Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Alerta sanitaria: Galiza ten o maior risco de...
11-11-2020
As 26 granxas de visóns radicadas en Galiza (as 3/4 partes do Estado), alén de supoñer un elevado risco biolóxico para os ecosistemas, poden ser tamén un vector de dispersión de novas cepas de COVID-19. A que agarda a Xunta para decretar o seu peche?
Nos últimos anos, o comportamento ultra-permisivo da Xunta coa industria pelexeira do visón fixo que no noso país recalaran novas granxas, fuxindo da prohibición destas instalacións en moitos países europeos (Holanda, Reino Unido, Alemaña, Suíza, Austria, Croacia...).
As granxas de visón americano, unha especie exótica invasora, supoñen un elevado risco biolóxico para os nosos ecosistemas naturais. Os eventuais escapes ou as liberacións intencionadas fan que o visón americano xa críe en estado salvaxe en moitos lugares de Galiza, causando graves danos á biodiversidade autóctona. O movemento ecoloxista leva anos reclamanto o peche progresivo destas instalacións, por perigosas e innecesarias, que non poucas veces tamén son exemplo de maltrato animal.
A esta situación hai que engadir agora os riscos para a saúde das persoas derivados da posíbel transmisión do COVID-19 por esta especie. O visón americano pode servir como vector de transmisión desta pandemia, unha vez contaxiado o virus por parte dos humanos ou doutros animai xa infectados. Mesmo xa se teñen documentado casos de visóns enfermos cunha nova cepa de COVID-19, que de saltar aos humanos podería facer inefectivas as vacinas que arestora se están a ensaiar.
En plena pandemia de coronavirus, nalgúns países de Europa como Dinamarca, decretouse o peche de todas as granxas como medida preventiva ao producírense casos de COVID-19. No Estado español, xa hai documentados casos de transmisións do coronavirus por visóns: en Teruel tivéronse que clausurar varias granxas e sacrificar a 100.000 visóns americanos.
A Xunta sempre se amosou reacia a controlar e limitar a expansión gas granxas de visón. Mesmo seguíu autorizando explotacións (as últimas en 2018 e 2019) cando en Europa estábanse a pechar. No Estado español, a partir de 2014, a estratexia de xestión, control e erradicación do visón americano recomendou afortalar as medidas de contención e bioseguridade para as granxas. A día de hoxe non son poucas as instalacións galegas que seguen sen actualizar as súas instalacións para incorporar estas medidas.
Arestora en plena pandemia de COVID-19, a Xunta malia a ter competencias plenas en gandería, volve descarregar no Estado a responsabilidade de tomar medidas nas granxas contra o coronavirus. Vimos de coñecer que dende este mes de setembro a Xunta está a aplicar un programa de prevención estatal nas granxas que só establece controis se hai visóns con síntomas compatíbeis co COVID, ou algún dos operarios tiveron un diagnóstico positivo. Así das 26 granxas activas espalladas polo país, só se fixeron controis en 4 delas (até o de agora negativos. Ver táboa)
Para ADEGA isto non é suficiente. Hai evidencias da transmisión do COVID através dos visóns de granxa nos dous sentidos (humano-animal e viceversa), e mesmo da presenza de novas cepas de coronavirus para as que aínda non hai vacina nen tratamento. A expansión dunha destas cepas podería comprometer a eficacia das vacinas que nestes intres se están a desenvolver para distribuir masivamente a principios de 2021.
Xa que logo, o risco que para a cidadanía galega supoñen estas instalacións require de medidas máis drásticas: a Xunta debería tomar a iniciativa e facer seguemento e análises dos animais e persoas traballadoras de todas as granxas, non só daquelas con positivos ou casos sospeitosos.
Sobran pois razóns para seguir a reclamar, como vimos de facer as organizacións ecoloxistas estatais, a clausura destas instalacións "gandeiras". Agora máis que nunca, os supostos beneficios económicos desta perigosa actividade non poden servir de excusa e moito menos compensan os elevados riscos para o medio ambiente e a saúde da cidadanía.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal