Criamos unha nova charca na Eira da Xoana Imprimir
Envia Criamos unha nova charca na Eira da Xoana a FaceBookEnvia Criamos unha nova charca na Eira da Xoana a Twitter

IMG 0194O pasado sábado 13 de abril, ADEGA organizou a primeira xornada de voluntariado ambiental dentro da iniciativa Charcas con Vida, un novo proxecto que ten como obxectivo concienciar á cidadanía da importancia das charcas nos ecosistemas galegos, alertalos ante a desaparición das mesmas e animar a grandes e pequenos a achegarse a estes interesantes hábitats. Como actividades de voluntariado ambiental ADEGA organiza xornadas para a construción de charcas, a primeira creouse na Eira da Xoana o pasado sábado. ALBUM DE FOTOS DA XORNADA.

O punto de encontro foi o centro do territorio: Agolada, onde se unen A Coruña, Lugo e Pontevedra. A xente chegou dende Caldas de Reis, O Morrazo, Vigo, Coruña, Compostela e Ourense, tampouco faltou a xente da zona, todos e todas se achegaron ata a Eira da Xoana. A Eira é un lugar de encontro que ten coma obxectivo concienciar e poñerr en práctica os principios ecoloxistas e socioculturais que se defenden dende ADEGA.

A xornada estaba organizada para 25 persoas pero moita xente se achegou ao longo do día a botar unha man para a creación da nova charca.

IMG 0075O primeiro foi unha pequena charla de presentación, explicándolles aos participantes a importancia das charcas. Falouse do seu importante valor como reservorios de auga, lugar de acubillo para a fauna local, puntos quentes de biodiversidade,  conservadoras do patrimonio natural e cultural e un longo etcétera que fan dos pequenos humidais uns ecosistemas indispensables, pero que lamentablemente se atopan en perigo.  Falouse do novo proxecto Charcas con vida que tenta axudar á conservación destes hábitats baseándose na educación ambiental, no voluntariado ambiental e na custodia do territorio. Este proxecto conta coa colaboración da Fundación Biodiversidad do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, e realízase en convenio co CIBIO de Portugal.

Trala charla os voluntarios e voluntarias dividíronse en grupos e repartiuse a ferramenta: laias, sachos, palas, picos… Varios deles comezaron a facer un rego polo que iría unha tubería co aporte de auga para a charca, outro pequeno grupo se desprazou ata un lugar cercano para cargar unhas pedras cedidas por Anxo que axudarían a crear o noso pequeno humidal. O resto dedicouse a facer o burato onde se localizaría a charca, para esta labor fixeron falta moitas mans e moita ferramenta, quitamos capachos e capachos de terra que se depositaron facendo unha pequena parede.

IMG 0179Así pasou a mañá, ata a hora de comer, e por unha vez puidemos comer quente nunha xornada de voluntariado xa que contamos coa cociña de leña da Eira da Xoana e coa sabedoría culinaria de Paco que nos fixo unhas marabillosas lentellas vexetarianas. Comemos todos e todas baixo o sol sentados na herba.

Tralo merecido descanso retomamos os traballos da tarde. Contamos tamén coa inestimable axuda dun voluntario canteiro, grazas ao cal conseguimos colocar axeitadamente as lousas de pedra que trouxeran pola mañá. Con axuda dos pisóns feitos tamén artesanalmente pola mañá compactamos o fondo da charca e a morea de terra. Colocáronse diferentes pedras pequenas que servirán de refuxio para certos animais e tamén unhas tellas facendo un pequeno canal polo que caería a auga.

IMG 0026Para rematar trouxemos uns poucos xuncos que medran ao fronte da casa e colocámolos no fondo da nosa charca, e por último só quedou abril a billa e deixar correr a auga que foi enchendo o fondo da charca. Agora só queda esperar que o tempo e a chuvia nos axuden a encher este pequeno humidal para que os animais e plantas da zona poidan atopar alí o seu lugar.

Dende ADEGA queremos agradecer a todas e a todos os que se achegaron ata a Eira o sábado aportando o seu gran de area na creación da charca no primeiro día de sol de 2013. Moitas grazas a tod@s!!!

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com