Evitarmos outro "Prestige": Balanzo e demandas de NUNCA MÁIS 10 anos despois da maré negra Imprimir
Envia Evitarmos outro "Prestige": Balanzo e demandas de NUNCA MÁIS 10 anos despois da maré negra a FaceBookEnvia Evitarmos outro "Prestige": Balanzo e demandas de NUNCA MÁIS 10 anos despois da maré negra a Twitter

Pan-NMPRESTIGE, 10 anos despois. Transcorridos dez anos da maré negra provocada polo petroleiro “Prestige”, que deitou máis de 60.000 toneladas de fuel fronte ao noso litoral, a plataforma cidadá NUNCA MÁIS, da que fai parte ADEGA, considera que é tempo de facer un balanzo do acontecido. Un balanzo rigoroso, que permita situar o estado da cuestión a día de hoxe, e sobre todo un balanzo que tente respostar á grande pregunta que xorde unha década despois: É posíbel outro “Prestige” nas costas galegas? Para ADEGA, para NUNCA MÁIS os dados demonstran que si. Descarega o  Informe PRESTIGE, 10 ANOS DESPOIS 

NM1A día de hoxe, cabe preguntarse se outro “Prestige” é posíbel, ou o que é o mesmo, se realmente estamos mellor preparados para evitar unha catástrofe ecolóxica como a provocada polo accidente marítimo do “Prestige”. A resposta a esta pregunta, a xuízo da plataforma Nunca Máis, non é moi tranquilizadora, senón máis ben desacougante. Os avanzos (e tamén retrocesos) que se deron nesta última década no que ten a ver coa seguranza marítima e protección do litoral son insuficientes. Máxime se se pensa que máis de 13.000 buques con mercadorías perigosas transitan anualmente fronte ás costas de Galiza.

Existiron, si, melloras no salvamento marítimo e hoxe dispoñemos de máis medios (novos remolcadores, novos helicópteros...) para enfrontar situacións de risco no noso litoral. E tamén se estabeleceron medidas (maior cobertura radar, afastamento do Dispositivo de Separación de Tráfico de Fisterra...) que van na boa dirección. Algunhas delas tamén no ámbito europeo, como a paulatina retirada dos petroleiros monocasco ou a fixación de aseguramentos co fin de cubrir responsabilidade por danos por mor da contaminación. Melloras motivadas, dito sexa de paso, pola presión social que levou adiante Nunca Máis nas semanas e meses posteriores ao afundimento do Prestige.

Así e todo, o capítulo de carencias e de medidas non implementadas non é menor. De aí que se poidan cualificar de insuficientes as actuacións desenvolvidas en materia de seguranza e protección do litoral nestes últimos dez anos. Carencias como a falta de control vía satélite do que acontece fronte as costas galegas; a falta de identificación e dotación de medios para os lugares de refuxio de barcos en dificultades ou o escaso control sobre o pecio afundido do Prestige; a inexistencia dun Centro de Prevención da Contaminación Mariña en Galiza, etcétera, etcétera. Estas carencias están hoxe amplificadas por aspectos como a non transferencia a Galiza das competencias de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña ou o proceso de privatización dos medios de salvamento levado a cabo polo goberno do PP, o que está a converter un servizo público como salvamento nun simple negocio aberto ao ánimo de lucro. Ademais, aínda son necesarias melloras no que ten a ver coa inspección de buques; o control do tránsito marítimo na costa galega; as radiocomunicacións marítimas ou mesmo coas condicións de formación dos tripulantes de buques. Tamén se fai precisa a realización de programas de investigación sobre técnicas de limpeza e descontaminación de praias e costas ou actuacións decididas de defensa da produción galega pesqueira, marisqueira e mexilloeira, e sistemas de control das importacións.

NM2Xuntamente con isto, existen aspectos vinculados aos efectos da maré negra do “Prestige” que aínda non están solventados, como por exemplo: o control e seguimento a longo prazo dos espazos ambientalmente máis afectados; un plan de recuperación e repoboación de especies de valor comercial (peixe e marisco) no litoral galego ou o seguimento da saúde das persoas que interviñeron nos traballos de limpeza e descontaminación.

Así pois, transcorridos dez anos, ao noso ver, existen dúbidas máis que razoábeis acerca de que hoxe poidamos dicir que está garantido que non se vai producir outro “Prestige”. E o que se cadra é máis preocupante é que tampouco está garantido que os diferentes gobernos e administracións, nomeadamente o Goberno central e a Xunta de Galiza, non cometesen os mesmos erros que cando a xestión do “Prestige”. Uns erros na xestión que amplificaron de maneira importante as consecuencias do accidente e deron en transformalo nunha catástrofe ambiental de consecuencias coñecidas.

De aí a importancia que ten para a plataforma Nunca Máis que se coñeza polo miúdo a devandita xestión e, ante o inicio do xuízo oral, este conclúa determinando as responsabilidades derivadas da maré negra do “Prestige”. Non debe haber lugar para a impunidade. Esa tamén a razón que no seu día moveu a Nunca Máis a presentarse como acusación popular no xuízo aberto por esta causa.

Por último, a plataforma Nunca Máis alerta á sociedade galega ante a actual situación no que ten a ver coa seguranza marítima e a protección do litoral. Os pasos dados neste sentido son claramente insuficientes. Ao mesmo tempo, Nunca Máis empraza aos diferentes gobernos e administracións a implementar novas medidas e actuacións destinadas a diminuír significativamente o risco dunha nova maré negra no litoral galego. Un risco real e non menor, dado que, de media, cada día se produce o paso de 35 barcos con mercadorías perigosas fronte as nosas costas.

NON ESQUECEMOS. NON Á IMPUNIDADE
MARÉS NEGRAS NUNCA MÁIS
.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com