Adega
INICIO Últimas novas Voluntariado ambiental na costa galega: conservando as nosas dunas
Voluntariado ambiental na costa galega: conservando as nosas dunas PDF Imprimir Correo-e
Envia Voluntariado ambiental na costa galega: conservando as nosas dunas a FaceBookEnvia Voluntariado ambiental na costa galega: conservando as nosas dunas a Twitter

dunas5 e 19 de xullo de 2012. A Fundación Biodiversidad ven de seleccionar dúas actuacións propostas por ADEGA no marco da iniciativa "Playas, voluntariado y custodia del territorio", xunto con outras 30 actividades en todo o estado. Alén de continuarmos divulgando a problemática das especies invasoras e a importancia de conservar os ecosistemas dunares, estas accións teñen por obxectivo aumentar a concienciación cidadá, divulgar e promover iniciativas de custodia litoral, facilitando ferramentas de conservación. Outros dos obxectivos é acadar un mellor estado ecolóxico dos ecosistemas dunares. Abrimos o prazo de inscrición para estas dúas xornadas de voluntariado ambiental. Participa na conservación das nosas dunas!

A primeira iniciativa seleccionada pola Fundación foi "Mares sen plástico: limpeza simultánea de praias" que se realizou en toda Galiza o día 8 de xuño (día dos océanos) e que conseguiu mobilizar a 700 persoas en 25 areais dende Nigrán a Ribadeo pola defensa das praias e en contra da contaminación mariña. Agora ADEGA convoca a segunda actividade que leva por lema "Conservando as nosas dunas". Trátase de dúas actuacións de voluntariado ambiental que se desenvolverán nos días 5 e 19 de xullo.

O xoves 5 de xullo, as actuacións de voluntariado serán na praia da Corna (Pobra do Caramiñal), onde realizaremos labores de eliminación de flora exótica invasora e limpeza do areal. Esta praia ten un ecosistema dunar ben conservado mais con numerosas ameazas que poñen en perigo tanto a flora como a fauna. Tamén é un dos lugares da nosa costa onde podemos atopar píllara papuda (Charadrius alexandrinus) a cal se atopa en estado vulnerable. Esta actuación dará continuidade aos traballos realizados por ADEGA no Proxecto Corna, no que alén de eliminar flora exótica invasora, realizouse unha campaña divulgativa sobre o valor deste ecosistema e a necesidade de protección da píllara das dunas.

A segunda xornada de voluntariado será o día 19 de xullo e se desenvolverá no concello de Porto do Son, co cal ADEGA ten firmado un convenio de Custodia litoral para a preservación dos valores naturais deste concello. Esta xornada de eliminación de flora invasora será na praia de Areas Longas traballándose tanto nas dunas como nas lagoas litorais de Xuño e San Pedro de Muro (pertencentes ao Complexo Húmido de Corrubedo). Darase continuidade aos traballos realizados anteriormente dentro da iniciativa "Móllate polos humidais".

PROGRAMA XOVES DÍA 5 DE XULLO

9.00h          Saída dende Santiago de Compostela             

10.00          Chegada á praia da Corna (Pobra do Caramiñal)

10.15          Chegada e presentación da actividade

10.40          Roteiro pola praia

12.00          Comezo dos traballos de eliminación e limpeza

14.30          Xantar

16.00          Continuación dos traballos

18.30         Remate dos traballos, toma de datos e foto de grupo

19.00         Regreso

 

Serán actividades gratuítas onde o voluntariado contará con seguro de accidentes, alén de ter cubertos os gastos de transporte e comida. As voluntarias e os voluntarios que queiran participar en calquera das dúas xornadas poden apuntarse ou pedir información no seguinte enderezo:

Ramsés Pérez (Coordenador de Programas de Educación Ambiental de ADEGA) Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo // Telf: 981 57 00 99 e móbil: 616 23 80 50

Este proxecto forma parte da iniciativa Playas, voluntariado y custodia del territorio.

MAGRAMA FB-1

 Colabora o Concello de Porto do Son

 Escudo de Porto do Son

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA