ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A fiscalía investiga os incendios forestais...

15-05-2021

A fiscalía investiga os incendios forestais provocados polas queimas ordenadas pola Consellería do Medio Rural

“Por un Monte Galego con Futuro”, plataforma da que fai parte ADEGA e outras 50 organizacións, promoveu ante a fiscalía de Ourense e Lugoa apertura dunha investigación penal polos incendios forestais producidos o pasado mes de abril a consecuencia das queimas levadas a cabo pola Consellería do Medio Rural na Serra do Courel e na Reserva da Biosfera Oscos-Fonsagrada-Terras de Burón.

A plataforma denuncia a posible comisión dun delito contra os recursos naturais e o medio ambiente, tipificado no artigo 325 do código penal, por parte dos responsables de queimas forestais supostamente controladas en zonas protexidas ou en zonas de interese ecolóxico, nun período no que boa parte da fauna se atopa en fase de reprodución e polo tanto cunha maior vulnerabilidade diante destes ataques ao medio natural. 

Sinalan que en marzo e abril, a Administración, con absoluto desprezo ao risco de incendio dadas as condicións meteorolóxicas que se estaban a producir, decidiu levar a cabo queimas supostamente preventivas que incluso nalgúns casos saltaron das áreas previstas dando lugar a incendios forestais que destruíron importantes superficies de terreos protexidos e de grande valor ambiental.

Os feitos son esclarecedores, foron reflexados no seu día  nas crónicas da prensa e non dan lugar a dúbida. Equipos da Consellería do Medio Rural co apoio da UME provocaron incendios na Serra do Courel (Lugo), afectando a unha considerábel superficie neste espazo protexido, e no Monte Muradal, no Concello da Fonsagrada, en plena Reserva da Biosfera de Oscos-Fonsagrada-Terras de Burón.

Non é a primeira vez que estas prácticas perigosas co lume provocan incendios de importancia. A Administración galega non é descoñecedora dos riscos que conlevan as queimas nin das desastrosas consecuencias para hábitats de tanto valor ecosistémico como os arrasados polos incendio do pasado mes de abril.

Estos incendios causaron graves danos a estos ecosistemas e para a extinción dos mesmos foi necesario un importante gasto. Só no caso do incendio producido na Serra do Courel tivéronse que mobilizar 5 helicópteros, 2 avións de carga en terra, buldózeres e varias motobombas e brigadas forestais. 

Ao xuízo da plataforma estos incendios non se poden considera lumes fortuítos produto da fatalidade, senón que son o froito dunha grave neglixencia con responsabilidade criminal por parte da Administración, unha neglixencia merecedora dun sanción penal contundente.

“As denominadas “queimas preventivas” resultan ser claramente prexudiciais cando, como nestes casos, se realizan en épocas de grave risco de incendio, de grave perigo para a conservación da fauna e en áreas destinadas á protección” -recalca, Benito Andrade, membro da plataforma “Por un Monte Galego con Futuro”- “Existen alternativas ao uso do lume que son practicadas en territorios da Unión Europea e que permiten o manexo seguro dos ecosistemas”.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal