10-02-2021
Tras a xuntanza mantida o pasado venres co grupo parlamentario do PP, representantes da fronte de organizacións sociais, ecoloxistas, agrarias e sindicais(entre as que está ADEGA), que se opoñen á primeira revisión do Plan Forestal de Galiza reuníronse onte co PSOE e o BNG. A representación da fronte estivo integrada, desta vez, por Diego Sánchez Agra, Manuel da Cal, Benito Andrade, Xosé Alfredo Pereira, Cristóbal López e Belén Rodríguez, que se xuntaron ás 11:00 con Martín Seco, Carmen Rodríguez e Pablo Arambuena, do grupo socialista; e ás 12:30 con María Albert e Carme Aira, do grupo nacionalista. Ambos grupos parlamentarios escoitaron as nosas propostas e expresaron a súa intención de opoñerse e votar en contra da revisión do PFG.
Como na anterior xuntanza, onte explicáronselles aos deputados e deputadas do PSOE e o BNG os argumentos nos que sustentamos o noso rexeitamento á revisión do PFG e que se resume nun decálogo que se lles entregou actualizado con respecto á semana pasada e que transcribe a continuación.
Ti tamén podes apoiar o DECÁLOGO! Fai a túa petición por Change.Org
1. Fai unha diagnose ficticia da situación do monte galego a partir dun inventario forestal irreal e desfasado (datos de 2009), que descoñece a superficie de partida do E. globulus e do E. nitens. A 1ª revisión do Plan Forestal debería partir da actualización do Inventario Galego Forestal.
2. Carece de consenso social. Na súa tramitación non se viron representados todos os axentes sociais vinculados ao monte e ao medio rural.
3. Responde unicamente a intereses produtivistas e de carácter privado poñendo a ordenación dos usos do monte en mans das empresas madeireiras e forestais, e deixando de lado o interese público e xeral e a necesidade de manter unha reserva ecolóxica de hábitats naturais polo seu valor ecosistémico.
4. Fomenta o monocultivo e o aumento de especies pirófitas e invasoras ata acadar 1,4 millóns de Ha de piñeiros e eucaliptos en 2040, e o aumento de 3 millóns de m³ de cortas anuais de madeira de baixo valor engadido ata acadar os 12 millóns de m³ de cortas / ano.
5. Propón aumentar aínda máis a superficie ocupada por eucalipto E. nitens, pese a ter rebasado xa en máis do dobre as previsións para 2030, e en detrimento das masas forestais autóctonas que apenas sufrirán incremento nos vindeiros 20 anos.
6. Promove a forestación de terras agrarias, ao deixar en mans de empresas madeireiras e forestais máis de 150.000 Ha destes terreos.
7. Favorece a vulnerabilidade do monte galego fronte ao cambio climático e desvía investimentos destinados a fins de conservación e servizos ambientais para fins produtivistas.
8. Potencia a proliferación e intensificación dos lumes forestais e a privatización da loita contra os incendios. Non formula solucións para as causas estruturais dos incendios e segue primando o investimento na extinción fronte a prevención.
9. Agrava a situación de abandono e desertización do rural galego, impedindo o desenvolvemento dun monte multifuncional que xere riqueza e recursos diversos para as persoas que viven e traballan no rural. Desbota unha vez máis a oportunidade de apostar por un modelo de montes sustentábel, pola madeira de calidade e polo peche dos ciclos produtivos dos distintos aproveitamentos do monte.
10. Alenta a desaparición dos montes veciñais en man común, favorecendo a súa privatización e a eliminación do carácter xermánico da titularidade veciñal. Propón a revisión da condición de veciño/a comuneiro/a, de dotar as mancomunidades de montes de personalidade xurídica, e que as comunidades de montes tributen no imposto sobre sociedades, como se fosen empresas mercantís.
A Estruga, A Rente do Chan-Pladever, A Ría Non se Vende, A Terra Non se Vende (ATNSV), Agrupación Micolóxica Naturalista Liboreiro, Amarelante Sociedade Cooperativa Galega, Amigos da Terra, Anduxía, Asociación Ambiental Petón do Lobo, Asociación Ambiental Senda Nova, Asociación de Amigos e Amigas dos Bosques “O Ourol de Anllóns”, Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación para a defensa medioambiental Salvemos Monteferro, Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS), Asociación Galega de Apicultura (AGA), Asociación Galega Cova Crea, Asociación Cultural Bidueiro, Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), Asociación Frouma, Asociación Medioambiental Galicia Ambiental, Asociación Medioambiental Grupo Lobo, Asociación Monte Galego, Asociación Montes de Galiza (MONTEGAL), Asociación Naturalista Baixo Miño (ANABAM), Asociación Rebinxe, Asociación Rexeneración Autóctona, Asociación Veciñal do Saviñao, Colectivo Agrocuir da Ulloa, Comando Ghichas, Confederación Intersindical Galega (CIG), Ecoloxistas en Acción, Federación Ecoloxista Galega (FEG), Federación Rural Galega (FRUGA), Foro do Camiño, Fundación Eira, Greenpeace, Grupo Naturalista Hábitat, Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo "CÍES", Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro, Quercus Sonora, Salvemos as Fragas de Catasós, Sindicato Labrego Galego, SOS Groba, Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), SOS Suído Seixo, Terra Chá Sostible, Verdegaia e Véspera de Nada.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal