Adega
INICIO Últimas novas Biocidas e motoserras: A formación ambiental da Xunta en 2012
Biocidas e motoserras: A formación ambiental da Xunta en 2012 PDF Imprimir Correo-e
Envia Biocidas e motoserras: A formación ambiental da Xunta en 2012 a FaceBookEnvia Biocidas e motoserras: A formación ambiental da Xunta en 2012 a Twitter
xuntahazardCompostela, 25 de setembro de 2012. Mentres a Educación Ambiental agoniza, en paralelo ás políticas que a Xunta está a executar na educación e no ambiente, o DOG reflicte unha fotografía do preocupante estado da formación ambiental neste país. Malia ás numerosas recomendacións (OIT, ONU-PNUMA) que apontan aos millóns de postos de traballo que se poderían criar vencellados ao medio ambiente e á "economía verde", a Xunta non só reduxo a cero o investimento en educación ambiental, senón que os cursos de formación non regrada convocados en 2012 indican o curioso concepto que a administración ten da "formación ambiental": 26 cursos de "aplicador/manipulador de biocidas"; 2 cursos de prevención e loita contra os lumes; 1 de "ruido ambiental" e 1 de "manexo básico da motoserra". pdfListaxe completa cursos Xunta 2012

As iniciativas da actual administración galega na promoción da educación ambiental (EA) son case inexistentes, coa EGEA (Estratexia Galega de Educación Ambiental) esquecida nun caixón dende hai anos. Ao brutal recorte de actividades e recursos (0€ en 2012); ao peche e infrautilización de equipamentos (Centro de Interpretación A Siradella, C.I. do P.N. Monte Aloia, do P.N da Enciña da Lastra; do P.N de Corrubedo, Aula de Chelo...); ao abandono da EA no sistema educativo polos continuos recurtes; aos despedimentos, e desaparición de empresas hai que engadir o escandaloso desbaldimento de recursos en eco-mausoleos como o Centro de Interpretación dos Espazos Naturais Galegos de Ourense (8 millóns de €) ou das das Illas Atlánticas, ou os gastos en "intervencións" agresivas en espazos naturais (desbroces en espazos costeiros, baleirado da lagoa da Frouxeira...)

Diante deste panorama nos programas, equipamentos e actuacións de Educación Ambiental, as escasas iniciativas institucionais postas en marcha pola Xunta no eido da formación non regrada, esqueceron o feito de que o medio ambiente está a ser e será no futuro (recomendacións da OIT e a ONU), unha importante fonte de postos de traballo e actividade económica relacionados coa súa protección e as iniciativas sustentábeis para a súa posta en valor.

Unha simples revisión do DOG revela que a Xunta está a ofertar no eido da formación ambiental non regrada, unha sorprendente listaxe de cursos: Destaca con moito, o número de sesións adicadas ao manexo e aplicación de biocidas (26) en comparación con outros cursos de positivas repercusións para o ambiente como a prevención dos lumes (2) ou a loita contra o ruido (1 curso). Esta sorprendente obsesión da Xunta cos cursos de biocidas (alén doutras posíbeis causas relacionadas coas adxudicacións) podería ter unha explicación na teima da administración (galega e estatal) en dar traballo á patronal química coas súas políticas (forestal, agrícola, industrial, de residuos...): fumigacións, agroquímicos, transxénicos, minaría de cianuro, incineradoras, etc.

Fronte a isto, destaca a total ausenza de formación en conservación, custodia do territorio, voluntariado ambiental, eco-auditorías e aforro de recursos naturais, iniciativas produtivas en espazos protexidos, turismo de natureza, ornitolóxico, xeolóxico... etc. Semella que a Xunta prefire formar á cidanía no manexo do Cascade, do Round-up e da motoserra.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA