Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A escandalosa permisividade da Xunta con ALCOA...
07-10-2020
Na AAI (Autorización Ambiental Integrada) aprobada en xuño deste ano, a Xunta permitíu a ALCOA seguir superando os límites de emisión de contaminantes ao medio no seu complexo de San Cibrao. A razón? Os altos custos que suporía para a empresa cumprir coas leis…
ADEGA esíxelle á Xunta que revise de oficio a Autorización Ambiental Integrada (AAI) pola que se lle concede a ALCOA superar aínda máis, de forma descarada e reincidente, os límites máximos de emisión de contaminantes e de vertidos ao medio no seu complexo de San Cibrao.
ALCOA solicitaba seguir a ultrapasar os límites de emisión por un periodo de 8 anos para fluoruros totais e partículas no proceso de fabricación de ánodos, valores que superaba amplamente por un factor de 20 e 14 respeitivamente.
Para cumprir coa normativa debería facer uso dunha tecnoloxía (lavador seco) que segundo a empresa non era posible instalar debido á falta de espazo. Ademais tería que executar instalacións específicas para o transporte da alúmina, o subministro eléctrico e adoptar medidas adicionais de seguridade. Na súa valoración, ALCOA considerou os custos e/ou beneficios privados ou internos e os custos e/ou beneficios sociais ou externos (impacto sobre o medio ambiente e a saúde), concluíndo que o investimento era “desproporcionado” fronte ao beneficio ambiental.
A Xunta aceptou na súa integridade os argumentos de ALCOA e permitíu as excepcións solicitadas (superar os límites de contaminantes para o flúor e as partículas) para aforralle custos de produción. Deste xeito, a Xunta deu por boa a chantaxe da empresa que xa insinuara que reducir o exceso de contaminantes non pasaba por cumprir a lei e instalar nova tecnoloxía, senón polo permiso para contaminar máis, e deste xeito non ter que pechar a unidade de fabricación de ánodos e despedir a 35 persoas.
ALCOA solicitou tamén modificar os valores máximos de flúor nas súas verteduras ao medio acuático, incrementándoos até 15 mg/l en 2020, pasando a 10 mg/l en 2022 e a 8 mg/l en diante. Cómpre lembrar que a Xunta xa autorizara á empresa en 2017 aumentar significativamente os valores máximos de flúor nos efluentes, que agora pide elevar novamente. Como referenza, a cantidade máxima de fluoruros establecida no RD 817/2015 para as augas superficiais é de 1,7 mg/l.
A empresa xustificou esta petición, como en 2017, para “permitir evacuar el agua sobrenandante (agua superficial) existente en el depósito minero hasta alcanzar 250.000 m3.” Este obxectivo fracasou, xa que na balsa de lamas hai 1,5 millóns de m3. Acontece que a depuradora do complexo non da tratado todo o volume necesario, polo que en troques de investir en ampliar as instalacións, a empresa prefire aumentar a carga contaminante das súas verteduras.
Novamente, a Xunta volve a ceder fronte a ALCOA e autorízalle, como pedíu, unha prórroga na superación dos valores compostos fluorados nos seus efluentes, coa excusa de poder reducir máis rapidamente o volume de auga na balsa. En troques de obrigarlle a instalar sistemas de depuración máis eficientes para tratar máis auga e poder enviala á ría con menor contaminación, a Xunta permítelle contaminar máis, mesmo contra o criterio do seu persoal técnico, non vaia a ser que cumprir coa lei prexudique os beneficios empresariais…
A Xunta é plenamente consciente das numerosas eivas que presenta esta instalación, como amosan diversas inspeccións, debido a unha deficiente planificación e xestión por parte de ALCOA, que mesmo chegou a culpar á chuvia (como se na Mariña non chovera) do exceso de auga na balsa…
Sobre esta instalación persisten importantes incertidumes: a súa vida útil; as características do seu selado; as medidas post-clausura garantir a súa estabilidade; os compromisos financeiros para levar adiante o proxecto… Cómpre lembrar que proxecto de peche e clausura do depósito de lamas vermellas foi presentado en 2014 e a día de hoxe segue “en elaboración”, e que a Xunta manteno oculto denegando o acceso público.
Na recente Autorización Ambiental Integrada, a Xunta aceptou a pretensión de ALCOA de solucionar os problemas da balsa causados por un exceso de auga drenando esta á ría con valores de contaminantes máis altos do recomendado. Unha fuxida cara adiante que non sabemos cando rematará, pois ALCOA pode seguir facendo uso desta instalación cando menos até 2025, e segundo informou xa solicitou alongar a súa “vida útil” até 2032…
Á vista dos resultados desta Autorizacón Ambiental Integrada para o complexo de San Cibrao, ALCOA semella operar de facto no territorio como propietaria con dereito “de pernada”, usando frecuentemente os postos de traballo como escudo. Mais o verdadeiramente intolerábel é a actitude da Xunta, que autorizou servilmente cantas peticións fixo a empresa, particularmente aquelas dirixidas a rebaixar as cautelas ambientais e elevar os límites de contaminación, para evitarlle custos.
Ante o risco de que ALCOA insista en abandonar parte do seu negocio de aluminio na Mariña sen saldar a súa débeda ambiental, logo de ter recibido prebendas e subvencións a eito (máis de 800 millóns de € nos últimos 10 anos), a Xunta debería deixar de choromicar e revisar de oficio a AAI (Autorización Ambiental Integrada) recentemente concedida. Ficou claro que a ALCOA canto máis se lle concede, máis quere e máis envalentonada está, polo que obrigala a asumir os investimentos precisos para cumprir cos límites de emisión e vertido, cando menos garantiría que a fatoría deixara de ser unha fábrica de contaminación, abrindo perspectivas de futuro na Mariña con ou sen ALCOA.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal