ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA retoma o seguimento e as visitas do...

28-09-2020

ADEGA retoma o seguimento e as visitas do programa de compostaxe en As Neves

O programa de compostaxe de As Neves está adscrito ao Plan Revitaliza de compostaxe da Deputación de Pontevedra.


ADEGA retoma neste mes de setembro as visitas de seguimento ás vivendas do concello de As Neves que fan uso do seu composteiro individual. Continuaranse  recollendo datos sobre temperatura, nivel de enchido, evolución do compost, resolvendo dúbidas e asesorando sobre o correcto uso dos mesmos. O seguimento e as visitas téñense  que adaptar ás circunstancias actuais que vivimos por mor da Covid-19. ADEGA extremará polo tanto as medidas de prevención: máscara, distancia social e  uso de xel hidroalcohólico para coidado tanto do persoal como da veciñanza.

ADEGA comezou no mes de outubro do 2018 coa súa colaboración na implantación do Plan Revitaliza no Concello de As Neves. Este plan pretende mudar o sistema de xestión do lixo pasando dun sistema baseado na incineración e o vertido a un novo sistema de reciclaxe a través da compostaxe. A reciclaxe dos restos orgánicos faise a través da  instalación de composteiros comunitarios na zona urbana e na entrega dun composteiro individual a cada casa adscrita ao programa. Na implantación da compostaxe individual, o persoal de ADEGA realizou o seu labor a través de charlas informativas explicando o proceso  da compostaxe e separación selectiva, así como, as posteriores visitas de seguimento para a toma de datos e asesoramento e acompañamento á veciñanza ao longo do proceso. Durante este tempo entregáronse  1070 composteiros individuais colocados nas vivendas do concello. Ademais procedeuse  á  instalación de  14 composteiros nos cemiterios e 5 nos centros educativos, o seguimento e mantemento dos cales é realizado polos mestres composteiros da Deputación.

A veciñanza conta tamén con 17 Puntos Verdes, distribuídos por varios lugares do concello onde poden depositar os restos das podas que realicen así como recollelas posteriormente xa trituradas para usar como estruturante no seu composteiro.

A acollida e implicación no proceso está sendo en xeral moi elevada e máis tendo en conta que unha ampla parte da veciñanza xa tiña algún hábito de reciclaxe dos restos orgánicos coa realización de pilla/esterqueira ou botándollos aos animais. Pero o feito de participar no programa e ter un composteiro fixo que a veciñanza participante fose máis conscientes do volume de restos orgánicos que se xeran e como potenciar a reciclaxe dos demais residuos. O concello das Neves está moi próximo a acadar o obxectivo da UE do 50% de reciclaxe.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal