ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA aplaude a negativa do Ministerio ao Salto...

10-07-2012

ADEGA aplaude a negativa do Ministerio ao Salto do Navia e reclama a caducidade da concesión

Río Navia

Lugo, 10 de xullo de 2012. O xoves dia 5 de Xullo do 2012 pasará á historia despois de que o Ministerio de Medio Ambiente publicase no boletín Oficial do Estado a declaración de impacto ambiental negativa do encoro no río Navia, promovida por Saltos del Navia (sociedade ao 50% de Endesa e Hidrocantábrico) desde 1951. Este foi o oitavo intento da promotora de desenvolver esta concesión franquista na mesma ubicación e cuxa tramitación comezou en 2007. Nas demais ocasións (1951, 1956, 1964, 1975, 1976, 1985, 1995) a oposición social tamén foi frontal, o que conseguiu impedir a execución da presa. Desde ADEGA reclamamos que se evite un novo intento da promotora de desenvolver o proxecto e máis agresións para a comarca, declarando a caducidade desta concesión franquista.

O aproveitamento hidroeléctrico de Saltos del Navia contemplaba un encoro dunha altura de 75 metros, elevada a 130 metros en 1956 co proxecto “Gran Suarna”, e a 150 metros en 1975. Daquela, a obra ía anegar catro núcleos de poboación entre os que se atopaba a vila de Navia de Suarna. Desde entón, o salto do Navia vén sendo amplia e unanimente rexeitado, non só polo sector ecoloxista e universitario, senón tamén polo conxunto da poboación afectada e polas administracións locais, provinciais e autonómicas; mesmo o Parlamento de Galiza acordou en maio de 2010 a oposición unánime a este proxecto hidroeléctrico.

Río Navia

Neste devalar da historia do Salto do Navia, ADEGA tense manifestado desde o comezo en contra, denunciado repetidamente a gravidade do proxecto sobre o medio natural da área afectada, espazo de Rede Natura e recoñecida por outras 4 figuras de protección; sobre o se patrimonio cultural, xa que afectaría a numerosos lugares de interese arqueolóxico; e no ámbito social, pois a presa anegaría preto de 450 hectáreas dunha zona eminentemente agraria. Por outra banda, este proxecto sumaríase aos outros 3 aproveitamentos hidroeléctricos que xa están a sobreexplotar o río Navia, confinando ao efluente a unha canle sen auga e, por tanto, sen vida.

Unha vez máis, e grazas ao rexeitamento social e ao traballo de organizacións como ADEGA, o Ministerio de Medio Ambiente atende as nosas denuncias e emite unha declaración de impacto negativa que impide o desenvolvemento do proxecto. Pero, desde ADEGA, cremos que aínda non é suficiente. Consideramos que o Estado debe decretar a caducidade da concesión outorgada en 1951 a Saltos del Navia para impedir que a empresa siga intentado reiteradamente levar a cabo o proxecto e para evitar que a comarca siga soportando as consecuencias negativas desa promesa reiterada do proxecto, que polo de agora só animou ao abandono e ao despoboamento da zona. É difícil de crer que, pese a máis de 60 anos de oposición total a esta infraestrutura por parte das poboacións afectadas, dos colectivos sociais e das administracións públicas, o goberno central do Estado aínda non teña pechado definitivamente as portas a este proxecto.

Así mesmo, agardamos que o Ministerio de Medio ambiente, a través da confederacións hidrográficas con competencia en Galiza, e o organismo Augas de Galicia, amosen a mesma actitude de oposición contra proxectos hidroeléctricos novos ou de reponteciamento que as organizacións ecoloxistas estamos a denunciar por seren atentados contra os nosos ríos e os valores ambientais, paisaxísticos, patrimoniais e socioeconómicos do noso territorio.

Por último, instamos ás administracións do Estado e de Galiza a decretar, non só a caducidade, senón a demolición dalgúns encoros que proceden da época franquista e que deixaron de ser úteis para a sociedade e a prol de que os nosos ríos discorran libres e máis limpos.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal