ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A caza, dobremente perigosa en época de pandemia

20-11-2020

A caza, dobremente perigosa en época de pandemia

ADEGA considera pouco entendible e absolutamente rexeitable que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural permita a actividade cinexética, federada e non federada, durante a vixencia das medidas de prevención específicas motivadas pola evolución da situación epidemiolóxica do Covid-19 na Galiza. Resulta totalmente irresponsable que, só por dar compracencia a determinados colectivos sociais, se estean a fomentar por parte da administración pública prácticas de risco que potencien o aumento dos casos de contaxio como o acontecido esta semana na localidade lucense de Sarria, e que situou o  concello no nivel de alerta vermello polo incremento de contaxios por coronavirus con orixe nunha comida de cazadores. Este feito podería ter sido perfectamente evitable.

Diante da grave e excepcional situación que vivimos, é ilóxico e irracional que quen participe en batidas quede exento dos confinamentos perimetrais e poida desprazarse a calquera lugar do país. Cando se lle está a pedir un esforzo extraordinario á maioría de sectores económicos e sociais da sociedade, con peches de actividade e redución de mobilidade e tránsito moi restritivos, non semella xusto nin entendible que a Xunta lle outorgue o privilexio da barra libre na mobilidade ao colectivo de cazadores, un privilexio que podería resultar perigoso para os propios participantes nas batidas e para as súas familias.

Unha xustificación de base técnica moi feble

ADEGA considera que a xustificación pretendidamente técnica da Xunta é moi feble e oportunista. Acorda eximir a actividade cinexética das restricións de mobilidade como medida preventiva e ante a hipotética necesidade de realización de batidas no caso da existencia de danos aos cultivos por causa do xabaril. Porén, non reforza neste período as medidas de prevención para o ataque de xabarís aos cultivos, nin tan sequera insta a reducir o número de participantes nestes eventos ao mínimo establecido por normativa (un mínimo de 8 e un máximo de 30 integrantes, e sempre con participantes locais do propio TECOR onde teña lugar).

Actividades cinexéticas como as batidas poden chegar a aglutinar até 30 participantes, moitos deles convidados procedentes doutros concellos, sendo eventos que, segundo apunta o propio sector, reforzan a “camaradería” e a confraternidade entre quen os practica como actividade de ocio que vai máis alá da propia caza. Malia a que nestas situacións se crea un risco de contaxio certamente elevado, non se prevé que os participantes teñan que ser sometidos á realización previa de test PCR, como se fai noutros eventos deportivos que concentran incluso menos participantes.

Detrás desta medida subxace o trato de favor que a Xunta e, particularmente a Consellaría de Medio Ambiente, está a conceder a determinados grupos de presión do sector cinexético nesta época de pandemia, arrogándolle á caza unha especie de auréola de custodia do mundo rural e da biodiversidade baseado nun insistente e propagandístico relato rotundamente falso. De feito, a Xunta discrimina das excepcións nas restricións de mobilidade a aqueles outros colectivos sociais, voluntarios e altruístas, que si teñen un recoñecido papel no fomento e conservación da biodiversidade natural e que se ven obrigados a cumprir coas restricións xerais.

Malia que en situacións de confinamento a mobilidade por estrada se prevé menor e, por tanto, tamén os casos de accidentes de tráfico por atropelo de xabaril, a Xunta tamén utiliza esta escusa para permitir a caza durante o estado de alarma  e como medida preventiva, pois non existen estudos técnicos que certifiquen que esta causa sexa de forza maior. Tampouco contempla a Xunta a incidencia que poida ter a propia actividade cinexética na intensificación dos desprazamentos da poboación de xabaril e no cruce de estradas.

O lobo, de novo, instrumento político

Por outra banda, ADEGA considera especialmente revirada e malintencionada a decisión de incluír a caza do lobo na circular da Xunta que exime a actividade cinexética das restricións de mobilidade pola Covid-19, cando este tipo de batidas só se contemplan en situacións de excepcionalidade. As autorizacións de controis do lobo deben cumprir cun procedemento de constatación na recorrencia nos ataques e demostración de que terían sido infrutuosas as medidas preventivas aplicadas, conforme ao que dispón o Decreto 297/2008, do Plan de Xestión do lobo de Galiza. De aplicarse con rigor o procedemento establecido, as autorizacións de caza do lobo resultarían moi excepcionais, ou non habería, polo que permitir a caza do lobo en pleno estado de alarma, non obedece a unha razón de forza maior nin tampouco a unha especial concorrencia de situacións de ataques ao gando.

Por outra banda, a caza do lobo estaría sendo incoherente con outro dos argumentos nos que se fundamenta a Xunta para permitir a caza do xabaril durante esta situación de excepción: a necesidade de reducir as densidades da poboación de xabaril, a cal “veu experimentando un incremento no conxunto do territorio de Galicia”, entre outros motivos, “pola falta de depredadores”. O lobo é o depredador natural do xabaril.

Desde ADEGA, cremos que, ante a ausencia de motivacións técnicas, esta medida só pode obedecer á procura por parte da Xunta da confrontación política co Ministerio de Transición Ecolóxica, o cal amosa intención de outorgarlle maior protección á especie e incluílo no Listado de especies silvestres en réxime de protección especial, á vista do ditame científico do Ministerio que cualifica a situación do lobo, para o sexenio 2013-2018, como desfavorable e inaxeitada. Desaprobamos que se utilice o lobo como arma de provocación política e menos na actual situación de crise ambiental e sanitaria.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal