ADEGA

Inicio / Novas / Todas / O futuro das electrointensivas na Galiza centra o...

18-02-2021

O futuro das electrointensivas na Galiza centra o nº 83 da Revista Cerna

ADEGA presenta o número 83 da Revista Cerna, a publicación sobre ecoloxía e medio ambiente en Galiza. Nesta edición faise un repaso por algunhas das centrais eléctricas máis contaminantes do noso país e as electrointensivas (industrias que representan o 34% do consumo eléctrico total de Galiza) que dependen delas, afondando no caso de Alcoa ante o seu posible peche.

Outro tipo de contaminación, a xerada polos xurros da gandería intensiva na Limia, tamén ten espazo neste número. Un artigo escrito polo agricultor limiao denunciado por Coren, analiza o impacto ambiental derivado da mala xestión dos residuos, entre os que se contan a eutrofización do río, a presenza de nitratos na auga para consumo, ademais da degradación paisaxística.

Investigadores expoñen as conclusións tras o estudo das aves que apareceron mortas nas praias galegas e comezos do mes de marzo a consecuencia dun “sentinazo”.

Coa mirada posta na conservación da biodiversidade mariña, os investigadores do Proxecto Virada presentan a problemática en Galiza das capturas accidentais de cetáceos derivadas da pesca, con especial incidencia na toniña, especie en risco de desaparación, e a súa aposta pola monitorización para evitalas.

Tamén en clave de futuro, damos a coñecer a iniciativa Aliança pela Floresta Autóctone para a recuperación da biodiversidade dos montes en Portugal e o proxecto de posta en valor da figura do ecoloxista Alfonso del Val.

Nas sección fixas de Flora e Fauna, reivindican a profesión dos besteiros e as cualidades da Saponaria, mentres Ciencia Cidadá presenta unha comparativa das oito plataformas de ciencia cidadá mais empregadas no contexto galego e ibérico.

Mantemos o compromiso co noso territorio

ADEGA, con máis de 40 anos de historia, mantemos o compromiso co noso territorio, hoxe aínda con maior convicción. Avogamos por un modelo de desenvolvemento ecoloxicamente sustentábel e socialmente xusto, por un modelo de desenvolvemento sen destrución ambiental que reduza as desigualdades dentro de cada país e entre países. Centramos o noso traballo en Galiza sen por iso deixarmos de ter unha visión global da problemática ambiental e de exercermos na medida das nosas posibilidades a solidariedade coas loitas ambientalistas doutros pobos.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal