Este Nadal consume ecolóxico, local, xusto e galego Imprimir
Envia Este Nadal consume ecolóxico, local, xusto e galego a FaceBookEnvia Este Nadal consume ecolóxico, local, xusto e galego a Twitter

Compostela, Nadal de 2012. Dende hai algúns anos, ADEGA desenvolve nestas datas campañas relacionadas co Nadal: “Neste Nadal... os meus agasallos sen pilas”,“Carta das raíñas magas”ou "Por un Nadal máis ecolóxico" foron algunhas das iniciativas que invitaban a reflexionar sobre a importancia da contención do consumo nestas datas. Animamos á cidadanía neste 2012 a afrontar as festas e o vindeiro ano con espírito ecoloxista. Malia á crise, as previsións de consumo nestas datas non son moi diferentes ás de outros anos,mais o realmente certo é que o ecosistema Terra si está en crise dende hai tempo. Non podemos sacrificar o ambiente en prol dun progreso consumista e espoliador. Outra maneira de vivir é precisa se queremos conservar a riqueza común que é a diversidade natural.

A celebración do solsticio de inverno ou da festa relixiosa converteuse para a maioría nunha festa do consumismo. Na sociedade actual somos representados como cidadáns consumistas, que en decembro exaltamos esta faceta de xeito que este podería ser tamén o "mes do orgullo consumista”. No entanto, cada vez somos máis os que nos opoñemos a esta esquizofrenia das compras superfluas.

Probablemente, a crise económica contribúa a reducir o impacto, pero o ambiente leva décadas clamando por unha redución no ritmo de consumo de recursos naturais. Constátase un gasto de enerxía superior ao necesario, unha produción de residuos esaxerada, o aumento do uso do transporte privado, o incremento de emisións de efecto invernadoiro e da contaminación en xeral. Son estes os síntomas dunha sociedade en perigo.

Eis algúns consellos para que o noso comportamento nestas festas non contribúa a deteriorar o noso patrimonio natural.

- Na nosa mesa mellor produtos locais e de tempada, sen esaxerar en cantidade para non ter que tirar despois a comida. Evita aqueles alimentos que percorreron moitos quilómetros até o noso prato procedentes de monocultivos en zonas taladas de bosque tropical, como son as ananás, ou ben de ecosistemas fráxiles, como o caso da cría de lagostinos nos manglesais ou capturados con pesca de arrastre. Innova este ano e muda de menú, compra produtos ecolóxicos, de pesca artesanal e de comercio xusto.

- Consume produtos galegos e etiquetados en galego. O consumo de alimentos, artesanía, etc. feitos en Galiza, por pequenas empresas, e de xeito artesán, contribúe a reducir emisións e inviste nos teus veciños e veciñas máis próximos.

- Non espolies o monte, evita arrincar seres vivos para os adornos naturais. Especies como o acivro ou a xilbardeira (ruscus) foron comunmente arrincados para este fin. Mellor que eles fiquen no medio natural e nós lle botemos imaxinación á hora de engalanar a casa por exemplo con materiais reciclados.

- De agasallar mascotas (mellor en adopción procedentes dun refuxio de animais) ou plantas, ten en conta que a persoa á que vai destinada será a responsábel de coidala axeitadamente todo o ano. Poderá?... Con todo, procura evitar agasallos de animais ou plantas exóticas porque poden provir de ecosistemas en perigo. Ademais, a súa liberación fortuíta ou ben intencionada no noso ambiente pode causar graves danos á biodiversidade autóctona.

- Se precisas mercar ou agasallar cousas de países lonxanos lémbrate das entidades galegas que desenvolven iniciativas de comercio xusto. Agasalla compromiso co patrimonio natural e cultural de Galiza e contribúe a manter viva unha loita de máis de 36 anos.

- Finalmente, unha boa idea para agasallar nestas festas sempre é facerte/lle socio/a de ADEGA.

E lembra, consume sen consumirte. Bo nadal.

Para máis información:

Ramsés Pérez
Coordenador de Programas de Educación Ambiental de ADEGA
Teléfono: 616 238 050
Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
 
Marie Lacassagne
Vogal de Consumo de ADEGA
Teléfono: 675 155 749
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com