodo rural galego que nos últimos 30 anos xa perdeu 2000 núcleos de poboación.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal