Xuízo Prestige: Reconstrución forense dunha das piores mareas negras da historia malia á censura dos governos do PP Imprimir
Envia Xuízo Prestige: Reconstrución forense dunha das piores mareas negras da historia malia á censura dos governos do PP a FaceBookEnvia Xuízo Prestige: Reconstrución forense dunha das piores mareas negras da historia malia á censura dos governos do PP a Twitter

Este pasado 21 de marzo declararon no xuízo do Prestige os peritos biólogos propostos por Nunca Máis para testemuñar sobre os impactos ecolóxicos da marea negra. Resultaron afectados 1 Parque Nacional, 1 Parque Natural, 20 LICS e 6 ZEPAS. Estímase que morreron 300.000 aves, 841 tartarugas, 84 cetáceos, 28 lobos marños e 46 lontras. Con estes datos, cualifícaron o Prestige coma unha das piores mareas negras a nivel mundial. Fronte aos intentos de relativizar os impactos por parte da defensa de López Sors, os nosos compañeiros efectuaron un labor de reconstrución dada a restrición de información á que tiveron que enfrontarse. En comparación coa profusión de datos e estudos nos casos do Exxon Valdez ou Erika, no Prestige castráronse e desmanteláronse moitas equipas de investigación, existindo unha falta de apoio interesado para investigar sobre a marea negra por parte das administracións. Aínda así hai evidencia de graves secuelas nas cadeas tróficas e nas poboacións dalgunhas especies en perigo de extinción.

Texto íntegro da crónica do xuízo enviada polos peritos biólogos de Nunca Máis:

Os biólogos Martiño Nercellas, Xosé Luís Baleato e Alfredo López compareceron diante da convocatoria da Sección Primeira da Audiencia Provincial de A Coruña, en calidade de asinantes do "Informe dos efectos do vertido do Prestige sobre as especies e espazos naturais protexidos do litoral galego", que a Plataforma Nunca Máis presentou diante do Xulgado de Corcubión no procedemento relativo aos presuntos delictos contra ol Medio Ambiente e os Recursos Naturais, danos e desobediencia contra APOSTOLOS MANGOURAS AGYROPOULOS e JOSE-LUIS LOPEZ-SORS GONZALEZ.

Sendo convocados para o día 20 de marzo ás 10:30 da mañá a vista tivo lugar o día 21 de marzo as 13:30 h.

Logo da súa presentación persoal, do xuramento de rigor e de terse ratificado no contido do mencionado informe pasaron ás preguntas do tribunal, comezando polo avogado de Nunca Máis que requiriu da súa presenza.

En primeiro lugar D. Pedro Trepat formulou varias preguntas a respecto das categorías de protección dos espazos de valor ambiental en Galiza e a afección do verquido do Prestige sobre eles.

Os poñentes explican ao tribunal as figuras de protección dos espazos naturais presentes en Galiza, a súa xerarquización en función da importancia ambiental, da protección e as restricións que iso supón: Parque Nacional,   Parque Natural e Lugares de Interese Comunitario, detallando cales se atopan no litoral e medio mariño. No informe recóllese que para Galiza, 1 Parque Nacional, 1 Parque Natural, 20 LICS, e 6 ZEPAS, resultaron afectados polas sucesivas mareas negras.

Explícanse os motivos que levaron á clasificación da chegada do fuel en tres mareas diferentes, a temporalidade e distribución xeográfica, así como a afección causada pola terceira marea aos elementos polo que estes espazos foron protexidos: como a contaminación mariña aguda (a visible de chapapote), a contaminación subletal (non visible presente na columna de auga e de efectso crónicos, por biodispoñibilidade de contaminantes altamente tóxicos como os HAP ou METAIS PESADOS, o seu carácter bioacumulador que se incrementa por un efecto en cascada na cadea trófica, e constituirse como metabolitos persistentes), poñendo exemplos de efectos observados na actualidadee destacando a acusada decadencia das poboacións do corvo mariño cristado logo da afección do Prestige, das poboacións de cría de alcídos (araos) na Illa de Skolmer (Gales), a detección de HAP en ovos non fecundados de falcón peregrino en costas de Euskadi, ou a afección dos bosques submarinos de argazo.

Posteriormente preguntou sobre a afección á fauna mariña en mar aberto e se os efectos do petróleo na costa están actualmente superados.

Co material gráfico preparado para acompañar a exposición argumental (principalmente as fotografías de satélite da ESA do día 17 e 25 de novembro; e os corredores principais de cetáceos e aves fronte as costas galegas) , especialmente para a ocasión describiuse o rumbo errático do barco e a deriva do verquido, e como estes se solapan coas áreas de interese para as aves mariñas e para os cetáceos, cuantificando a mortalidade efectiva e estimada (en base ó rexistro de recollida de animais petroleados e os datos científicos de cálculo de estimas que existen a nivel mundial) de aves (de 125.000-300.000), tartarugas (337-841) cetáceos (33-84), lobos mariños (11-28) e lontras (18-46).

Con estes datos, e tendo coma referencia o das principais mareas negras acontecidas na historia, cualifícase a do Prestige coma unha das peores mareas negras a nivel mundial, por número de especies afectadas.

O fiscal de medio ambiente intervén preguntando sobre os estudos científicos, relativos ao PN, sobre todo aqueles que indican o seu bo estado.

Sobre esta contestación coméntase a deficiencia na monitorización, na escasa produción científica relativa ao caso e na restrición de moita da información. Para a elaboración da situación global hai que facer un exercicio de reconstrución, tal e como se fixo con este informe. A pesar desa boa situación á que se refiren os informes mencionados polo avogado, hai evidencias de graves secuelas como a caída reprodutiva do corvo mariño cristado.

Os avogados de Mangouras fan referencia á intervención de Martiño na comisión do Parlamento galego e a súa explicación de levar o barco ao seo de Corcubión. A pesar de indicarlle que no informes que se estaba a tratar non figura ese particular explícase o exposto naquel momento e a factibilidade de levar o barco á Praia de Talón, tal e como xa acontecera co Andros Fortune no ano 1961. Recoñécese que se poría en risco unha pequena localización da costa galega, pero ponderando a situación sempre sería preferible fronte a decisión que ocasionou despois varias mareas negras do maior impacto , considerando ademais que coas circunstancias de estabilización do barco no día 14, as observacións do remolcador do Ría de Vigo, e a situación metereolóxica do día 14 e 15, o peor escenario posible prácticamente se podería descartar.

Volve a argumentarse as deficiencias en materia de investigación facendo mención comparativa a outros verquidos como o Exxon Valdez ou o Erika, denunciando a castración e desmantelamento de moitos equipos de investigación, a falta de apoio interesado na investigación da contaminación en varias áreas, e como exemplo o caso do estudo de contaminación dos golfiños, traballo que tivo que ser levado a cabo en La Rochelle ao negarse o IEO.

Diante da pregunta a respecto da información do goberno sobre o verquido das 20 000 t de petróleo na primeira marea explicouse que co estado de coñecemento de campo neses primeiros días e coa información recollida no informe, á vista da imaxe do satélite, que é amosada aos presentes, os peritos non ven xustificación desas cantidades.

A avogada de López Sors fai mención da escada incidencia da contaminación nas lagoas litorais, en base ao informe de Pablo Ramil. Na resposta indícaselle que nese momento as lagoas foran pechadas o que ocasionou que non entrara petróleo, o que invalida a argumentación e o sentido da pregunta, mencionando pola contra as consecuencias negativas para o ecosistema lacunar desta decisión, como dano secundario.

Fai mención ao informe do IEO a respecto da análise de plancto no que non atopan diferencia á situación anterior. Indícaselle que no informe non se fai mención da afección de contaminación dese plancto e que só se refire ao número de especie e a cantidade. Fáiselle mención ao propio informe a respecto de que os efectos sobre as redes tróficas seguen un mecanismo en cadea de abaixo a arriba é presumíbel que estes tarden un tempo en ser apreciábeis. Explícase o caso da contaminación dos cetáceos que responde a mecanismos de detoxificación polo que é un indicio secundario dunha toxicidade que non é aparentemente identificada.

Fixo mención a que o petróleo non entrou nas Rías Baixas e a unha carta dun directivo de ADEGA !? que foi enviada á dirección xeral da mariña mercante felicitándoos por non tocar o Prestige o Banco de Galicia. Ao que se lle pregou que amosara dito documento, contestando a avogada que non tiña importancia e resultaba tarde, e dicíndoselle que semellaba “imposible” a existencia de dito documento.

Rematada a quenda de intervencións, o xuíz fai mención a unha afirmación a respecto de que se comercializaran produto contaminados e se os produtores o sabían. Contestóuselle que estaba recollido nun traballo do ano 2006 máis que seguramente os produtores non o sabían.

Finalizada a xornada algúns avogados presentes agradeceron a claridade da exposición e mesmo felicitaron o exposto, como o avogado de Nunca Máis e os avogados da defensa do capitán e xefe de máquinas. Finalmente os propios Mangouras e Argyropulos, que durante as intervencións non deixaron de repetir yes e congratulations, agardaron a baixada dos peritos do estrado para felicitalos un a un e desexarlles boas festas de Pascua.
_________

Dende ADEGA queremos agradecer aos nosos compañeiros Martiño Nercellas, X.L. Baleato e Alfredo López o seu magnífico traballo e o seu valente compromiso co ambiente e co país.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com