ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Vaga de lumes Ourense: Dimisión do Director Xeral...

16-09-2020

Vaga de lumes Ourense: Dimisión do Director Xeral de Montes e cambio radical cara as políticas de prevención

Numerosas entidades sindicais, agrarias, ecoloxistas e sociais do país (as abaixo asinantes) pedimos a dimisión inmediata do Director Xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, por non dispoñer as medidas de prevención e vixilancia necesarias para evitar a catástrofe incendiaria que está a vivir a provincia de Ourense, en particular, as áreas afectadas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés e do Macizo Central. En tan só tres días o lume leva asolado en Ourense 9000 hectáreas de superficie, segundo datos da Xunta (máis de 10.000 Ha, segundo fontes non oficiais), das que 3000 Ha pertencen ao Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, e ao Parque transfronteirizo Xurés-Geres, onde gran parte da reserva integral do parque xa quedou totalmente arrasada polo lume. Actualmente, aínda persisten 9 grandes focos de lume activos en cuxa extinción se están a poñer en risco centos de vidas.

En declaracións á CRTVG, o responsable de montes da Xunta manifestou que desde a administración autonómica “xa se prevía unha forte actividade incendiaria” na segunda semana de setembro e nomeadamente no Macizo Central Ourensán, áreas nas que os lumes son recorrentes e especialmente virulentos en días previos ás chuvias. Diante destas palabras, non podemos entender como a Xunta de Galiza non reforzou o equipo humano e material de extinción, nin tomou especiais medidas de prevención e vixilancia nestas áreas de extraordinario valor ambiental para evitar que estes lumes se chegasen a producir. Chama a atención que estes grandes lumes forestais teñan lugar ademais nunha campaña contraincendios na que a Xunta se gabou especialmente de dotar os montes galegos de constante vixilancia con tecnoloxías innovadoras, como drons, cámaras e medios aéreos, que supostamente estaban destinadas a peneirar aquelas zonas de especial incidencia incendiaria.

Políticas “clásicas” para un mal denominado “clásico”

A actual estratexia do executivo galego para combater os lumes forestais é agardar a que chova. O Partido Popular e o executivo de Alberte Núñez Feijóo levan décadas ignorando a necesidade de atallar as causas estruturais dos lumes forestais, de extremar as medidas de prevención contra os incendios, de mudar radicalmente o modelo de monte galego e de evitar o despoboamento do rural. En palabras do propio presidente da Xunta “a intencionalidade dos incendios en Galicia é un clásico”, dando a entender que é algo que inherente á nosa sociedade e que debemos dar por sentado que é un problema sen solución, descartando calquera posibilidade de facer cambios de fondo nas súas políticas forestal, agraria ou ambiental que, non só freen a problemática dos lumes, senón que a erradiquen.

Non foron poucas as iniciativas que se promoveron na última década por parte da sociedade galega para instar ao goberno de Núñez Feijóo a mudar a súa política forestal e de montes, pero sen éxito. A Iniciativa Lexislativa Popular na defensa do bosque autóctono, malia a ser a ILP con máis apoio social levada ao Parlamento, foi rexeitada polo grupo parlamentario do Partido Popular. O actual executivo tamén desatendeu as máis de 40 medidas que o ano pasado uns 20 colectivos propoñíamos, dentro da campaña “Por un monte galego con futuro”, para adaptar as condicións do monte galego ao actual contexto de emerxencia climática, no que os lumes forestais cobran importancia e virulencia. Moitas destas medidas levan agardando máis de catro décadas para poñerse en práctica: prevención de incendios todo o ano, promoción dun monte multifuncional e resiliente fronte o cambio climático, recuperación de especies forestais propias, freo ao monocultivo de especies pirófitas e foráneas, aumento das faixas de protección fronte os lumes, etc.

Porén, a desidia e falta de vontade do goberno de Núñez Feijóo de mudar o modelo de monte galego están a favorecer a propagación dos incendios forestais e tamén os intereses da industria do lume. Os lumes serán un “clásico” en Galiza, mentres as políticas da Xunta para atallalo tamén sexas as “clásicas”.

Os espazos naturais protexidos, os peor parados!

Reserva integral do Xurés calcinada

A actual vaga de lumes deixou feridos de morte algúns espazos naturais protexidos de extraordinario valor ecolóxico da provincia de Ourense. A reserva integral do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés ficou calcinada practicamente na súa totalidade e o parque no seu conxunto perdeu xa máis de 3000 hectáreas. O Macizo Central ourensán, Zona de Especial Conservación (ZEC) e espazo de Rede Natura, tamén se viu drasticamente afectado, tal como vaticinaba o director xeral de Montes. Alén das perdas materiais e de terreos, as consecuencias ambientais destes lumes forestais son extremadamente graves, pois estanse a perder espazos que acollen hábitats e especies que son especialmente relevantes para a conservación da nosa biodiversidade e para afrontar a problemática do cambio climático.

Porén, a Xunta segue facendo deixazón de funcións na súa xestión dos espazos naturais protexidos, sen dotalos dos necesarios instrumentos de xestión (o Parque Natural do Xurés leva 27 anos agardando polo seu Plan Reitor de Uso e Xestión), sen ampliar as superficies protexidas como Rede Natura (Galiza ten a superficie máis cativa de Rede Natura do Estado, que non amplía desde 2004) e sen establecer nestas áreas plans especiais de prevención fronte os incendios forestais, nomeadamente naquelas nas que os lumes son recorrentes, como é o caso.

As organizacións asinantes deste comunicado apelamos á administración autonómica e, nomeadamente, aos servizos de Medio Ambiente e de Medio Rural para que promovan medidas extraordinarias de custodia, vixilancia, prevención e de extinción nos espazos naturais protexidos de Galiza para combater os incendios forestais.

Actuar inmediatamente fronte a erosión

Ante a lamentable devastación incendiaria que está a vivir a provincia de Ourense, cómpre que a Xunta actúe con previsión e dilixencia á hora de evitar o máximo posible a erosión do solo e as escorrentías ou arrastres de sedimentos coa chegada da chuvias. Estas poderían agudizar os graves impactos que o lume xa ten exercido e, incluso, trasladar os efectos a outras zonas afastadas dos terreos queimados.

Consideramos necesario que a administración pública inicie o antes posible os labores de prevención da erosión dos solos queimados, de recuperación da materia orgánica e da biomasa vexetal perdida, e da restauración hidrolóxica forestal que debe ser desenvolvida por persoal especializado. Estes labores deberán ser especialmente coidadosas e eficientes nas superficies ardidas pertencentes ao Parque Natural do Xurés e ao Macizo Central.

Asinan o presente comunicado

  • Amarelante S. Coop. Galega
  • Amigos da Terra
  • A Rente de Chan- PLADEVER
  • Asociación Ambiental Petón do Lobo
  • Asociación Cultural Bidueiro
  • Asociación Galega de Apicultura (AGA)
  • Asociación Galega Cova Crea
  • Asociación Frouma
  • Asociación Montes da Galiza – Montegal
  • Asociación Para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)
  • Asociación en Defensa da Costa da Morte (ADECOM)
  • Asociación Pola Defensa da Ría (APDR)
  • Colectivo Agrocuir da Ulloa
  • Comunidade de Montes en Mancomún de Castiñeira (Vilariño de Conso)
  • Comunidade de Montes en Mancomún de Mormentelos (Vilariño de Conso)
  • Comunidade de Montes en Mancomún de Sabuguido (Vilariño de Conso)
  • Confederación Intersindical Galega (CIG)
  • Federación Rural Galega (FRUGA)
  • Grupo de Estudo dos Animais Salvaxes (GEAS)
  • Kunterbunt Design
  • Monte Pindo Parque Natural
  • Sindicato Labrego Galego (SLG)
  • Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM)
  • Salvemos as Fragas de Catasós
  • Verdegaia

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal