19-07-2012
Lugo, a 19 de xullo de 2012. Con motivo de se cumpriren dous anos da súa constitución, o Foro do Camiño Primitivo, do que fai parte ADEGA, celebrou unha asemblea xeral para analizar a evolución do estado de conservación e protección desta milenaria calzada medieval.
Malia a que hai dous anos o Foro xa alertaba á Xunta de Galiza da necesidade urxente de proceder á delimitación oficial deste primeiro camiño de peregrinación a Compostela, os membros do Foro veñen de constatar que desde aquela a Xunta aínda non deu ningún paso cara a esa dirección, permitindo que o Camiño Primitivo siga a sufrir un elevado grao de ameaza ambiental e de agresión ao seu patrimonio cultural. Así mesmo, esixe como principios irrenunciábeis na delimitación da vía a autenticidade histórica, a recuperación da súa traza antiga e a protección de ámbito BIC (Ben de Interese Cultural).
Este proceso de delimitación, que podería asegurar a preservación da súa traza física e do seu territorio histórico, agora faise apremiante debido a que a UNESCO está a analizar o expediente da candidatura do Camiño Primitivo para ser proclamado como Patrimonio Mundial. Hai que lembrar que esta candidatura xa foi anunciada a comezos do ano pasado por parte do Consello de Patrimonio Histórico Español, momento no que o Foro volveu a reincidir na importancia de delimitar o Camiño. Aínda así, a día de hoxe aínda non se coñece unha soa actuación que a Xunta teña realizado para este fin.
A delimitación oficial do Camiño Primitivo tamén é apremiante polos reiterados impactos contra a súa estrutura tradicional que xa se denunciaron no seu día diante da Consellaría de Cultura e do Servizo de Patrimonio, os cales están a facer caso omiso das súas obrigas para coa vía primitiva contempladas na lei 3/1996 de protección dos camiños de Santiago. Algunhas das desfeitas denunciadas que, polo de agora, non foron repostas son: a adulteración da traza camiñeira en Guntín de Pallares, en Castroverde ou na Terra de Melide (Pena Ferrada e Camiño da Martagona); o impacto das concentracións parcelarias no entorno do hospital de Burgo de Negral, de Poutomillos e da Esperela (Campo da Matanza); a tala das carballeiras na Pradeda do Cádavo; o peche do camiño vello en Carballido e San Xoán do Alto (Lugo) ou en Vilalle (Castroverde); o deterioro paisaxístico e ambiental producido pola canteira de Bascuas (Lugo); a presión urbanizadora no barrio do Carme (cidade de Lugo); a marxinación da verea iniciática na Póboa de Burón; a recente destrución do Forno de Valeriano na Fonte Sagrada; a futura implantación do polígono industrial da Fonsagrada; o asentamento dun parque eólico sobre as ruínas do Hospital de Montouto fundado por Pedro I; o deterioro arquitectónico en Soutomerille (Castroverde) e no Carril das Flores, Regueiro dos Hortos e Calzada da Ponte (Lugo); a permuta da vía pública no Mesón de Fraiás e un longo etcétera.
Para o Foro do Camiño Primitivo, a indiferenza profesada por parte da administración pública autonómica ante as denuncias dos seus membros e ante a relevancia da candidatura da vía primitiva como Patrimonio da Humanidade, constitúe un acto de neglixencia e abandono do exercicio das responsabilidades públicas na defensa deste ben común. Estes e outros atentados amparáronse en boa medida na pasividade e inoperatividade administrativa, mesmo con informes favorábeis, tamén dos entes locais, o que reafirma a necesidade dunha delimitación abordada con clara vontade política, rigor científico e respecto á legalidade xurídica.
Neste sentido, o Foro do Camiño advirte á administración pública que se manterá vixiante para que esta responda á legalidade en todos os seus termos e para que reclame un debate social participativo, serio e rigoroso previo á delimitación definitiva, tanto do itinerario oficial como do territorio afectado. Así mesmo, o Foro considera como premisas irrenunciábeis na delimitación oficial do Camiño Primitivo os principios de integridade e autenticidade histórica da calzada milenaria, o que implica que haberá que recuperar a traza antiga e a súa custodia, seguindo os criterios legais, e que se desbotará a redución do ámbito do BIC (Ben de Interese Cultural). Estes son os valores nos que acreditan firmemente as persoas, entidades e organizacións que constitúen esta plataforma e para cuxa defensa manifestan a súa disposición decidida e ofrecen a súa colaboración.
Case 30 colectivos, asociacións, entidades e investigadores comprometidos no estudo, recuperación, protección e promoción da primeira vía de peregrinación a Compostela forman parte deste Foro do Camiño, constituído en xullo de 2010:
Asociación de Amigos do Camiño Primitivo de Santiago, Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, Asociación de Amigos del Camino de Santiago Astur-Galaico del Interior, Asociación do Camiño Primitivo da Fonsagrada, Viandantes polo Camiño Primitivo, Asociación Lugo-Patrimonio, Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde, Museo Comarcal da Fonsagrada, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, delegación en Lugo do Colexio de Arquitectos de Galicia, Orde das Donas e Cabaleiros do Priorato de Vilar de Donas “Os Lobos”, Asociación de Hosteleiros de As Fontiñas, GDR4 Terras de Lugo, Plataforma en Defensa do Alto Ulla, Metátese Teatro, Asociación na Defensa do Parque Rosalía de Castro, Asociación de Veciños da Piringalla, Asociación Cultural Terras de Melide, Club Cultural Valle-Inclán, Asociación Cultural Espalladoira, Museo Terra de Melide, Asociación Cova da Serpe de Friol, Asociación Cultural “A Toca” de Toques, Asociación de Veciños de San Romao da Retorta, Asociación de Veciños “Porta de Lugo”, Parroquia de Santiago de Castelo,Asociación de Veciños “Fonte do Udreiro” de Romeán.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal