ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Os macroproxectos eólicos, unha ameaza para o...

06-05-2021

Os macroproxectos eólicos, unha ameaza para o Patrimonio Cultural galego

Onte tivo lugar a primeira das mesas redondas do ciclo “Proxectos eólicos e os seus impactos na Galiza”, que organiza a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA). O encontro contou coa participación de representantes de colectivos sociais en defensa do patrimonio cultural galego, agora convertidos en activistas contra os proxectos eólicos que ameazan a conservación e uso público de bens patrimoniais.

Coa primeira intervención, de Xabier Moure, fundador do colectivo Patrimonio dos Ancares, expuxo como “todo o macizo dos Ancares está ameazado por un continuo de eólicos, aínda que se presenten fragmentados”. Cuestionou ademais o feito e de que áreas protexidas baixo figuras de preservación como son as ZEPA (Zonas de Especial Protección de Aves), LIC (Lugares de Interese Comunitario) ou BIC (Bens de Interese Cultural), etc. están afectadas por parques eólicos, incorrendo no incumprimento da normativa.

Aurora Grandal, do Instituto Universitario de Xeoloxía da Universidade da Coruña, puxo en valor da relevancia da xeodiversidade, base da flora e fauna así como depósito da nosa historia, e elemento irreparábel unha vez danado. De novo, en referencia ás leis, indicou que tanto a nivel estatal como autonómico se contempla a preservación da xeodiversidade e do patrimonio xeolóxico pero na práctica “fica esquecido e nun segundo plano”.

Pilar Sánchez representou a O Sorriso de Daniel, colectivo que ten presentadas alegacións naqueles proxectos que afectan ao patrimonio románico de Galiza, como é o caso do parque eólico de Troitomil, dentro de cuxa poligonal se atopa a igrexa de Sta. Mariña de Lañas, ademais de afectar aos recursos acuíferos que subministran as aldeas subxacentes. Sánchez, explicou como atoparon varias dificultades á hora de alegar como incorreccións na toponimia, fragmentación en fases dos proxectos ou imprecisión á hora de presentar os impactos do parque (xa non só dos muíños senón das infraestruturas asociadas, como as liñas de evacuación, pistas de acceso etc.). Propuxo, tamén, que a “Dirección Xeral de Patrimonio sexa un axente na avaliación e autorización de permisos para estes proxectos eólicos”.  

Por último, Luis Leclere, presidente do Colectivo A Rula, reivindicou o “patrimonio cultural e a memoria, porque perdelos significa perder a identidade”. Presentou casos concretos como o do Monte Piquiño, con grande concentración de petróglifos e mámoas, algúns deles sen catalogar, onde se conseguiu paralizar o proxecto; o Petón da Campaíña (Corme), un dos petróglifos mais singulares de Galiza, actualmente rodeado de eólicos; ou a actual ameaza aos penedos de Pasarela e Traba (Vimianzo).

A modo de conclusión, as catro persoas relatoras coincidiron na necesidade de revisar o Plan Sectorial Eólico en cumprimento das leis de protección do territorio, o medio, a paisaxe e o patrimonio, así como na necesidade da mobilización social para frear esta vaga eólica e que quere facer de Galiza “terra de sacrificio”.

Próximo coloquio: os impactos sobre a Biodiversidade

A vindeira mesa redonda, “Impactos sobre a Biodiversidade”,  terá lugar o 12 de maio ás 19.30 a través da web de ADEGA ou da canel de Youtube e contará coa participación de: 

  • Óscar Rivas, SGO (Sociedade Galega de Ornitoloxía).
  • Roberto Hermida, Morcegos de Galicia.
  • Óscar Chao, Proxecto Rebinxe.
  • Ernesto Díaz, da Plataforma por la Defensa de la Cordillera Cantábrica.
Modera: Lucía Álvarez, ADEGA.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal