ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA e a PDRA presentan recurso contra a...

02-12-2020

ADEGA e a PDRA presentan recurso contra a autorización para desviar regos na mina de Touro

ADEGA e a PDRA (Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa) veñen de recurrir en alzada a decisión de Augas de Galiza de autorizar o transvase temporal das augas de tres regos da contorna da mina de Touro, con destino á balsa de Vieiro.

Este polémico proxecto, presentado a principios de 2019 pola empresa que xestiona a mina de Touro, Explotaciones Gallegas SL, supón o desvío temporal por uns 6 meses das augas contaminadas destes regos (Felisa, Portapego e Angumil) á balsa de Vieiro. Segundo Augas de Galiza, o obxectivo é “dar un pouco máis de marxe temporal” á empresa para redactar un proxecto definitivo de tratamento das augas contaminadas da mina.

Tal xustificación é en si mesma un insulto: Explotaciones Gallegas SL dispuxo de máis de 30 anos para solucionar os pasivos ambientais da mina e eliminar as continuas verteduras de augas contaminadas dende o complexo mineiro á bacía do Ulla e á ría de Arousa. Pola súa banda, a administración tivo ese mesmo tempo para esixir da empresa unha correcta restauración dos labores mineiros abandonados, cuxas balsas e entulleiras non deixaron en ningún momento de verter augas ácidas.

Ademais o proxecto en si é un verdadeiro delirio: van transvasar augas de tres regos contaminados a unha balsa mineira cunha limitada capacidade e que por riba presenta numerosas filtracións ao dominio público! Trátase de mover a contaminación de sitio durante un tempo agochándoa baixo unha alfombra (a balsa) chea de buracos... O proxecto podería incorrer tamén en varias ilegalidades, xa que supón unha dilución da contaminación disfrazada de transvase, cuestión expresamente prohibida pola Lei de Augas galega. A propia temporalidade abre máis incertidumes: cal será o destino das augas contaminadas logo de rematada a drenaxe temporal? Suprimiranse os bombeos voltando á situación actual ou desviarase o problema a outras balsas? Porque semella claro que o que non se solucionou en máis de 30 anos non se vai facer en 6 meses, como apontan informes internos da administración, que consideran o proxecto definitivo como “unha tarefa complicada que posiblemente se dilate no tempo”.

ADEGA e a PDRA lamentan que a administración se preste a este tipo de “solucións temporais” que non son máis que chafalladas e malos parches. Se realmente a Xunta quixera contribuir a solucionar o problema da contaminación da mina, debería obrigar á concesionaria a presentar, con carácter previo a calquera autorización, o proxecto definitivo para o tratamento dos efluentes mineiros. Despois de 30 anos de incumprimentos e millóns de toneladas de contaminantes vertidos impunemente ao dominio público, non pode haber lugar para máis compoñendas.

Máis información:


Fins Eirexas, ADEGA (981570099)
Xaquín Rubido, PDRA (657339908)

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal