Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA e outras tres asociacións demandamos a...
04-12-2013
O Colectivo Cultural Buril, a asociación Cultura do País, ADEGA e Mariñapatrimonio veñen de presentar no Servizo de Patrimonio da Xunta un escrito denunciando o lamentable estado de degradación e abandono no que se atopa o xacemento arqueolóxico de Castrelo, no concello de Burela.
Os hipocaustos son sistemas de calefacción empregados polos romanos para quentaren os balnearios e mesmo as súas mansións. O hipocausto romano de Burela, foi atopado no ano 2004 nas proximidades do que ía ser a nova estrada de acceso ao porto. Con motivo da escavación arqueolóxica realizada nunha parte do xacemento, saíron á luz varios muros e estancias dun hipocausto, así como diversos materiais de época romana.
Transcorridos nove anos dende esta intervención arqueolóxica, os restos arqueolóxicos atópanse nun lamentable estado de degradación e sen ningún tipo de protección.
O sitio arqueolóxico está a sufrir o desgaste propio das inclemencias meteorolóxicas, a vexetación apropiouse do xacemento, os tixolos das columnas do hipocausto e outros materiais arqueolóxicos están a ser espoliados e mesmo se está a utilizar este ben patrimonial como entulleira para o lixo.
As asociacións arriba citadas demándanlle á Xunta de Galiza que cumpra e que faga cumprir a lei de Patrimonio na que se recolle que:
- Tódolos bens que integran o patrimonio cultural de Galiza gozarán das medidas de protección.
- Os propietarios, están obrigados a conservalos, coidalos e protexelos debidamente para aseguraren a súa integridade e evitaren a súa perda, destrución ou deterioración.
- Os poderes públicos garantirán a protección, a conservación e o enriquecemento do patrimonio cultural de Galiza.
En Galiza acabamos de perder, agardamos que só sexa temporalmente, a ourivería prerromana da colección Álvaro Gil, entre a que se atopa o torques de Burela. Non podemos permitir que outra xoia da arqueoloxía de Burela, como é o hipocausto romano do Castrelo, desapareza para sempre por mor da desidia dos que teñen a obriga de protexela.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal