As nosas rías son unha cañeira pola irresponsabilidade e o desleixo das administracións Imprimir
Envia As nosas rías son unha cañeira pola irresponsabilidade e o desleixo das administracións a FaceBookEnvia As nosas rías son unha cañeira pola irresponsabilidade e o desleixo das administracións a Twitter

rajoylixo12 de febreiro de 2013. Coincidindo coa visita dunha delegación do Parlamento Europeo á Galiza para examinar in situ as denuncias por contaminación das rías, ADEGA quere lanzar unha mensaxe de alarma pero tamén de responsabilidade á sociedade galega sobre o estado das nosas rías. De alarma porque estes privilexiados ecosistemas mariños están seriamente amezados pola irresponsabilidade e a cobiza de quenes só ven neles unha fonte ilimitada de recursos para explotar ou unha cañeira na que deitar todo tipo de refugallos, sen reparar nas consecuencias. Sobrepesca, verteduras urbanas e industriais, mareas negras, acidificación polo exceso de emisións de CO2... Na Galiza, cun dos mares máis fecundos do planeta, seguimos ao cabo en protección das nosas rías, polo que dende ADEGA esiximos a elaboración urxente dun Plano Estratéxico contra a contaminación mariña e a declaración das rías galegas como Reservas da Biosfera.

A perda de diversidade e produtividade dos ecosistemas mariños polas verteduras urbanas e industriais, a degradación do litoral polo urbanismo salvaxe, as práticas pesqueiras insustentábeis e o cambio climático, están colocando ao borde do colapso ecolóxico (e xa que logo económico) ás rías, fonte de recursos para unha grande parte da poboación galega.

O urbanismo secuestra cada vez máis territorio no litoral, soterrando con formigón non só o espazo físico da paisaxe costeira, senón tamén o espazo cultural que fai parte da nosa identidade como pobo. En moitos treitos da costa interrompeuse a comunicación natural terra-mar modificando a dinámica litoral, co consecuente gasto de diñeiro público en aportes de area e dragados.
O POL (Plano de Ordeamento do Litoral) deu carta branca a planos sectoriais que como o Acuícola, o Eólico, de Portos Deportivos, Infraestruturas, etc. teñen graves impactos sobre a costa. E as modificacións da Lei do Solo introducidas polo PP e a prevista modificación da lei de Costas flexibilizarán e facilitarán a ocupación dos sensíbeis espazos costeiros.
 
Á vista desta situación, dende ADEGA reclamamos a elaboración urxente dun Plano Estratéxico contra a Contaminación Mariña con obxectivos concretos, temporalizados e debidamente orzamentados que vise a eliminación dos focos de contaminación puntual e difusa no litoral así como a minimización do risco por verteduras accidentais e mareas negras. Para isto é preciso garantir a responsabilidade ilimitada para as actividades industriais que causen danos ao medio mariño, e en especial ás nosas rías.
 
Esiximos tamén da administración que inste ao cumprimento inmediato das sentenzas do Supremo que ordenan a retirada dos depósitos do Ferrazo e confirman a ilegalidade de REGANOSA, en lugar negarse a acatar as disposicións da xustiza e mesmo contemporizar cos contaminadores.
 
Finalmente, demandamos administración a ampliación das áreas mariñas protexidas, para que sirvan como refuxio e sementeira da biodiversidade mariña e así manter unha actividade extractiva sustentábel e garantir o futuro das comunidades que viven do noso mar. É absolutamente chave que o tesouro natural das nosas rías sexa preservado, iniciando con urxencia os trámites para que sexan declaradas Reservas da Biosfera.
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com