Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA e WWF instan ao conselleiro de Medio Rural...
04-12-2020
Ante o aumento dos brotes de coronavirus en case 400 granxas de visóns estadounidenses en polo menos 10 países do mundo, ADEGA e WWF alertan da vulnerabilidade de Galiza, xa que é a comunidade autónoma con máis explotacións de peles de todo o Estado español. Actualmente, a comunidade galega ten polo menos 26 explotacións, o que representa algo máis do 80% do total do país. Por este motivo, as dúas organizacións solicitan á Xunta de Galicia que actúe de xeito preventivo, mediante o seguimento activo das explotacións para detectar posibles brotes, e tamén solicitan que procedan ao seu peche definitivo.
ADEGA e WWF veñen de enviar unha carta ao Conselleiro de Medio Rural, Xosé González Vázquez, principal responsable na Xunta de Galiza da falta de control que existe nas 26 granxas de visóns americanas da comunidade, o que pode provocar que non se detecten a tempo brotes e mutacións do SARS CoV-2, como sucedeu en granxas de Dinamarca, onde tiveron que ser sacrificados 17 millóns de visóns americanos. Para evitar que isto suceda ambas organizacións reiteramos a necesidade de que se instaure este exhaustivo sistema de control e que se pechen de inmediato e definitivamente estas explotacións en Galiza e as seis restantes do resto do país (Castela e León, País Vasco e Comunidade Valenciana e Aragón).
Expertos da comunidade científica internacional, como o Centro Europeo de Prevención e Control de Enfermidades (ECDC), recoñecen o risco que representan as granxas de visóns americanas como reservorio do coronavirus, debido á posibilidade de contaxio para os humanos e mutacións, se ben aínda son necesarias máis investigación para avaliar plenamente o alcance e o impacto destes novos descubrimentos. As recomendacións máis xeneralizadas por esta comunidade científica - onde tamén está a Organización Mundial da Saúde (OMS) - é a implantación urxente de sistemas de vixilancia proactivos, é dicir, a toma de mostras sistemáticas de animais e humanos (aínda que non presenten síntomas), a secuenciación do xenoma SARS-CoV-2 en caso de que aparezan brotes na contorna da granxa e a comunicación de información.
Non obstante, ADEGA e WWF lamentan que en Galiza, como noutras rexións do Estado, só se fixo un seguimento pasivo, cando existen sospeitas de posibles casos, tendo realizado análises só en 4 das 26 granxas de visóns en funcionamento, segundo recoñece a propia Xunta de Galiza nunha solicitude de información realizada por ADEGA. Neste sentido, as organizacións subliñan que un seguimento proactivo, como se fixo en Holanda e como recomendan os expertos, implicaría a realización de análises periódicas tanto dos traballadores da granxa como dos visóns -mesmo se non presentan síntomas-, e tamén a realización de autopsias aos animais que morren para coñecer a causa.
Gema Rodríguez, responsable do programa de especies de WWF España, afirma: “En España estase a subestimar os riscos para a saúde destas explotacións e é posible que non se detecten posibles brotes e mutacións. A vixilancia preventiva é esencial e grazas a ela detectáronse novos casos en Suecia, Grecia, Polonia, Francia, Italia e Lituania, ademais dos xa coñecidos nos Países Baixos, Dinamarca, Estados Unidos e España (Aragón)”.
Belén Rodríguez, secretaria executiva de ADEGA, advirte que “Galiza non ten por que soportar todo o risco ambiental e sanitario do Estado asociado á crianza de visóns americanos, a cal ademais apenas deixa pegada na economía local. É o momento de pechar en Galiza todas as granxas de visón americano, como están a facer a maioría dos países europeos”.
Os últimos traballos científicos publicados recentemente por equipos de investigación dos Países Baixos [2] e Dinamarca [3] demostran os graves riscos para a saúde humana nas granxas de visóns americanos, porque este animal actúa como vector do virus SARS-CoV-2 e pode contaxiar ao ser humano. Ademais, nas últimas semanas, a Axencia Danesa de Saúde Pública proporcionou novas evidencias de que o virus se replica de forma moi eficiente e sufre mutuacións de forma máis rápida e frecuente nos visóns americanos criados en granxas e que ditas mutacións se poden transmitir posteriormente aos humanos, e de humanos a humanos como xa ocorreu en Dinamarca, onde se identificaron máis de 200 persoas infectadas coa mutación do virus procedente do visón.
Estes descubrimentos teñen relevancia mundial e provocaron todas as alertas na comunidade científica internacional. O feito de que algunhas das novas variantes do virus orixinado no visón xa circulen entre a poboación humana, sumouse ao risco de que poidan aparecer novas variantes máis virulentas ou que poidan comprometer a eficacia das vacinas actualmente en desenvolvemento, explica. Países como Holanda -que avanzou o peche das súas granxas-, Dinamarca -que ordenou a matanza de todos os visóns das súas granxas de peles- e o Reino Unido -que estableceu restricións de entrada para os viaxeiros de Dinamarca- tiveron que tomar estas decisións tan drásticas nos últimos meses e semanas. Recentemente outros países sumáronse á prohibición de cultivar visóns americanos nos seus territorios (Francia, Irlanda ou Hungría).
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal