Orzamentos 2013: A Xunta lamina o investimento en conservación e pretende silenciar aos grupos ecoloxistas Imprimir
Envia Orzamentos 2013: A Xunta lamina o investimento en conservación e pretende silenciar aos grupos ecoloxistas a FaceBookEnvia Orzamentos 2013: A Xunta lamina o investimento en conservación e pretende silenciar aos grupos ecoloxistas a Twitter

recurtesMACompostela, xaneiro de 2012. Os orzamentos da Xunta para 2013, polo que atinxe aos investimentos en actuacións ambientais, afúndense un 62% con respeito aos orzamentos de 2009. Destacan especialmente os 0 (cero) euros que investirá en 2013 Xunta de Feijóo na loita contra o cambio climático, os 0€ adicados á erradicar as especies invasoras, 0€ tamén para as Axendas 21 Locais ou 0€ para educación ambiental. Xa nin falamos das axudas ás entidades ambientalistas, cuxo papel como axentes da participación pública e garantes da transparencia ambiental énos recoñecido en diversas Directivas e leis estatais e autonómicas. Non só pretenden calarnos adicando, como durante toda a era Feijóo, 0€ para actividades e funcionamento, senón que levan meses sen convocar os organismos consultivos (Consello Galego de Medio Ambiente e Observatorio Galego da Biodiversidade) nos que temos representación, incumprindo as súas propias normas de funcionamento. Mensaxe a Feijóo: Nen así conseguirá calarnos!

Neste proxecto de orzamentos para 2013, e á marxe do brutal recurte dos investimentos ambientais, os capítulos de transferenzas de capital e correntes para financiar diversos proxectos e axudas de carácter ambiental a concellos e outras entidades, dibuxan unha situación preocupante. Así, por exemplo, as axudas directas a Parques Naturais (subconceito 7700) acadan uns ridículos 23.333€ no 2013, fronte aos 360.000€ para o mesmo conceito en 2009, unha redución do 93%. Se contabilizamos as axudas e medidas compensatorias a concellos en Rede Natura (subconceitos 7603 e 7700), á poboación local (falmilias) do interior e contorna dos Parques Naturais (subconceito 7800), o resultado é unha caída do 68% nas transferenzas de fondos propios nos orzamentos 2013 con respeito ao 2009 (796.619€ fronte a 2.530.000€). Á vista desta situación, o panorama dos Parques Naturais galegos para o 2013 é catastrófico, comprometéndose gravemente a súa viabilidade e o seu papel como santuarios da nosa biodiversidade máis fráxil: Só falla que os privaticen coa excusa do seus "escasos beneficios".

Resulta moi revelador o conceito que a administración de Feijóo ten das milloras ambientais das administracións locais. Así, no capítulo de axudas ambientais a concellos (conceito 760, subconceito 7600), todos os cartos (2 millóns de €) adícanse en 2013 á redacción dos PXOM. En 2009, os cartos para os PXOM libráronse dende a consellaría de Política Territorial (tamén 2 millóns de €), e non dende Medio Ambiente. Neste departamento, adicáronse a maiores en 2009 para a mellora ambiental dos concellos un total de 3,4 millóns de €. Cousas de xestionar o formigón e a natureza na mesma consellaría: Nun exercicio de prestidixitación, Hérnández escamotea 3,4 millóns de € aos concellos en 2013.

Particularmente preocupante resulta o montante adicado este ano pola Xunta para axudar aos concellos a xestionar os animais domésticos (servizo de gardería e lacería): Uns ridículos 20.000€ para todas as instalacións do país. Como é posíbel que con estes cartos realicen unha xestión minimanente decente dos animais das canceiras? Fronte aos 450.000€ adicados a este conceito en 2009, unha redución do 95% significará que moitas instalacións deixen de ser viábeis ou que as existentes teñan que "reducir" os acollementos pola vía, claro está, do exterminio.

Nesta mesma liña hai que interpretar a redución do 52% nos orzamentos adicados ao pago dos danos da fauna salvaxe (111.616€ en 2013 fronte aos 234.000€ de 2009). Tendo en conta esta redución, resulta evidente que nen sequera os gandeiros que teñan pendente cobrar os danos de 2012 o van facer, e que a aposta da Xunta fía máis no chumbo que no euro. Así se explica que Borregón agasalle ao lobby da escopeta con 378.000€ para seguir promocionando unha "xestión cinexética sustentábel" a base de pólvora. As consecuencias para a nosa fauna serán catastróficas: Tiros nos montes todo o ano e incremento dos lazos e velenos pola frustración dos que saben que non se lles pagarán os danos causados polo lobo e outros animais no seu gando ou cultivos.

Finalmente, ADEGA quere tamén denunciar o nulo investimento (sí, trátase dun investimento, e non dun gasto) en educación ambiental e o intento de asfixiar  e censurar a actividade dos grupos ecoloxistas. Non abonda con rebaixar a 0€ os cartos adicados á promoción de actividades ambientais e de cooperación por parte do tecido asociativo (en 2009 preto de 1,2 millóns de €), a Xunta pretende tamén deixarnos sen voz: Por segunda vez ADEGA ten que acudir ao Valedor para que a Xunta convoque en tempo e forma os organismos consultivos ambientais nos que estamos representados os grupos ecoloxistas. O Consello Galego de Medio Ambiente, que por lei debe reunirse semestralmente, leva sen facelo case un ano. E o Observatorio Galego da Biodiversidade, de periodicidade anual, leva sen convocarse dende o 22 de decembro de 2010. É a austeridade de Feijóo: Tamén fai recurtes no cumprimento das leis!

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com