Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Xunta e Estado poden e deben pechar xa as granxas...
27-01-2021
ADEGA vén de solicitar novamente á Presidencia da Xunta e á Delegación do Goberno en Galiza o peche cautelar das 26 granxas de visón americano no noso territorio. Teñen capacidade legal e ferramentas para facelo: a que están agardando?
A recente aparición de casos de SARS-CoV-2V nunha granxa de visón americano (Neovison vison) no concello coruñés da Baña pon novamente foco sobre os graves riscos que para a saúde ambiental e cidadá comportan estas instalacións. Os abrochos de coronavirus nestas explotacións son moi numerosos en todo o mundo, con evidencias da transmisión humano-animal e viceversa, e mesmo aparición de novas variantes do virus para os que as diversas vacinas que se están comezando a distribuír poderían non ser efectivas.
Dende ADEGA consideramos que os riscos derivados do mantemento destas explotacións non están en absoluto controlados coas medidas derivadas do programa estatal de prevención, vixilancia e control do SARS-CoV-2, aplicado pola Xunta dende o pasado mes de setembro. Trátase dun programa de control pasivo que só realiza análises se aparecen visóns con síntomas compatíbeis co SARS-CoV-2 ou algún dos operarios tivo un diagnóstico positivo.
Entendemos que en plena terceira vaga da pandemia con cifras de contaxio e hospitalización achegándose ás da pasada primavera, nen sequera a posta en marcha de medidas activas de control en todas as granxas de visón, con analíticas sistemáticas a todo o persoal e mostraxes representativas dos animais, serían suficientes para desactivar o alto risco de contaxio e transmisión da enfermidade que supoñen estas instalacións. Non podemos permitir que unha fuxida accidental ou intencionada de animais infectados derrame os esforzos e as duras medidas de control social, profilaxe e tratamento adoptadas polas administracións para conter a pandemia.
Xa que logo dende ADEGA vémonos na necesidade de reiterar a nosa solicitude, desta volta dirixida ao Presidente da Xunta e ao Delegado do Goberno, de decretar o peche cautelar de todas as granxas de cría de visón americano en Galiza, para, seguindo o exemplo dalgúns países europeos (Holanda, Dinamarca, Reino Unido, Francia, Holanda, Hungría...) que recentemente aplicaron ou teñen xa decretado prohibicións e peches, suprimir de vez esta fonte certa de risco sanitario.
Alén dos decretos estatais que soportan o actual estado de alarma, esiximos a aplicación de varias normas legais que facultan ás administracións galega e estatal para decretar, como propoñemos, o peche destas instalacións co fin de controlar as enfermidades transmisíbeis ou diante de riscos extraordinarios ou inminentes para a saúde pública, como son a Lei de Medidas Especiais en Materia de Saúde pública, a Lei Xeral de Sanidade ou a Lei de Sanidade Animal.
Por tanto, non hai pois razóns que xustifiquen a demora en adoptar medidas drásticas. Cada hora que estas granxas seguen abertas sométese á poboación galega a un risco inasumíbel, polo que de persistir a inacción administrativa non descartamos acudir a instancias europeas ou á propia Fiscalía de Medio Ambiente.
Para máis información: Fins Eirexas, secretario técnico (981570099)
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal