ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Colectivos ciclistas e ecoloxistas lanzan unha...

18-10-2020

Colectivos ciclistas e ecoloxistas lanzan unha campaña para respectar o carril bici de Vigo

A plataforma Vigo Ciclábel, composta por diversos colectivos ciclistas e ecoloxistas de Vigo, entre eles ADEGA, fai un chamamento á cidadanía apelando á corresponsabilidade social e á empatía viaria para respectar o carril bici co fin de non estacionar vehículos sobre el. Esta práctica ilegal supón un risco viario para todas as persoas ciclousarias xa que obriga a estas, sempre que o sentido do tráfico o permita, a ocupar a calzada de xeito inesperado. En caso contrario, obriga a baixarse da bici e ocupar a beirarrúa coa conseguinte molestia para as e os peóns e á persoa ciclista. Prácticas como o estacionamento sobre o carril bici pode supor unha traba á mobilidade sostible e á seguridade nos desprazamentos en bicicleta.

A NECESIDADE DUN CAMBIO URXENTE NA MOBILIDADE PARA A SAÚDE

A chegada do carril bici á cidade está a supor un cambio no paradigma da mobilidade sostible de Vigo, animando a moita máis xente de todas as idades (dende nenos de 8 a maiores de 80 anos) a facer desprazamentos diarios neste medio de transporte, cunha maior sensación de seguridade e podendo circular de xeito pausado. A Covid 19 viu poñer patente a necesidade de recuperar o espazo público de rúas e prazas para as persoas, demostrando que Vigo se pode vivir de xeito máis saudable e seguro para a súa cidadanía mediante un maior incentivo a moverse camiñando e en bicicleta. Pero para isto fai falla maior infraestrutura, promoción e respecto destas formas de desprazamento fronte ao uso do coche particular. Por iso vimos pedir tamén ao Concello de Vigo: 

  • Instar á policía local a sancionar con maior desempeño este tipo de infraccións que poñen en risco viario a todas as persoas, desde crianzas até anciáns, nos seus desprazamentos en bicicleta.
  • Facilitar e dar a coñecer os trámites necesarios para poder realizar unha denuncia voluntaria contra os infractores por parte de calquera persoa afectada.
  • Aumentar as zonas de estacionamento en superficie no entorno do carril bici (e en xeral nas rúas de Vigo) dedicadas só a carga e descarga de mercadorías cun límite de 15-30 minutos edurante todo o día, e facer controis sobre o seu axeitado uso.
  • Dar a coñecer, promover e habilitar axudas para o desenvolvemento da CICLOMENSAXERÍA, sendo o carril bici unha oportunidade para a mesma e axudando a reducir a conxestión do tráfico e as dificultades dos repartos.
  • Convocar aos colectivos sociais para avanzar nun Plan Director da Bicicleta que facilite a súa integración e impulso como medio seguro e saudable de mobilidade.
A disposición orzamentaria que vai ter o Concello de Vigo con motivo da mobilización dos remanentes de tesourería para combater a crise da Covid é unha oportunidade que o Concello non debe deixar pasar. Débense adicar inversións urxentes no cambio de modelo de mobilidade en Vigo, tanto con medidas inmediatas como de medio-longo prazo, cun impulso definitivo á bicicleta e ao seu potencial, para facer de Vigo unha cidade mellor en tódolos sentidos.

A cicloloxística, unha solución para o reparto de última milla

Desde Vigo Ciclábel queremos salientar a cicloloxística como unha solución para o reparto de mercadorías, unha práctica que cada vez comeza a ter máis protagonismo en moitas cidades de toda Europa. A cicloloxística permite o reparto de proximidade, sendo unha solución ecolóxica que permite reducir os niveis de conxestión e contaminación de tráfico, así como eliminar a problemática da dobre fila e o estacionamento no carril bici. Tamén facilita o traballo a todas as persoas que se adican ao sector do reparto a domicilio, permitíndolles unha circulación no tráfico máis fluída, permeable e de proximidade.Debido a isto, algunhas empresas de reparto xa comezan apostar polo uso de bicicletas de carga e de pedaleo asistido para realizar esta labor, que sen dúbida, con axuda da administración, conseguiría un maior protagonismo. Neste sentido, o carril bici supón unha oportunidade tamén para esta loxística de reparto, xa que a través da ciclomensaxería pódese repartir paquetes de pequeno tamaño de xeito rápido, desconxestionando a súa vez o tráfico e facilitando o traballo dos e das repartidoras.

A súa vez, aumentando as zonas adicadas a carga e descarga, escenario que nos últimos anos estase a incrementar en Vigo, conseguiríase unha maior convivencia e respecto entre os diferentes vehículos e profesionais do sector. Deste xeito, substituíndo e habilitando zonas de estacionamento permanente por zonas de carga e descarga limitadas a 15-30 minutos, favorecería ao reparto de mercadorías, así como a rotación e a partilla do espazo urbano entre todas as usuarias e usuarios do mesmo.

A denuncia voluntaria de tráfico, unha ferramenta para denunciar situacións de violencia viaria

Co aumento da presenza de bicicletas na cidade durante este último ano, están aumentar tamén algunhas condutas imprudentes por parte de condutores e condutoras de vehículos de maior potencia. Estas condutas, como a ocupación do carril bici ou adiantamentos que non respectan a distancia de metro e medio de seguridade, ou ben todas aquelas relacionados co exceso de velocidade, poñen en risco ás persoas que deciden desprazarse en bicicleta.

Por este motivo, desde a plataforma Vigo Ciclábel queremos dar a coñecer o procedemento de denuncia voluntaria de tráfico, segundo a cal, calquera persoa pode denunciar unha infracción atendo Regulamento de Procedemento Sancionado en materia de Tráfico aprobado por Real Decreto 320/1994. Este proceso pode realizarse presencial ou telemáticamente nuns sinxelos pasos, tal como explica a coordinadora estatal Conbici neste artigo.

O Plan Director da Bicicleta, un impulso para a bicicleta e a seguridade nos desprazamentos

Desde Vigo Ciclábel consideramos que a redacción e a aprobación do Plan Director da Bicicleta de Vigo será un instrumento que permitirá planificar de xeito integral o impulso da bicicleta na cidade, creando unha rede ciclista segura que atinxa a toda a area urbana. Tamén permitirá dotar á bicicleta dun maior estatus e protagonismo como vehículo na cidade. Por isto, o Plan Directo é sen dúbida unha ferramenta esencial para potenciar a mobilidade sostible e segura nun contexto de crise climática e social como a que estamos a vivir, que permitirá adaptar a cidade cara unha transición ecolóxica máis que necesaria en materia de mobilidade urbana.

Por este motivo, desde a plataforma instamos ao Concello de Vigo que na súa aposta pola mobilidade sostible realice tamén campañas para visibilizar a bicicleta na cidade, dándolle o protagonismo necesario para familiarizar este medio de transporte ao conxunto da cidadanía, en especial aos demais condutores e condutoras, e comece así a ser considerado e respectado como un vehículo máis, reducindo as situacións de violencia viaria. Desde os colectivos ciclistas e ecoloxistas agardamos e temos confianza que o Plan Director da Bicicleta que se está a elaborar teña en conta este tipo de políticas e programas de convivencia para gañarmos máis seguridade nos desprazamentos en bicicleta e na convivencia viaria.

Para finalizar, desde Vigo Ciclábel animamos á administración a seguir impulsando o uso da bicicleta como medio de transporte, así como a todas as persoas que queiran sumarse ao seu uso no día a día. Cantos máis desprazamentos se realicen en bicicleta, maior visibilidade e seguridade viaria gañará este medio de transporte na cidade.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal