ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Preto dun milleiro de persoas berran LUMES NUNCA...

20-07-2022

Preto dun milleiro de persoas berran LUMES NUNCA MÁIS, en Ourense e Lugo

Ás 20 da tarde de onte, varios centos de persoas e colectivos sociais se congregaron ante os edificios administración da Xunta nas cidades de Lugo e Ourense para amosar a súa solidariedade coa poboación afectada pola actual vaga de incendios e en defensa da protección efectiva dos espazos naturais protexidos que arestora se están a consumir baixo as lapas de lume. Nas voces de varias representantes deste colectivo, amosouse o total apoio á veciñanza evacuada e a aquela outra que permanece nas aldeas para tratar de facerlle fronte ao lume, así como ao colectivo de profesionais de prevención e extinción que traballan nas áreas afectadas.

A concentración tivo tamén como obxectivo visibilizar a dimensión ecolóxica desta catástrofe que se asemella a un "Prestige interior" que arrasa gran parte das serras orientais galegas, e varias das xoias naturais máis emblemáticas e xenuínas do país, o Courel, o Parque Natural do Invernadoiro, o Parque Natural da Enciña da Lastra e o Macizo Central, así como boa parte de Valdeorras, Oímbra e Palas.

ADEGA completou a exposición das súas reivindicacións coa lectura do manifesto “Lumes Nunca Máis!”, pronunciado a un tempo diante do Multiusos da Xunta de Lugo e da Casa do Chocolate de Ourense (sede da Xunta). Nel destacouse a afección sobre a biodiversidade, xa que desaparecerán aves ameazadas, como bufos reais, tartarañas cincentas e gatafornelas, así como flora autóctona (sobreiras, cerquiños, aciñeiras e érbedos monumentais).

U-la Conselleira de Medio Ambiente?

Ante isto, lanzouse e inevitable pregunta de onde está a Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez Mejuto, e se non debería ter comparecido xa para concretar e cuantificar a superficie protexida arrasada polas chamas e que medidas están tomando e tomarán para paliar os efectos sobre o medio destes lumes.

A lectura do manifesto concluíu agardando que non se aproveite esta situación de desgraza ambiental e social para favorecer os intereses dos lobbys enerxético, mineiro, urbanístico e forestal, á vez que se recordaron 4 reivindicacións, xa históricas, para un cambio radical nas políticas ambientais, agrogandeiras e forestais da Xunta:

  • O reforzo especial dos dispositivos de prevención e extinción nos espazos naturais de maior valor ecolóxico e ambiental de Galiza, agora e durante todo o ano.
  • Accións inmediatas nas zonas queimadas para evitar a erosión destes solos de extraordinaria importancia e procurar o antes posíbel a súa restauración.
  • O impulso decidido de políticas estruturais que preserven a biodiversidade natural, restauren os ecosistemas danados e recuperen os usos tradicionais e multifuncionais dos montes, como o pastoreo, e que contribúen a fixar poboación no rural e a afastar os lumes.
  • Rexeitamos que a Xunta siga empregando o monte galego como obxecto de especulación, ou como solo barato para as grandes coorporacións multinacionais que expulsan ás persoas do rural na procura do seu lucro privado.
Desde ADEGA, agradecemos a participación dos colectivos e persoas que a título individual saíron á rúa para berrar

BASTA XA DE TANTA MANIPULACIÓN E DE PROPAGANDA BALEIRA SOBRE O NOSO RURAL.

NON QUEREMOS QUE O MONTE SEXA PASTO DO LUME E DA ESPECULACIÓN.

VECIÑANZA DO COUREL, DA POBRA DE BROLLÓN, DE VALDEORRAS, DA ULLOA,
DO MACIZO CENTRAL, DA ENCIÑA DA LASTRA, E DE OÍMBRA: NON ESTADES SOAS!

LUMES NUNCA MÁIS!

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal