ADEGA

Inicio / Buscador / “RÍAS SOSTIBLES” Conciencia ao sector...

08-10-2020

“RÍAS SOSTIBLES” Conciencia ao sector do mar sobre a problemática do lixo mariño

No mes de agosto a Asociación Ecoloxista ADEGA e o “Grupo de acción local do sector pesqueiro Seo Fisterra, Ría de Muros Noia, Costa sostible” embarcámonos nun novo proxecto que conta co apoio técnico da cooperativa Cidadanía. A finalidade do proxecto é concienciar e sensibilizar ao sector marisqueiro e pesqueiro da problemática do lixo mariño, así como introducir boas prácticas na actividade profesional e reducir os residuos que chegan ao seu lugar de traballo. Nesta iniciativa, bautizada como “Rías sostibles”, participan as confrarías de O Pindo, Lira, Muros, Noia e Porto do Son. O proxecto conta cunha axuda do Fondo Europeo e Marítimo de Pesca (FEMP) para a protección, recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades pesqueiras sustentables. Entre os obxectivos deste proxecto está o de implantar novos hábitos no sector e boas prácticas como a chamada pesca pasiva nesta orde de axudas que consiste en  recoller o lixo que xa está no mar ao mesmo tempo que o sector realiza o seu traballo.

Actividades desenvolvidas

No proxecto hai unha serie de fases. A primeira actividade foi un Lixoblitz, que consistiu en facer unha recollida rápida de lixo e, posteriormente, unha mostraxe para identificar microplásticos. Durante 5 días cada confraría recolleu lixo mariño ao tempo que realizaba as súas labouras. Ao finalizar, fixeron unha caracterización, separando os residuos por tipoloxías, á vez que se promoveu a reflexión sobre procedencia e os usos de moitos destes refugallos.

Respecto a este último aspecto, reparamos que a procedencia da maioría dos residuos atopados é terrestre máis que das actividades pesqueiras - marisqueiras, aínda que se atopou algunha rede, tanto da recollida de berberechos como de nasas. Recolléronse tamén luvas de látex e chama a atención a cantidade de solas de calzado que apareceron, latas, paus dos ouvidos, téxtiles, vidro e, como curiosidade, unha cinta VHS.

Aproveitouse esta actividade para falar de alternativas ao uso de plástico e explicouse a separación selectiva do lixo do Complexo Medioambiental Serra do Barbanza. Todas as propostas tiveron unha boa acollida, e constatouse que en xeral hai bastante descoñecemento sobre a separación selectiva e dos sistemas de xestión de residuos. A problemática dos microplásticos é tamén descoñecida  e, pola contra, case todas as persoas participantes afirman que as prácticas profesionais son mellores. Remarcaron que xa non botan o lixo ao mar como se facía antes e que a percepción xeral é que hai menos lixo voluminoso, aínda que queda moito por facer.

Actividades formativas

Alén das actividades xa citadas, dentro do programa de formación do proxecto, está previsto realizar unha proxección dun documental sobre a contaminación mariña con debate posterior e a gravación dun vídeo para divulgar este proxecto. Tamén se está elaborando un código de boas prácticas para o sector co gallo de evitar o lixo mariño.

ADEGA agradece ao GALP Seo Fisterra, ría de Muros Noia o seu bo facer e interese por mellorar as condicións medioambientais da costa e ás integrantes das confrarías participantes por atendernos voluntariamente e, en moitas ocasións, recén saídas do mar, o que ten moito mérito.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal