ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Guerra suxa de SOGAMA contra a compostaxe para...

29-01-2014

Guerra suxa de SOGAMA contra a compostaxe para atallar a rebelión dos concellos

Para SOGAMA, incineración e reciclaxe son o mesmo!

Na súa teima por presentar os seus vicios como virtudes, SOGAMA non dubida en subministrar información manipulada aos medios. Nun recente artigo nun xornal de tiraxe galega (que recibe da Xunta e SOGAMA cuantiosos ingresos vía publicidade/convenios), recollíase que a "valorización total" de SOGAMA superaba en porcentaxe á acadada polos ámetos de Nostián e Lousame. SOGAMA mistura allos con bugallos e inclúe como "valorización total" a incineración, equiparándoa á valorización material (reciclaxe) que supón a recuperación de materiais e a compostaxe.

Á marxe de que valorización enerxética (incineración) non é valorización material (reutilización e reciclaxe) xa que está 1 ou 2 chanzos por debaixo na xerarquía de tratamento de residuos (prevención, preparación para a reutilización, reciclado, valorización enexética e eliminación, art. 4 da Directiva 2008/98/CE sobre Residuos), resulta que o que fai SOGAMA tampouco pode considerarse valorización enerxética. Non cumpre cos criterios de eficiencia da Lei 22/2011 de Residuos, anexo II: A eficiencia enerxética de SOGAMA está no rango de 0,25 a 0,41, por baixo do 0,6 que marca lei para que o proceso sexa considerado valorización. Portanto, a incineración de SOGAMA é a todos os efeitos equiparábel á eliminación/vertido.

No conxunto e por fraccións, SOGAMA perde por goleada fronte a Barbanza e Nostián

Ao cabo, SOGAMA leva directamente a vertedoiro (eliminación) o 48% de residuos, outro 44% o incinera (que como vimos é tamén unha eliminación) e só un 8% do total recupérase/recíclase (en planta só un 2%). No modelo Barbanza esta reciclaxe atinxe un 46% e en Nostián un 33% dos residuos totais.

Fonte dos datos e gráfico: Xunta de Galiza, documento de modificación do PXRUG 2010-2020

SOGAMA confunde intencionadamente materia orgánica entrante con compost

Outro elemento da estratexia da confusión, pensado para desprestixiar directamente os sistemas baseados na compostaxe da materia orgánica, é o pouco de compost que segundo SOGAMA se obtén dos residuos. Confundir materia orgánica en bruto (entrante) con compost (produto final) ignorando deliberadamente que por cada tonelada de compost producido recíclanse 4 de residuos orgánicos, deixa clara a ignorancia e perversión dos que repetindo mil veces unha mentira pensan que virará en verdade.

Ademais a necesidade e utilidade do compost vén sendo demostrada pola comunidade cientídica dende hai anos xa que os solos galegos están a perder enormes cantidades de materia orgánica e portanto fertilidade debido á erosión e aos lumes.

Cal é a realidade dos residuos que van a vertedoiro?

Outro dos bulos de SOGAMA, amplificado convintemente polos medios do réxime, é a porcentaxe de residuos que van a vertedoiro nos distintos ámetos. Se en Barbanza e Nostián é actualmente do 54 e 66% respeitivamente, en SOGAMA vai a vertedioro o 48% dos residuos. Que acontece pois? Que SOGAMA verte menos? Isto tampouco é certo. Nin verte menos, nin verte o mesmo.

SOGAMA manda directamente a vertedoiro o 48% dos residuos que lle chegan, e cobra por tratalos!!. No Barbanza e Nostián a totalidade dos residuos que chegan son procesados, separados, clasificados e estabilizados, e só as fraccións non reciclábeis ou que non atinxen a calidade suficiente van a vertedoiro. Cun maior esforzo na separación en orixe (con sistemas como o Porta-A-Porta, por exemplo) e milloras técnicas poderiase reducir moito a cantidade finalmente vertida. É a filosofía do "Residuo Cero".

SOGAMA ao incinerar a outra metade dos residuos que lle chegan converte o lixo en residuos tóxicos e perigosos, xerando anualmente 70.000 toneladas de escouras e 35.000 toneladas de cinsas altamente tóxicas que se levan a vertedoiro en Cerceda. Desta forma, SOGAMA incumpre o obxectivo ou prioridade nº 1 da lexislación: a prevención da toxicidade e perigosidade dos residuos.

Os concellos poden e deben apostar por modelos máis baratos e ecolóxicos

Por moito que a propaganda intoxicadora da Xunta apresente a SOGAMA como a opción máis "barata", a realidade é que nunca o foi... e coa inminente suba do 34% moito menos. Malia a ter un prezo político e a cobrar por tratar o que logo verten, ao cabo SOGAMA só recicla o 2% dos residuos que lle chegan. Os outros ámetos (Barbanza e Nostián) cun custo actual similar, acadan taxas de reciclaxe mesmo superiores ao fixado na Directiva de Residuos e canto máis reciclen máis barato será o proceso.

Dende ADEGA poñemos ao dispor dos concellos toda a información que SOGAMA tentou agochar durante décadas para que comproben a viabilidade económica (e ecolóxica) dos modelos baseados na redución, a recuperación, a reciclaxe e a compostaxe da materia orgánica a nível municipal. Tamén convidámoslles a coñecer a realidade do modelo da compostaxe, visitando a planta de Lousame onde as mentiras de SOGAMA quedarán ao descoberto.

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal