ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O libro "Prestige. 20 anos x 20 voces"...

16-11-2022

O libro "Prestige. 20 anos x 20 voces" contribuirá á defensa ecoloxista do país a través de ADEGA

Roi Cuba Dorado, intervindo na rolda de prensa da Editorial Galaxia

O presidente de ADEGA, Roi Cuba Dorado, participou hoxe na presentación en rolda de prensa do libro “Prestige. 20 anos x 20 voces”, da Editorial Galaxia, para dar testemuño da experiencia da organización ecoloxista galega naquel momento histórico para o activismo ecoloxista galego e para toda a sociedade galega, pero tamén para mostrar o seu agradecemento ás autoras e autores da publicación, que decidiron destinar parte dos beneficios deste libro en favor de ADEGA. Así, a editorial Galaxia doará a ADEGA un 5% da recadación obtida polas vendas da publicación como contribución á súa acción altruísta na defensa ambiental de Galiza.

Roi Cuba Dorado manifestou na rolda de prensa sentirse moi honrado de representar unha das organizacións ecoloxistas máis senlleiras do país, que pronto cumprirá 50 anos de dedicación constante á defensa do territorio galego, e que, curiosamente foi este capítulo negro da nosa historia o que, a nivel particular, o introduciu no activismo ecoloxista. Cuba resaltou que, mentes a sociedade galega demostrou estar á altura do acontecido, non se pode dicir o mesmo das administracións pública autonómica e estatal, que destacaron pola súa pésima xestión da catástrofe alén de promover cambios lexislativos insuficientes para previr unha nova catástrofe por hidrocarburos ou ter aínda pendentes de tratamento ata 10.000 toneladas de chapapote no complexo industrial das Somozas. O presidente de ADEGA expresou unha fonda gratitude á editorial Galaxia e ás autoras e autores da publicación “Prestige. 20 anos x 20 voces” polo recoñecemento materializado a través desta doazón á longa traxectoria de ADEGA na defensa da terra e do mar e, nomeadamente, ao labor de máis de 13.000 voluntarios e voluntarias coordinadas por ADEGA que acudiron durante 6 meses ás costas galegas para limpar o chapapote do Prestige.

No libro colectivo "Prestige, 20 anos x 20 voces", vinte escritoras e escritores  galegos, encabezadas pola recente premio nacional de narrativa Marilar Aleixandre, lembran coas súas  propias palabras aqueles días incertos e aciagos. Vinte voces que berran todas a unha como aquel  afastado 20 de novembro de 2002. E con elas, os rostros, os acenos e as mans dos que estiveron en primeira liña, os retratos dos voluntarios protagonistas obra do fotografo José Luis Abalo, daqueles  que loitaron heroicamente contra aquela marea de chapapote  que quixo devorarnos mais non o logrou.

O acto de presentación do libro tivo lugar hoxe no restaurante El Castro de Vigo, nunha rolda de prensa na que Galaxia tamén fixo públicos outros dous títulos que rememoran o 20 aniversario da marea negra: “Tal como foi, tal como fomos”, de Xosé Manuel Pereiro, e “Cando choraron as Cíes”, de Santi Domínguez. Así pois, ademais do presidente de ADEGA, estivo presente na rolda de prensa o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e os autores das citadas publicacións, Santi Domínguez, Inma López Silva e Charo Pita.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal