ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Premios Osíxeno e Dioxina 2013 ás millores e...

03-01-2014

Premios Osíxeno e Dioxina 2013 ás millores e piores actuacións ambientais do pasado ano

Un ano máis, e van xa 13 edicións, ADEGA fai públicos os premios OSÍXENO e DIOXINA para recoñecer as actuacións de persoas ou colectivos a prol do ambiente (premio OSÍXENO) ou en contra (premio DIOXINA). En 2009 instituiuse o premio OSÍXENO DE HONRA para subliñar toda unha traxectoria de compromiso co ambiente e a cultura do país, que na súa primeira edición recibíu D. Isaac Díaz-Pardo.

Premios Osíxeno 2013, ás millores actuacións ambientais do ano

-Premio OSÍXENO 2013, categoría individual: Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo, pola valente decisión de abandonar SOGAMA e a incineración e solicitar a incorporación á Mancomunidade do Barbanza para compostar os residuos urbanos.

-Premio OSÍXENO 2013 categoría colectivo: Equipa xurídica de Nunca Máis, por manter durante 11 anos a loita xudicial pola dignidade do pobo galego sinalando as responsabilidades dos verdadeiros culpábeis da catástrofe do Prestige.

-Premio OSÍXENO de honra 2013: Antón Masa, presidente da APDR por toda unha traxectoria de compromiso co ambiente e defensa das rías e montes galegos fronte ás celulosas e os eucaliptos.

Premios Dioxina 2013, ás acccións máis nefastas para o ambiente

-Premio DIOXINA 2013 categoría individual: Carlos Muñoz, xefe do servizo de conservación na Coruña, un dos responsábeis dos masacres de lobos do Barbanza, do sangrado reiterado da lagoa da Frouxeira, denunciado pola Fiscalia de Medio Ambiente polo dragado da ría de Ferrol (Rede Natura 2000) e a destrución de hábitats prioritarios.

-Premio DIOXINA 2013 categoría colectivo: Parlamentares da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo que asinaron o vergoñento e manipulado informe sobre o estado das rías galegas, minimizando a responsabilidade da Xunta e o Estado na lamentábel situación destes espazos.

Os premios entregaranse no decurso dun xantar de confraternización que terá lugar o vindeiro sábado 11 de xaneiro a partires das 14:30h na Nave de Vidán (Av. Mestra Victoria Míguez, 44, Compostela).

Audios

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal