Semana Europea da Prevención de Residuos: Xunta e Ecoembes din que a materia orgánica non se pode reciclar! Imprimir
Envia Semana Europea da Prevención de Residuos: Xunta e Ecoembes din que a materia orgánica non se pode reciclar! a FaceBookEnvia Semana Europea da Prevención de Residuos: Xunta e Ecoembes din que a materia orgánica non se pode reciclar! a Twitter

foletoecoembes23 de novembro de 2012. Nun folleto da campaña "Separemos ben, reciclaremos millor" promovida por Ecoembes e a Xunta para divulgar a recollida selectiva e a reciclaxe, ínstase á cidadanía a separar e depositar correctamente os distintos tipos de refugallos nos correspondentes contentores. Pois ben, á hora de indicar que tipo de refugallos deben ir ao contentor xenérico (verde), atopamos a seguinte lenda: "Deposita neste colector aqueles residuos que non sexan envases e que non se poidan reciclar", acompañada dos pictogramas de diversos refugallos: cueiros, plásticos non envases, roupa e... materia orgánica!!! Este suposto erro, non só reflicte claramente a consideración que para a Xunta ten a materia orgánica, que queima e enterra en SOGAMA, senón que supón o recoñecemento implícito do incumprimento por parte SOGAMA da Lei 22/2011 de residuos.

A devandita lei 22/2011 de residuos e solos contaminados, transposición da Directiva 2008/98/CE (marco de residuos) inclue dentro da definición de "reciclado" a reciclaxe da materia orgánica (art. 3). Curiosamente, esta norma non considera reciclado a incineración, principal tratamento que SOGAMA aplica aos residuos, incluida a materia orgánica, xunto co depósito en vertedoiro:

Artigo 3. Definicións
«Reciclado»: toda operación de valorización mediante a cal os materiais de residuos son transformados de novo en produtos, materiais ou substancias, tanto si é coa finalidade orixinal como con calquera outra finalidade. Inclúe a transformación do material orgánico, pero non a valorización enerxética nen a transformación en materiais que vaian usarse como combustiíbeis ou para operacións de recheo.

Ademáis o artigo 24 desta norma, relativo ao tratamento dos biorresiduos, recolle o fomento da compostaxe e o uso do compost como enmenda orgánica, en substitución dos adubos químicos. Fica pois como unha obriga legal a necesidade de que as administracións promovan a recollida separada da fracción orgánica e o seu reciclado mediante a compostaxe.

Porén, a Xunta considera que a fracción orgánica, que supón perto da metade dos refugallos sólidos urbanos (e a fracción máis facilmente reciclábel) "non pode ser reciclada" para deste xeito xustificar a súa desastrosa xestión mediante a incineración e o vertido que practica SOGAMA.

ADEGA esixe a Ecoembes e á Xunta que retiren este folleto por faltar á verdade e facer propaganda do incumprimento da lexislación de residuos, cuestións ambas nas que por desgraza, ambas entidades teñen cumprida experiencia.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com