ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / As organizacións ecoloxistas abandonan o Consello...

31-05-2022

As organizacións ecoloxistas abandonan o Consello galego de medio ambiente pola negativa da Xunta a debater a problemática eólica

Comunicado conxunto dos representantes ecoloxistas no COGAMADS

Os vogais de ADEGA, a FEG (Federación Ecoloxista Galega) e a SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural), representantes ecoloxistas no COGAMADS, vimos de comunicar á Presidencia deste organismo consultivo a nosa intención de non seguir participando nas reunións mentres non se debatan e voten no pleno as propostas ecoloxistas sobre a problemática eólica presentadas na anterior sesión e reiteradamente ignoradas pola conselleira Ángeles Vázquez.

Na xuntanza do COGAMADS do pasado 26 de xaneiro, varios vogais solicitamos debater e someter a votación no pleno a necesidade dunha moratoria do actual Plan Sectorial Eólico de Galicia así como da derrogación das Leis 5/2017 e 9/2021; aliás da elaboración dun informe sobre o encaixe do actual modelo enerxético na sustentabilidade e resiliencia do territorio galego. Porén, a conselleira Ángeles Vázquez eludíu tramitar estas solicitudes abandonando precipitadamente a xuntanza e mesmo deixando sen tratar o último punto da orde do día, ante a sorpresa e os protestos dos representantes das nosas organizacións. Os nosos vogais pediron daquela a constancia en acta das dúas solicitudes de votación realizadas e as irregularidades no peche abrupto da sesión, así como a convocatoria á maior brevidade posíbel dun pleno extraordinario do COGAMADS para tratar as propostas bloquedas pola Presidencia.

A acta desa reunión achegada pola secretaría do COGAMADS en absoluto reflicte estes feitos. E na orde do día da vindeira xuntanza por dúas veces adiada e finalmente axendada para este 31 de maio, comprobamos que non figuran, malia telo solicitado, o debate e valoración das propostas ecoloxistas sobre a problemática eólica furtadas do debate na sesión do 26 de xaneiro.

A nosa decisión de ausentarnos das reunións deste organismo consultivo mentres a conselleira siga incumprindo o seu regulamento, censurando o debate e impedindo o dereito ao voto dos seus membros, tomámola por hixiene democrática e respecto por unha institución, o Consello Galego de Medido Ambiente, rebaixada pola actual Xunta a un molesto e necesario trámite. Un procedemento de consulta preceitivo, no que por certo a administración conta cunha ampla maioría para impoñer o seu criterio. O comportamento da Presidencia xa que logo, só pode respostar ao intento de furtar do debate público as consecuencias do actual modelo de desenvolvemento eólico, ocultando e silenciando a preocupación que os seus impactos están a causar no ambiente e na sociedade galega.

Asinan:

Por ADEGA, Fins Eirexas, vogal do COGAMADS
Pola FEG, Xosé Luis C. Baleato, vogal do COGAMADS
Pola SGHN, Serafín González, vogal do COGAMADS

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal