ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / ADEGA participa na Semana Europea de Prevención...

23-11-2020

ADEGA participa na Semana Europea de Prevención de Residuos

Un ano máis ADEGA súmase á Semana Europea de Prevención de Residuos que terá lugar do 21 ao 29 de novembro. O obxectivo desta campaña é levar a cabo durante unha única semana diferentes accións de concienciación sobre a xestión sostible dos recursos e residuos, así como dar a coñecer estratexias de redución de lixo e a política da Unión Europea e dos seus estados membros nesta materia. As actividades estarán dirixidas a usuarios/as das redes sociais, centros educativos e asociacións.

ADEGA apoia firmemente esta campaña de sensibilización, e participa mediante distintas accións de concienciación en prevención de residuos, reutilización e reciclaxe que estarán abertas á cooperación cidadá e á comunidade educativa.

Accións

Unha das accións desta semana é “Faite influencer do lixo”, unha campaña de divulgación para as redes sociais centrada en informar á poboación sobre as alternativas ao uso indiscriminado de produtos que xeran grandes cantidades de lixo. Esta campaña desenvolverase desde hoxe ata o 29 de novembro en Facebook, Instagram e Twitter.

Facebook:https://es-es.facebook.com/adega2.gal
Instagram: https://www.instagram.com/adega_ecoloxismo/
Twitter: https://twitter.com/adegagz?lang=es

Ademais, levaranse a cabo diferentes actividades co alumnado do CEIP de Barouta (Ames) os días 23, 24, 26 e 27 de novembro durante toda a mañá, baseadas en obradoiros de manualidades e xogos no marco da estratexia dos 3 erres (redución, reutilización e reciclaxe) e da separación en orixe dos residuos.

Outras accións que terán lugar esta semana son as charlas online coas persoas usuarias da Asociación Misela (Noia) os días 24 e 25 de 10:30 a 11:30 h que estarán centradas na prevención e separación dos residuos en orixe, especialmente os de tipo mariño.

Para máis información:  maria.amigo@adega.gal Teléfono: 981 57 00 99 (María Amigo)

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal