Adega
INICIO Últimas novas Mina de ouro de Corcoesto: beneficios para algúns, cianuro e arsénico para todos
Mina de ouro de Corcoesto: beneficios para algúns, cianuro e arsénico para todos PDF Imprimir Correo-e
Envia Mina de ouro de Corcoesto: beneficios para algúns, cianuro e arsénico para todos a FaceBookEnvia Mina de ouro de Corcoesto: beneficios para algúns, cianuro e arsénico para todos a Twitter

ceoaberto12 de xuño de 2012. ADEGA vén de apresentar alegacións ao proxecto mineiro promovido por Edgewater Mining Co. para explotar o xacemento aurífero de Corcoesto (Cabana de Bergantiños). Trátase dun megaproxecto mineiro que minimiza os custos de produción a base de tecnoloxas obsoletas e contaminantes, pensado para maximizar os beneficios das multinacionais mineiras e os seus investidores no mercado especulativo do ouro. En troques, socializa os custos ambientais de ocupar máis de 700 ha con cortas a ceo aberto, balsas e escombreiras, alén dos riscos de usar millóns de litros de cianuro, cun nulo impacto sobre o tecido produtivUo galego. Un proxecto máis propio da época colonial, ao que a Feijóo pretende concederlle dereito de pernada sobre o territorio e adxudicarlle subvencións directas mediante a declaración de "interese estratéxico". pdfAlegacións CORCOESTO-ADEGA

ALEGACIÓNS

1. OPCIÓN CERO E XUSTIFICACIÓN DO PROXECTO

O ouro é unha materia prima estratéxica cuxa principal utilidade é a de servir como activo material para respaldar o sistema monetario internacional. A súa posesión e acumulación por parte de estados e corporacións é considerado un obxectivo estratéxico. No caso do xacemento aurífero de Corcoesto, a súa extracción por parte de Río Narcea Gold Mines, S.A. (integrada en Edgewater Mining Co.) redundará no incremento dos activos desta multinacional, que cotiza na Bolsa de Toronto. A forte compoñente especulativa que segue a ter o comercio financeiro internacional, unha das principais causas da actual crise, reforzarase coa masiva fuxida de capitais cara os valores refuxio como o ouro e outras materias primas (incluidos alimentos). É neste contexto no que algúns estados como España, en troques de incrementar os seus depósitos mediante a explotación directa dos xacementos de materias primas estratéxicas, nomeadamente o ouro, para respaldar os respeitivos sistemas monetarios ou reducir o déficit exterior, prefiren acudir aos mercados internacionais de débeda mentres enaxenan a explotación dos commodities ás mesmas compañías que posteriormente especulan grazas a estes activos coas débedas soberanas.

Outra proba da compoñente netamente especulativa da minaría do ouro é o feito de que a súa viabilidade vén exclusivamente condicionada pola cotización do metal nos mercados internacionais de capitais. Deste xeito e cos actuais prezos do ouro, xacementos con leis relativamente baixas que até hai pouco non tiñan interese para a industria, tornáronse hoxe “rendíbeis”. É de supoñer que cando o mercado mundial do ouro acumule un exceso de oferta, os prezos caerán e moitas explotacións como esta deixarán de ser rendíbeis. Portanto, todas as xustificacións achegadas pola empresa (posta en valor dun recurso natural e millora do tecido socioeconómico comarcal) están condicionadas e subordinadas á cotización internacional do ouro e as flutuacións dun mercado cunha forte compoñente especulativa.

Por outra banda, o feito de que se utilice o argumento dunha restauración pretendidamente modélica para xustificar oa explotación, poñendo como exemplo a realizada por Endesa e G.N. Fenosa nas explotacións lignitíferas de As Pontes e Meirama, respeitivamente, non achega argumento algún á necesidade de levar a cabo o proxecto. Primeiro, porque a alternativa “0” non comportaría restauración algunha ao non causar impactos, e segundo porque as actuacións coas que se pretende comparar as solucións propostas en Corcoesto (as balsas ácidas de As Pontes e Meirama) son precisamente exemplos de todo o contrario: como eludir a responsabilidade e os custos económicos dunhas “restauracións” executadas no menor tempo posíbel, minimizando o gasto para as empresas e trasladando os gastos futuros do mantemento e eventuais acidentes á sociedade[1].

2. XUSTIFICACIÓN DO SISTEMA DE EXPLOTACIÓN (CEO ABERTO)

Polo mesmo, a elección do sistema de explotación mediante cortas a ceo aberto débese á necesidade de minimizar os custos de explotación e maximizar os beneficios (referenciados ao prezo actual do metal) para a empresa. Resulta curioso que no apartado de xustificación do proxecto faise mención á tradicional explotación dos corpos mineralizados que tivo a súa maior actividade a principios do pasado século, explotación que por certo desenvolveuse mediante minaría soterrada. Non hai razóns de tipo técnico (xeolóxico, xeotécnico, de deseño da explotación...) que xustifiquen o sistema de ceo aberto, máxime cando o propio deseño da explotación contempla non unha única corta, senón varias. Cais son as razóns para que non poidan desenvolverse, do mesmo xeito que acontece coas dúas cortas propostas (en total catro ocos mineiros), varios sistemas de galerías soterradas que ademais non impedirían o acceso ás zonas mineralizadas máis profundas e de maiores leises? O ratio estéril/metal da explotación mineira soterrada, e portanto o volume de estériles xerados é considerábelmente máis baixo con este sistema de explotación que coa minaría a ceo aberto, minimizándose os riscos e os impactos ambientais. Semella claro que a intención da empresa de reducir custos para maximizar os beneficios e respostar así ás demandas de plusvalías dos seus investidores no mercado de valores de Toronto é o argumento determinante para xustificar o sistema de explotación a ceo aberto.

3. XUSTIFICACIÓN DO SISTEMA DE EXTRACCIÓN (CIANURACIÓN)

Para xustificar a elección da cianuración como método de extracción do ouro fronte aos outros sistemas químico-industriais (tiourea, bromo-bromuro, cloro-cloruro e tiosulfato amónico) indícase a maior efectividade, especificidade e menor custo económico do proceso con cianuro. No entanto, a cianuración é con moito o método que máis riscos comporta para o ambiente e a saúde humana, e o máis inxusto socialmente, por moito que a empresa pretenda argumentar mediante un gráfico da USEPA (Axencia de Protección Ambiental de EE.UU.) -gráfico sen unidades, nen fontes de datos, criterios de fiabilidade nen referenzas-, os supostos menores riscos da cianuración.

A este respeito, a propia USEPA certificou a resultas da catástrofe ambiental da mina de ouro se Summitville (Colorado, EE.UU.) en 1993 que a tecnoloxía de explotación de ouro a ceo aberto e a extracción empregando o cianuro non son seguras[2]. A maiores, a Declaración de Berlín[3] (2000) achega argumentos científicos e socioeconómicos para considerar que esta técnica non pode ser aceptada por causar danos irreversíbeis aos ecosistemas, concluindo que “a extracción do ouro con cianuro contradi permanentemente a Declaración de Río (1992) [...] destruindo a longo prazo as necesidades básicas de vida e poñendo en perigro a alimentación”. Tamén ecomenda aos estados que non promocionen nen subvencionen proxectos de minas de ouro a ceo aberto nas que se usa o cianuro e que garantan a compensación económica por parte das empresas mineiras ás poboacións afectadas.

O propio Parlamento Europeo, através da Resolución de 5 de maio de 2010, sobre a prohibición xeral do uso das tecnoloxías mineras a base de cianuro na Unión Europea [(P7 TA(2010)0145][4], instou á Comisión á “…prohibición completa do uso das tecnoloxías mineiras a base de cianuro na UE antes de finais de 2011, xa que é a única forma segura de protexer os nosos recursos hídricos e ecosistemas da contaminación por cianuro procedente das actividades mineiras”, e que “...os estados membros non presten apoio, de forma directa ou indirecta, a ningún proxecto minero na UE no que se empreguen tecnoloxías mineiras a base de cianuro, até que sexa aplicable a prohibición xeral, nen respalden proxectos desas características en terceiros países...”

Á vista destas resolucións e atendendo ás conclusións dos numerosos estudos científicos nos que se basean, así como nas catastróficas consecuencias dos accidentes, é preciso aplicar á tecnoloxía minera da explotación a ceo aberto con emprego de cianuro, os Principios de Precaución e Mínima Exposición consagrados na lexislación internacional.

4. ENCOL DA NON CONSTITUCIÓN DUNHA GARANTÍA FINANCEIRA PARA FACER FRONTE AOS DANOS POR SITUACIÓNS ACCIDENTAIS

A respeito da pretensión da empresa de non constituir unha garantía financeira para facer fronte aos posíbeis danos ás persoas e ao ambiente causados por situacións accidentais, segundo o disposto na Lei 26/2007 de Responsabilidade Medioambiental, debido a que non está aínda publicada a Orde Ministerial que obriga aos proxectos con “prioridade 3” a constituila (estremo recollido da ARM 1783/2011), dende ADEGA lembramos que segue vixente o Decreto autonómico 455/1996, de 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, que debería ser de aplicación neste caso:

“Artigo 1º. O órgano administrativo competente para o outorgamento dunha autorización de proxectos, obras e actividades que fosen susceptíbeis de afectar ao medio ambiente, nos termos da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galiza, cando na dita autorización se impoñan medidas correctoras, poderá esixir a constitución dunha garantía persoal mediante aval que garanta, suficientemente, o cumprimento destas e a reparación dos posibles danos e o custo da restauración. A constitución do aval, a plena satisfacción do órgano administrativo requirinte, será condición previa para o exercicio da actividade ou inicio dos traballos ós que se refira a autorización.”

5. ENCOL DA CATEGORIZACIÓN DA PERIGOSIDADE DOS RESIDUOS E DA NON REALIZACIÓN DUN PLANO DE EMERXENCIA EXTERIOR

O EIA (Estudo de Impacto Ambiental) do proxecto de explotación clasifica os residuos da actividade mineira como “non inertes non perigosos”. A teor tanto da caracterización analítica previa, que sinala uns níveis de As superiores aos níveis de referenza, como do uso de substancias perigosas como o cianuro para a extracción do ouro por lixiviación dinámica, concluimos que, á marxe dos residuos da extracción de minerais metálicos (código LER 01 01 01) e non metálicos (01 01 02), existen outros tres tipos de residuos non catalogados: Os residuos mineiros de parte dos estériles da actividade extractiva e os residuos da lixiviación deberían clasificarse como “non inertes perigosos”, correspondéndolles os códigos LER 01 03 04*[5] (estériles ácidos pola transformación dos sulfuros -mineralizacións con arsenopirita e outros compostos de xofre-); 01 03 05* (outros estériles con substancias perigosas -As-); e 01 03 07* (residuos que conteñen substancias perigosas -cianuro- procedentes da transformación física e química de minerais metálicos). Tendo en conta a caracterización destes novos residuos mineiros xerados polo proxecto, as instalacións destinadas a albergar tais materiais de rexeite deberían ser clasificadas como de tipo A, a teor da Directiva 2006/21 CE, transposta ao ordeamento xurídico español polo RD 975/2009. Atendendo a esta normativa, unha instalación de residuos mineiros considérase de categoría “A” cando, alomenos, concurra unha destas circunstancias:

-Que exista risco de accidente grave por colapso ou fallo debido á perda de integridade estrutural ou por unha incorrecta operación.
-Que conteña residuos perigosos.
-Que conteña substancias perigosas.

Neste caso, as instalacións proxectadas cumpren as tres condicións para seren consideradas de categoría “A”. Portanto, e a teor no disposto no devandito RD 975/2009, establécese para estas a necesidade de contar cun Plano de Emerxencia Exterior que deberá elaborarse denantes da autorización do plano de restauración (art. 40.1), para o que a empresa deberá facilitar á administración a información necesaria. Os obxectivos do Plano de Emerxencia Exterior (PEE) serán (art. 40.3):

“a) Conter e controlar os accidentes graves e outros incidentes para reducir ao mínimo os seus efectos e, en particular, para limitar os danos á saúde das persoas e ao medio ambiente.
b) Aplicar as medidas necesarias para protexer a saúde das persoas e o medio ambiente dos efectos de accidentes graves e outros incidentes.
c) Comunicar a información necesaria ao público e aos a servizos ou ás autoridades correspondentes da zona.
d) Tomar medidas para a rehabilitación e limpeza do medio ambiente tras un accidente grave.”

6. ENCOL DOS RISCOS DE COLAPSO OU FALLO GRAVE DAS BALSAS E ESCOMBREIRAS DEBIDO A PROCESOS SÍSMICOS

Atendendo á norma de construción sismorresistente NCSE-02, as instalacións mineiras, nomeadamente as escombreiras de estériles e as balsas de lamas deben ser consideradas construcións de importancia especial, xa que a súa destrución por un eventual tremor de terra pode dar lugar a efectos catastróficos (particularmente a rotura dos diques das balsas). Élle aplicábel portanto o regulamento técnico de seguridade de presas e encoros (Orde de 12 de marzo de 1996), mais entendemos que segundo esta norma (art. 3.1.a), as balsas de estériles e lixiviados non poden ser consideradas, como se fai no EIA, presas de Clase I, Categoría B (presas cuxa rotura ou funcionamiento incorrecto pode ocasionar danos materiales ou medioambientais importantes ou afectar a un reducido número de viviendas), senón de Clase I, Categoría A (presas cuxa rotura ou funcionamiento incorrecto pode afectar gravemente a núcleos urbanos ou servizos esenciais, así como producir danos materiais ou medioambientais moi importantes). Entendemos que os danos medioambientais producidos por un accidente ou catástrofe nunha instalación desta dimensión e que manexa produtos altamente tóxicos en volumes moi altos tería, como ficou demostrado no caso dos numerosos accidentes acontecidos en explotacións de ouro con extracción por cianuración, efectos catastróficos para o ambiente danando gravemente os servizos ecosistémicos. É por esta razón que o Parlamento Europeo, na súa Resolución de 5 de maio de 2010, recolle entre as súas consideracións que o “cumprimiento dos obxectivos da Directiva Marco da Auga, isto é, conquerir un bo estado químico das aguas e protexer os recursos hídricos e a diversidade biolóxica, só pode acadarse mediante unha prohibición xeral do uso das tecnoloxías mineiras a base de cianuro”; e lembra que “no ano 2000 vertéronse máis de 100.000 metros cúbicos de auga contaminada con cianuro dende o encoro dunha mina de ouro ao sistema fluvial Tisza-Danubio, o que causou o maior desastre ecolóxico desa época na Europa Central”.
Portanto, e malia a que a norma NCSE-02 non é aplicábel ás infraestruturas, mesmo de importancia especial, situadas nun territorio cuxa aceleración sísmica básica ab sexa inferior a 0,04g, entendemos que debido á perigosidade intrínseca das infraestruturas potencialmente afectadas e aos riscos críticos para a saúde e o ambiente dun eventual accidente, ás citadas instalacións deberiaselles ser de aplicación esta norma (considerando, por exemplo, que para a determinación da aceleración sísmica de cálculo ac o coeficiente adimensional de risco (?) debe tomar un valor superior a 1,3). Deste xeito, a aceleración sísmica de cálculo ac acadaría un valor sensiblemente superior aos 0,062g recolidos no Estudo Xeotécnico do proxecto, sendo o valor límite para o sometemento das presas destas características á norma NCSE-2 0,06g, e entendendo que non sería de aplicación a excepción contemplada no artigo 1.2.3.
A maiores, na memoria técnica do proxecto non se avalía suficientemente para o cálculo da estabilidade das balsas e escombreiras o feito de existiren na zona fallas sísmicamente activas, como recolle por exemplo a documentación do SISMIGAL[6].
 
sismicidadeFigura 1. Sismos históricos e instrumentais e sistemas de fallas activas en Galiza. Fonte: SISMIGAL e Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal (UDC).
 
Á vista deste mapa, que integra as información dos sismos históricos e instrumentais acontecidos em Galiza xunto coas lineacións das principais fallas activas, podemos concluir que a área do proxecto fica moi próxima a dúas grandes fracturas con actividade constatada, a falla de Meirama e a falla de Pontevedra-Padrón, e que na zona da explotación existe un conxunto de fracturas conxugadas relacionadas coa primeira. En canto á actividade sísmica, óbsérvase unha concentración de tremores a poucos quilómetros ao SSE da localización do proxecto. Ambos os dous factores obrigan ao noso entender a considerar baixo outra perspectiva os posíbeis riscos derivados dun movemento sísmico e os consecuentes efectos sobre a estabilidade das balsas mineiras, e portanto, a tomar medidas de prevención máis estritas.

7. ENCOL DA CONSIDERACIÓN DE PROXECTO INDUSTRIAL ESTRATÉXICO

Segundo a empresa promotora, o proxecto prevé criar 271 postos de traballo, 138 por parte da propia empresa e 133 mediante contratas. Esta cifra é esgrimida pola comañía para solicitar a declaración deste proxecto mineiro como “Proxecto Industrial Estratéxico”, figura recollida na Lei 12/2011 de Política Industrial de Galiza. A declaración desta figura ten como consecuencia a simplificación de numerosos trámites administrativos de natureza social (p. ex. leva aparellada a declaración de utilidade pública, a urxente ocupación, o interese supramunicipal e a prevalencia das utilidades públicas), económico (a adxudicación directa de solo, imposición de servidumes, concesión de subvencións directas) e ambiental. Son precisamente estes trámites os que pretendían garantir a participación pública, a salvagarda do interese xeral e a sustentabilidade ambiental e social da actividade e, en consecuencia, a administración debería ser moi estricta á hora de adxudicar a un proxecto o carácter de “estratéxico”.

A este respeito, a Lei 12/2011 establece un umbral mínimo de 250 postos de traballo criados e a necesidade de que teña unha incidencia significativa sobre o tecido industrial galego en termos da súa diversificación. Sobre este particular, facemos fincapé nas consideracións que contén a resolución P7 TA(2010)0145 do Parlamento Europeo a respeito da minaría de ouro con cianuro “Considerando que o uso de cianuro en minería cría pouco emprego e só por un periodo de entre oito e dezaseis años, pero pode provocar enormes danos ecolóxicos transfronteirizos que, polo xeral, non son reparados polas empresas explotadoras responsábeis, que adoitan desaparecer ou declararse en creba, senón polo Estado correspondente, é dicir, polos contribuintes.”

Baixo esta perspectiva, e a teor do establecido na devandita Lei 12/2011 de Industria, a empresa beneficiaria da declaración dun proxecto industrial estratéxico podería ser obxecto de subvencións públicas directas. As axudas públicas, e con maior motivo no actual contexto socioeconómico, deberían garantir unha millora efectiva e permanente do tecido produtivo. Ao noso entender, isto non acontece cunha actividade sen vocación de permanencia (8 anos) e natureza claramente especulativa, cuxa aportación á economía galega non vai dirixida a incentivar a I+D+I, promover a transferenza de tecnoloxía ou diversificar o tecido industrial do país. A industria extractiva do ouro é unha actividade moi limitada no tempo, que traballa con tecnoloxías obsoletas e perigosas, cría escasos e pouco cualificados postos de traballo, especialmente entre a poboación local, non xera sinerxias nen promove a I+D+I e xeralmente traslada os custos ambientais á sociedade que a acolle unha vez rematada a súa actividade.

Neste senso, e a respeito dos postos de traballo, a administración debería considerar á hora de adxudicarlle ao proxecto o carácter de estratéxico, só os empregos directos (138) presuntamente xerados pola empresa. Xa que sería a promotora, e non as subcontratas, a beneficiaria directa dunhas subvencións que teñen carácter nominal, non debería considerarse máis que o emprego xerado por aquela. A maiores, e considerando que os recursos públicos proceden da administración autónoma, só deberían contabilizarse os empregos netos criados no tecido produtivo galego e provintes das listaxes do Servizo Galego de Colocación.

8. ENCOL DAS AFECCIÓNS AOS ECOSISTEMAS E AO PATRIMONIO NATURAL E CULTURAL

A área ocupada pola explotación non está incluida en ningunha figura de protección ambiental, sexa estatal, autonómica ou internacional. No entanto, a ZEPVN “Río Anllóns”, LIC ES1110015 forma parte da Rede Natura Galega e sitúase a poucos centos de metros da zona do proxecto. Para ADEGA resulta evidente que os seus valores naturais, particularmente no seu treito fluvial, veranse considerabelmente afectados polos labores mineiros: Alteración severa do réxime hídrico dos regos tributarios (o rego de Lourido mesmo vai ser desviado para acoller a escombreira principal), verteduras de efluentes e augas de escorrentía con importante carga de sólidos en suspensión e alto contido de metais pesados (especialmente As) risco de verteduras básicas provintes de augas de lixiviación con cianuro disolto... etc.

Hai que lembrar que de acordo coa Directiva Marco da Auga (2000/60/CE), os estados miembros están obrigados a acadar e manter o bo estado dos recursos hídricos, así como a previr a súa contaminación por substancias perigosas. A este respeito, o Parlamento Europeo, novamente na súa resolución P7 TA(2010)0145 considera que “...o bo estado das aguas tamén podería depender da calidade da agua da correspondiente bacía do río situado en rexións que usan tecnoloxías mineiras a base de cianuro” e conclúe que “...o cumprimiento dos obxectivos da UE, establecidos na Directiva Marco da Auga, isto é, conquerir un bo estado químico das augas e protexer os recursos hídricos e a diversidade biolóxica, só puede acadarse mediante unha prohibición xeral do uso das tecnoloxías mineiras a base de cianuro”.

As alteracións e a contaminación das augas debido a esta actividade antrópica incidirán negativamente sobre os hábitats fluviais, algús deles considerados de protección prioritaria, como os bosques aluviais con Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Nat. 2000 91E0*) e sobre a fauna asociada a estes. Cómpre lembrar que para autorizar actividades non tradicionais nen compatíbeis coa conservación dos hábitats recollidos na Directiva 92/43 CEE (de Hábitats) baixo o epigrafe de protección prioritaria, debe demonstrarse a inexistencia de alternativas ou doutra ubicación, e achegar razóns imperiosas de interese público de primeira orde (artigo 6 da DC 92/45/CEE, artigo 45 da Lei estatal 42/2007).

Asemade, no inventario da biota presente tanto no LIC río Anllóns como na mesma área de estudo, cítase a presenza de numerosas especies recollidas nos anexo II e IV da Directiva 92/43 CEE e no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007), incluidas dúas de morcegos –posiblemente existan máis-: O morcego de ferradura pequeno (Rinolophus hipposiderus) e o morcego de ferradura grande (Rhinolophus ferrumequinum) cuxo hábitat inclúe as cavidades naturais e seminaturais. Dáse a circunstancia de que son precisamente as galerías das antigas explotacións de ouro as que acubillan poboacións destes morcegos, e que coa explotación proposta serán dos primeiros en desaparecer.

No tocante á paisaxe, as alteracións xeomorfolóxicas causadas pola explotación só poden cualificarse de moi severas e, nalgúns casos, como o desvío do rego de Lourido, os “humidais” deixados polas balsas mineiras de decantación e lixiviación e o oco final (incorrectamente chamado lago) da corta do Petón do Lobo, como irreversíbeis. En conxunto, os labores mineiros suporán a modificación radical e permanente da paisaxe actual nunha superficie de arredor de 700 ha.

Finalmente, a respeito do estudo do patrimonio histórico e etnográfico, sinalar que na documentación do proxecto sinálase a necesidade de realizar um novo estudo das afeccións patrimoniais habida conta de que a presente área de afectación do proxecto difire da área de estudo na que se realizou o inventario de 2001.

Por todo o anteriormente exposto, SOLICITA

1.Que non conceda as autorizacións precisas ao Proxecto de explotación, estudo de impacto ambiental e plan de restauración para as concesións de explotación Emilita n.º 1221, Ciudad de Landró n.º 1454 e Ciudad del Masma n.º 1455, que forman o coñecido como Grupo Mineiro Corcoesto, situado nos concellos de Ponteceso, Cabana de Bergantiños e Coristanco, da provincia da Coruña e promovido por Río Narcea Gold Mines, S.A.”

En todo caso, calquera eventual modificación do proxecto actual debería contemplar de xeito obrigatorio as seguintes consideracións:

2.Non debería autorizarse aproveitamento algún dos recursos mineiros mediante minaría de transferenza que utilice o sistema de cortas a ceo aberto.

3.Rexeitar todo proxecto de explotación mineira que utilice o sistema de lixiviación por cianuración para a extracción do ouro.

4.Obrigar á empresa a constituir unha garantía financeira suficiente para facer fronte aos custos xerados polos danos ás persoas e ao ambiente consecuencia de situacións accidentais producidas durante a fases de construción, explotación e abandono, consonte o recollido na Lei 26/2007 de Responsabilidade Medioambiental e no Decreto galego 455/1996.

5.Obrigar á empresa a realizar e apresentar con carácter previo un estudo no que se modelicen os posíbeis impactos sanitarios, ecolóxicos e económicos, consecuencia do peor cenario posíbel: a rotura da(s) balsa(s) mineiras cunha vertedura total á bacía do río Anllóns do volume máximo de solución de cianuro sódico a pH 10,5 que se prevexa empregar. Ademade, a empresa debería achegar á administración toda a información precisa para poder realizar e aprobar un Plano de Emerxencia Exterior denantes de que esta autorice calquera proxecto de explotación e restauración.

6.Esixir da empresa a necesidade de que todos os efluentes líquidos e augas usadas no proceso que pretendan ser vertidos ao medio natural non superen os valores máximos legalmente establecidos de substancias contaminantes, particularmentre de metais pesados e nomeadamente de As.

7.Obrigar á empresa a deseñar todas as instalacións, escombreiras, balsas, etc. de acordo coa norma sismorresistente NCSE-02 e a realizar um novo cálculo da estabilidade de balsas e escombreiras atendendo á presenza de factores non avaliados que inciden substancialmente no aumento do risco sísmico.

8.Non permitir actuación de restauración algunha que vise a persistencia de elementos alleos paisaxe orixinal (ocos inundados, balsas de decantación, pilas, taludes, etc.) e ás características xeomorfolóxicas da fisiografía actual.

9.Non considerar o presente proxecto de explotación mineira como proxecto industrial estratéxico, e esixir da empresa a constitución dun seguro de caución para facer fronte ás responsabilidades nas que puidera incorrer en caso de peche anticipado da actividade ou creba. Asemade, a concesionaria debería depositar un aval ou fianza que garanta a contratación efectiva do número de traballadores/as comprometido no proxecto de explotación e cuxo importe sexa igual ao importe íntegro dos soldos e cuotas sociais de todo o persoal contratado durante a duración prevista da explotación.


[1] Ligazón: http://adega.gal/index.php?option=com_content&;task=view&id=1272&Itemid=2
[2] Referenzas sobre o caso Summitville: Plumlee, G. S., Gray, J. E., Roeber, M. M., Jr., Coolbaugh, M., Flohr, M., and Whitney, G., 1995a, "The importance of geology in understanding and remediating environmental problems at Summitville", in, Posey, H. H., Pendleton, J. A., and Van Zyl, D., eds: Summitville Forum Proceedings, Colorado Geological Survey, Special Publication 38, p. 13-22.; Plumlee, G. S., Smith, K. S., Mosier, E. L., Ficklin, W. H., Montour, M., Briggs, P. H., and Meier, A. L., 1995b, "Geochemical processes controlling acid-drainage generation and cyanide degradation at Summitville", in, Posey, H. H., Pendleton, J. A., and Van Zyl, D., eds: Summitville Forum Proceedings, Colorado Geological Survey, Special Publication 38, p. 23-34; Edelmann, P., Ortiz, R.F., Balistrieri, L., Radell, M.J., and Moore, C.M., 1995, "Limnological characteristics of Terrace Reservoir, south-central Colorado", 1994 [abs] in, Posey, H. H., Pendleton, J. A., and Van Zyl, D., eds: Summitville Forum Proceedings, Colorado Geological Survey, Special Publication 38, p. 21.
[4] Ligazón: http://www.europarl.europa.eu/sides/getDoc.do?type=TA&;reference=P7-TA-2010-0145&language=ES&ring=B7-2010-0240
[5] O asterisco * sinala os residuos mineiros perigosos.

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA