A Xunta convirte a lagoa da Frouxeira nun humidal a tempo parcial violando varias normas de protección Imprimir
Envia A Xunta convirte a lagoa da Frouxeira nun humidal a tempo parcial violando varias normas de protección a FaceBookEnvia A Xunta convirte a lagoa da Frouxeira nun humidal a tempo parcial violando varias normas de protección a Twitter

Abrindo-a-canleValdoviño, 8 de novembro de 2012. ADEGA denuncia unha nova alteración do réxime natural da lagoa da Frouxeira-Valdoviño en plena tempada de migración e invernada de aves. Con estas obras, a Xunta certifica a condea a morte da lagoa que ben pode pasar a chamarse a partires de agora "enseada da Frouxeira". A pretendida "regulación do nível de inundación" que efectúa a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, vulnera unha vez máis a Directiva Hábitat (DC 92/43/CEE) da que precisamente hoxe cúmprense 20 anos, a Directiva Aves (Directiva 2009/147), a Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e a Biodiversidade, a Lei 9/2001 de Conservación da Natureza e o Decreto 127/2008 que regula os humidais protexidos. Vulnérase tamén o acordo que no seu día adoptou o Parlamento galego en relación ás actuacións de xestión deste humidal. Se con Fraga inaugurábanse accidentes xeográficos, con Feijóo crianse outros novos.

Buldozer-abrindo-a-canleA Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas recolle na súa páxina web que este xoves 8 de novembro “A Xunta restaurará a canle natural de desaugamento da Lagoa de Valdoviño co obxectivo de recuperar o funcionamento hidrolóxico natural do sistema. Os traballos de restauración da canle pretenden rebaixar o nivel da cota de inundación da lagoa. Declaracións que amosan un intencionado, grave e reiterado incumprimento do Decreto 127/2008 que protexe os Humidais de Galiza e que prohibe, entre outras agresións “alterar o réxime hidrolóxico dos humidais protexidos”. A alteración do réxime hidrolóxico xera ademais un claro incumprimento do resto da normativa ambiental que incide nesta lagoa, a saber: A Directiva Aves, a Directiva Hábitat da que hoxe cúmprense precisamente 20 anos, a Lei 42/2007 e a Lei 9/2001, xerando un novo desequilibrio ecolóxico no humidal que mesmo podería ser constitutivo dun delicto penal.

A Web oficial da Xunta tamén recolle que “Esta actuación forma parte das directrices do Plan de Conservación do Humidal Protexido Lagoa e Areal de Valdoviño, que está a tramitar a Consellería de Medio Ambiente, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza”. Pero de qué Plano de Conservación falan? O 24 de xaneiro de 2012, tras baleirar a lagoa, o Director Xeral de Conservación da Natureza prometeu, como en múltiples ocasións anteriores e insultando a intelixencia dos cidadáns “que procederá de xeito inmediato a redactar un Plan de Xestión do Humidal da Frouxeira e que estaría redactado para antes do verán de 2012”, Plan de Xestión, que a estas alturas de ano nin sequera se publicou no DOG o correspondente “inicio do procedemento para a súa redacción”.

Como se recordará derivada da situación xerada tras a apertura intencionada da lagoa que provocou a súa alteración hidrolóxica en 2009, o Parlamento Galego adoptou un acordo, por unanimidade de todos os grupos políticos, que instaba á Xunta a buscar unha xestión racional e coherente cos obxectivos de conservación do humidal, e non autorizar, con carácter cautelar, novas aperturas da lagoa.

Polas-dunas-fixasTranscorridos máis de dous anos a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, segue ocultando a información técnica que xustificou os baleirados da lagoa do ano 2009 e de xaneiro de 2012, así como os informes botánicos, hidrolóxicos e zoolóxicos, que estarían supostamente finalizados no verán de 2011.

A Xunta e a Demarcación de Costas estiveron máis de 2 anos de brazos cruzados, sen formular e menos aínda executar, medidas para corrixir os defectos construtivos dun paseo marítimo somerxíbel e dunha rede de saneamento irracional que como o propio Director Xeral de Conservación da Natureza Sr. Borregón declarou “fíxose sen ter en conta a dinámica natural da lagoa”, pero esquecendo dicir que foi esa mesma administración a que autorizou ese trazado.

Con base a qué normativa ambiental, plan de conservación, estudos ou criterios científicos procede a Consellería de Medio Ambiente a abrir a lagoa de novo?

O máis dramático desta situación é que a Consellería de Medio Ambiente non ten ningún criterio ambiental críbel no que poda apoiarse para proceder a baixar o nível da lagoa. A única razón para a apetura é puramente urbanística, isto é evitar que a auga chegue a un paseo construído na zona de inundación natural da lagoa. E ahí está a grave irresponsabilidade e as grandes mentiras reiteradas desta Consellería. Onde están todas esas promesas (actuar sobre o paseo marítimo, a canalización das augas residuais, aprobar o Plano de Conservación do Humidal...) que dixo ía realizar en xaneiro de 2012 para evitar ter que actuar sobre a lagoa? Esas promesas non se cumpriron, e por causa da súa incompetencia e deixazón, de novo a Consellería volve a actuar sobre a lagoa para“baixar o nível de inundación”.

ADEGA considera que esta nova actuación Dirección Xeral de Conservación da Natureza supón unha nova e reiterada vulneración da Directiva 92/43 CEE de Hábitat e un novo incumprimento da Lei 42/2007 e do Decreto 127/2008 de Humidais de Galicia. Por todo isto, dende ADEGA queremos denunciar:

-A incomprensible e irresponsable vulneración do acordo do Parlamento galego por parte da Xunta, en concreto da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, no que se instaba ao governo a buscar unha xestión racional,  coherente cos obxectivos de conservación do humidal, e non autorizar con carácter cautelar, novas aperturas da lagoa.

-A actitude reiterada de ocultación de información practicada pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, sobre os proxectos, estudos, seguementos que dicían ter e que supón un claro incumprimento da Lei 27/2006, de acceso á información ambiental. De novo ADEGA solicita que se faga público ese suposto Plan de Conservación do Humidal e do seu documento técnico, que en calquera caso, ao non estar publicado como un Decreto, carece de validez legal para actuar sobre a lagoa.

-A pasividade durante case 2 anos nos que non sen formularon e menos aínda executaron, medidas para corrixir os defectos construtivos dun paseo marítimo somerxible e dunha rede de saneamento irracional.

ADEGA segue defendendo unha xestión racional do humidal, comezando pola eliminación de todas as accións humanas negativas (paseo marítimo inadecuado, nefasta xestión urbanística,...), antes de seguir empregando maquinaria pesada e excusas de mal pagador por parte da Xunta como a "seguridade pública" para actuar sobre un espazo protexido sen ningunha xustificación ambiental e, como sempre, de xeito improvisado ante a suba do nível da lagoa.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com