ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA-Lugo propón un novo programa de roteiros...

07-01-2014

ADEGA-Lugo propón un novo programa de roteiros para 2014

Os roteiros de ADEGA-Lugo estarán dedicados á auga ata o mes de xuño.

A auga como protagonista

A auga como protagonista

ADEGA propón unha nova xeira de roteiros para os primeiros meses de 2014. Este programa de andainas titulado “Roteiros H2O” está destinado a recoñecer a auga en varias das súas formas e funcionalidades e en diferentes eidos e espazos naturais do país. ADEGA quere aproximar a sociedade galega a aqueles lugares nos que a auga é un instrumento de traballo, moldea a paisaxe ou é xeradora dunha enorme biodiversidade.

Os roteiros de ADEGA-Lugo realízanse todos os anos co gallo de achegar aos galegos e galegas á realidade ambiental, paisaxística, social e cultural do noso territorio. Todos eles están guiados por expertos coñecedores da zona a visitar para coñecer cales son os nosos valores ambientais máis próximos e aprender a convivir con eles dun xeito respectuoso e sostible.





Lugares a visitar

Son en total 6 roteiros, un por mes, de xaneiro a xuño, que percorrerán de norte a sur a provincia de Lugo, pasando pola Terra Chá, o Val do Neira, a Ribeira Sacra, a contorna de Riotorto ou de Quiroga e paisaxes nas que se xunguen os ríos coas rías, como poderemos comprobar no concello litoral de O Vicedo.

O primeiro roteiro deste programa de 2014 será o vindeiro 26 de xaneiro e discorrerá polas Terras de Aguiar de Outeiro de Rei. Ese día visitaremos as “augas mansas” da Lagoa das Cavadas, coñeceremos o que son as “veigas” e deterémonos no asentamento castrexo coñecido como “Castelo do Picato”. Tamén haberá ocasión para visitar a Casa-Museo do poeta chairego Manuel María e o proxecto de agroecoloxía e educación ambiental chamado “Vida de aldea”, localizado neste concello.

Como participar

Programa roteiros ADEGA-Lugo para 2014

Os roteiros están dirixidos a toda a poboación galega e sen exclusión de idade. Son dunha lonxitude non superior ao 15 quilómetros e de xornada completa. O custe de cada actividade será de 10 euros para socios/as de ADEGA, 15 euros para non socios/as, 12 euros para xubilados, estudantes ou en paro, e 5 euros para menores de 17 anos.

Os participantes deberán levar para o camiño comida e calzado e roupa axeitados e reservar praza, como mínimo con 3 días de antelación, a través de email (adegalugo@adega.gal) ou dos teléfonos 982240299 ou 679113718.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal