Día Mundial dos Humidais: Os humidais coidan da auga e en ADEGA coidamos das charcas Imprimir
Envia Día Mundial dos Humidais: Os humidais coidan da auga e en ADEGA coidamos das charcas a FaceBookEnvia Día Mundial dos Humidais: Os humidais coidan da auga e en ADEGA coidamos das charcas a Twitter

Charcasconvida2 de febreiro, DÍA MUNDIAL DOS HUMIDAIS. Nesta data adoptouse en 1971 a convención internacional Ramsar para a conservación e o uso racional dos humidais. Os ecosistemas húmidos son parte da nosa riqueza natural e grazas a eles recibimos servizos por valor de millóns de euros (de xeito totalmente gratuíto). O lema deste ano, "Os humidais coidan da auga", fai fincapé no papel fundamental que teñen os humidais na dispoñibilidade e boa calidade das augas. Dende ADEGA quixemos ir máis aló, e atender tamén aos pequenos humidais (menores dunha hectárea) que non están protexidos pola convención Ramsar. Eis a razón do proxecto "CHARCAS CON VIDA" que ADEGA apresenta este 2 de febreiro en Pontevedra. Malia ser unha peza chave para a conservación do noso patrimonio natural e cultural, son hábitats descoñecidos, infravalorados e sometidos a un rápido proceso de degradación e desaparición.

Os pequenos humidais ou charcas ofrécennos numerosos beneficios ecosistémicos xa que albergan importantes poboacións de algas e plantas. Especies raras ou ameazadas de anfibios, odonatos, etc. precisan deste medio para completar o seu ciclo vital. As charcas tamén funcionan como corredores biolóxicos que incrementan a conectividade entre hábitats. Moitas delas constitúen elementos patrimoniais singulares que abundan na xeografía galega. Alén disto, estes pequenos ecosistemas tamén funcionan sendo reservorios de auga doce, captadores de CO2 ou sistemas de depuración natural. Do mesmo xeito, os humidais de pequeño tamaño son espazos con grandes potencialidades para a educación ambiental e a investigación.

Porén, as charcas e os seus beneficios son descoñecidos pola cidadanía, o que conleva unha ameaza constante de desaparición. Coa intención de difundir os valores e importancia das charcas e de contribuir ao seu estudo e conservación, nace o proxecto "CHARCAS CON VIDA". Custodia do territorio, educación ambiental e voluntariado ambiental únense neste proxecto para dar a coñecer os pequenos humidais de Galiza, contribuíndo á conservación do patrimonio e da natureza. Este proxecto conta coa colaboración da Fundación Biodiversidade, do Ministerio de Agricultura, Almentación e Medioambiente.

Celebrando o día Mundial dos Humidais ADEGA, organiza unhas xornadas no Pazo da Cultura de Pontevedra sobre a importancia da conservación das charcas. O encontro para o que xa están inscritas 80 persoas, contará cos relatorios de membros de entidades relacionadas coa conservación e investigación destes espazos procendentes de Menorca, Portugal e Galiza.

O evento está financiado polo concello de Pontevedra.
O proxecto "Charcas con Vida" conta coa colaboración da Fundación Biodiversidade, do Ministerio de Agricultura, Almentación e Medioambiente.
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com