ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Iniciativa a prol da conservación da Carballeira...

11-02-2014

Iniciativa a prol da conservación da Carballeira de Arandedo, espazo singular en Baralla

Superficie solicitada para talar

ADEGA vén de presentar alegacións á petición de corta de 335 árbores (carballos e castiñeiros) na marxe esquerda do Rego do Convento, no lugar de Arandedo, na parroquia de Constantín, no concello de Baralla, en Lugo. A zona de afectación ocupa unha superficie dunhas 7 hectáreas, que abarcan case a totalidade da carballeira.

Unha vez analizada dita solicitude de tala, ADEGA insta á Confederación Hidrográfica a que denegue a autorización porque non se garante a salvagarda dos valores naturais da fraga. Tamén anima á CHMS a facer un seguimento exhaustivo dos criterios incluídos nos permisos de corta así como daqueles solicitados en espazos limítrofes para atender á afectación no seu conxunto.

Alegacións

Repoboación con piñeiro na Carballeir de Arandedo

A Carballeira de Arandedo constitúe un dos valores ambientais destacados no concello de Baralla, tal e como se recolle no plan xeral de urbanismo de Baralla en tramitación (e a pesares das graves deficiencias que presenta), que sinala este espazo como valor natural a protexer aínda que non o establece, erroneamente, con ningunha figura de especial protección natural.

Por outra banda polo lugar discorre xa unha rota sinalizada que constitúe en si mesmo un atractivo cultural e turístico para a zona. Ao mesmo tempo a propia veciñanza valora como tal o valor do espazo destacándoo así nas alegacións presentadas contra o trazado da Liña de Alta Tensión que atravesa hoxe este espazo.

Ademais, hai que lembrar que o Rego do Convento, que discorre polo fondo da carballeira, é afluente do Río Neira, espazo proposto no seu nacemento e na súa desembocadura para formar parte da Rede Natura 2000. Ao mesmo tempo, vén dar a escasos centos de metros río arriba da área fluvial da vila de Baralla.

Tampouco hai que deixar de sinalar que as pendentes neste lugar veñen sendo, con variacións, de arredor do 45 % polo que a afectación ao solo, por chuvias torrenciais, que está sen protección ou por eliminación da pequena capa de humus no caso de plantacións de eucaliptos e posterior posibilidade de incendio, constitúe unha nova agresión.

Anteriores agresións

tala recen de parte da carballeira

Debemos ter en conta que esta non sería a única afectación que está a sofrer a Carballeira de Arandedo, xa que foi afectada pola Liña de Alta Tensión O Corgo – Triacastela. E no seu día, este bosque quixérase arrasar co paso da autoestrada A-6, felizmente isto non se conseguiu grazas á mobilización social.

No obstante, non se pode obviar que fóra do espazo solicitado para a tala, na mesma masa arbórea, xa se fixeron outras cortas en extensas zonas, limítrofes coas obxecto de novo permiso de corta.

Pero, por se non fose suficiente, nalgunhas áreas xa taladas da carballeira leváronse a cabo repoboacións con eucaliptos e piñeiros o que, ademais de contravir a lexislación, provocou un agravamento da calidade ambiental do entorno.

Informe da Xunta

Un informe da Xunta, emitido pola xefatura do Servizo de Conservación da Natureza, xa dá unha serie de condicionantes para o outorgamento do permiso de corta solicitado para a carballeira de Arandedo:

a) Logo da corta as copas das árbores deben estar en contacto e respectarse o resto da vexetación da zona de servidume.


b) Para cumprir o criterio de persistencia das masas frondosas non se realizará a corta a feito, de xeito que dita corta non abra claros de importancia e que a fracción da cobertura de copas non diminúa en máis dun 30% da existente. En todo caso, a espesura logo da corta recoméndase que non sexa inferior ao 60%.

c) A posible repoboación da vexetación será con árbores autóctonas de ribeira.


Perante as últimas cortas realizadas no lugar, ningún destes requirimentos se cumpriu e nada asegura que a partires de agora se vaian cumprir. Ademais, ante o número de árbores que se pretende cortar realmente sería difícil seguir estes criterios da Xunta, expostos sen ter en conta a situación actual da Carballeira no seu conxunto.

Por tanto, desde ADEGA consideramos que a carballeira de Arandedo non debe sufrir máis alteracións, e tendo en conta ademais que as directrices que impón a Xunta son imposibles de cumprir para o outorgamento do permiso, instamos á Confederación Hidrográfica a que denegue dita autorización e animamos ao goberno local e á Xunta a velar pola conservación desta carballeira, única na contorna polos seus valores naturais, ecolóxicos, paisaxísticos e culturais.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal