ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / A IX Limpeza simultánea de praias xuntará unhas...

14-10-2020

A IX Limpeza simultánea de praias xuntará unhas 200 persoas nos areais galegos

A próxima fin de semana (os días 16, 17 e 18 de outubro), máis de 20 entidades colaborarán nesta novena edición da Limpeza de Praias, entre as que se atopan centros de ensino, asociacións ecoloxistas, culturais, do mar, concellos, escolas de surf, e particulares, que non queren perder a oportunidade de axudar ao noso litoral. Este ano tamén contamos coa participación dos Concellos de Ponteareas, Nigrán, A Guarda, A Coruña, Carballo e O Grove. 

Esta actividade consiste en congregar a un mesmo tempo nas praias galegas centos de voluntarios e voluntarias que queiran participar na retirada do lixo que acaba nas praias co gallo de concienciar e sensibilizar a cidadanía sobre a problemática do lixo mariño, que afecta a todos os mares e océanos do planeta, e tamén aos galegos. 

O lixo mariño é un dos graves problemas ambientais aos que se enfronta o planeta, as principais causas son: a insostibilidade dos modelos de consumo e produción da nosa sociedade, a mala xestión dos nosos residuos e a falta de sensibilización da poboación. Todo iso fai que cada ano 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos. Moito deste lixo provén da industria do mar (pesca, extraccións...), pero unha grande parte chega a través dos ríos, debido a unha mala xestión en xeral.

A previsión do tempo parece que non está clara para eses días pero agardamos que a choiva nos dea unha tregua para poder realizar esta actividade tan necesaria.

Recordamos que a finalidade desta iniciativa non é deixar a praias sen ningún residuo, senón visibilizar o impacto ambiental que a actual cultura de consumo de “usar e tirar” xera nos nosos areais. Desde ADEGA, volvemos a salientar con esta actividade que a Educación Ambiental é unha ferramenta moi útil para desenvolver accións de concienciación no medio natural.

Por unha limpeza respectuosa coas praias

ADEGA tamén fai fincapé na importancia de realizar estas limpezas de feito manual, xa que é a única maneira de facer unha limpeza “ecolóxica” na que se preserve a flora e fauna que está na contorna, tendo especial coidado coa biodiversidade dos ecosistemas dunares. Avogamos por este tipo de limpeza fronte ao uso recorrente de maquinaria pesada, pouco respectuoso co medio ambiente, para eliminar lixo das praias.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal