Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O CSIC dá a alerta sobre a perda de solo polos...
14-01-2014
Investigadores/as do CSIC veñen de cuantificar a perda de fertilidade dos solos polos incendios. Ao impacto dos lumes engádese a erosión e a perda de nutrientes que provocan. As medidas paliativas e de rexeneración nos espazos queimados son nulas.
Malia a coñecermos dende hai anos os efectos dos lumes (e as medidas de recuperacion) sobre a fertilidade do solo, a Xunta segue ignorando o clamor da comunidade científica. Xa en 1982 Díaz-Fierros e colaboradores/as observaron perdas de solo de entre 15 e 170 t/ha en incendios en áreas forestais no primeiro ano tras o lume. Este novo estudo demonstra a grave perda de nutrientes e a dificultade para recuperar a fertilidade das áreas queimadas. Demonstra tamén a necesidade de actuar xusto despois dun lume para minimizar con sinxelas pero efectivas medidas as consecuencias da erosión.
Das máis de 16.000 hectáreas queimadas en 2013 (segundo a Xunta), só se aplicaron medidas de contención da erosión e rexeneración do solo en apenas un 0,0001% desta superficie, cun mínimo investimento. Un tráxico exemplo desta política criminal é o que aconteceu co Monte Pindo. 2500 hectáreas queimadas e a Xunta só interveu cosméticamente en 4. Non só iso senón que prohibíu a iniciativa cidadá de intervención para recuperar este espazo con voluntariado baixo pena de fortes multas e sancións.
Porén, ao día seguinte do incendio no santuario muxián da Barca, Feijóo declaraba a máxima urxencia da recuperación que custará uns 850.000€. E que hai dos nosos santuarios naturais?
Este desleixo da Xunta provocou a perda de cando menos 17.000 toneladas de solo fértil só no Monte Pindo e o arrastre dos sedimentos cara o mar, con graves danos sobre os bancos marisqueiros. Sabían que ía acontecer isto e non fixeron nada!
Tanto o recente estudo do CSIC como os traballos punteiros que dende hai anos desenvolven as universidades galegas no estudo dos lumes, as súas causas e a remediación, inciden na necesidade da atención temperá despois dun incendio.
Barreiras anti-arrastres, faixas de estrume ou "mulching", sementeira de gramíneas etc. son algunhas das medidas (e de moi baixo custo) que urxen despois dun lume.
ADEGA lembra tamén a necesidade de devolver os nutrientes perdidos aos solos queimados mediante engádegas orgánicas. O compost, provinte dos residuos urbanos e labores agrogandeiras, e producido en instalacións locais ou comarcais con garantías de calidade, sería un material idóneo e permitiría aproveitar un valioso recurso que a nefasta política de residuos da Xunta transformou nun problema.
Eis ademais o destino (malia a que todo o compost producido hoxe nas plantas galegas non chega para cubrir a demanda) que cuestionan ("o compost non ten saída") os contrarios á compostaxe: Contribuir a devolver unha pequena parte da fertilidade perdida nas terras e montes arrasados polo lume.
Pechar os ollos e os ouvidos a esta realidade, tal como está a facer hoxe a Xunta, só pode cualificarse de neglixencia criminal; un crime para co ambiente e o futuro das áreas rurais.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal