Adega
INICIO Últimas novas Manifestación en Compostela contra a lei de montes do PP: Quen seremos nós sen os nosos bosques?
Manifestación en Compostela contra a lei de montes do PP: Quen seremos nós sen os nosos bosques? PDF Imprimir Correo-e
Envia Manifestación en Compostela contra a lei de montes do PP: Quen seremos nós sen os nosos bosques? a FaceBookEnvia Manifestación en Compostela contra a lei de montes do PP: Quen seremos nós sen os nosos bosques? a Twitter

manimontes-pan9 de xuño de 2012. Nestes intres atópase en tramitación parlamentaria unha lei de montes que aposta por un modelo ancorado nos anos 40 do século pasado. Cando pensamos no debate normativo do monte consideramos que é unha mera cuestión sectorial, mais estamos a asistir a un verdadeiro debate político que incide directamente no futuro do noso territorio e na propia identidade do noso país. A marexada non só está no ámbito normativo, xa que tamén a nivel social sucédense as reivindicacións de distintos colectivos, que como a Alianza para un Mundo Rural Galego Vivo (ADEGA, CIG, FRUGA, ORGACCMM) reclamamos un cambio na xestión do noso monte. Un artigo de Xabier Bruña, vogal de Medio Rural de ADEGA no seu blog "Tripando terróns".

manimontes1bA actual política do monte pode definirse como sectorial, impositiva e aillada. A isto temos que sumar a xestión de non acción elixida polo actual goberno que se está a trasladar tamén ao deseño das futuras normas que fixarán as regras de xogo nos vindeiros anos para o noso rural. Esta situación de deixar facer, é similar á política que se está a seguir nos incendios forestais: máis pendente do fume que do lume.

Están aparecendo numerosos sinais (pragas, doenzas, incendios forestais, …) que nos están a avisar de que o actual modelo de monte non funciona e provoca numerosos problemas en todo o territorio. A aposta en exclusivo polo monocultivo (e ademais o seu aproveitamento concentrado nun só produto, madeira para trituración, sexa para papel ou para queimar) xera efectos non desexados no propio monte que comprometen a súa viabilidade a longo prazo.

Ante esta situación é preciso formular un novo modelo de monte, que sexa sustentábel (para ser perdurabel no tempo), respectuoso co ambiente e integrado no territorio. O espazo monte non é algo aillado do resto do país e o que se faga nel vai afectar a toda nosa sociedade. Para deseñar ese novo modelo de monte é imprescindíbel planificar contando coas persoas para xerar un consenso sobre que tipo de monte queremos no futuro. Chegado a ese punto hai que crear os elementos normativos que marquen o camiño. Pois ben, a estratexia seguida polo goberno do PP é a de seguir ancorado no pasado non deixando que as novas ferramentas de participación pública entren na planificación e na xestión forestal, amais de impulsar unha nova lei de montes galega de carácter especulativo, ultraliberal e afastada da realidade.

manimontes2A nova lei de montes galega debería responder a un novo modelo de monte consensuado entre as distintas sensibilidades existentes e darlle solución aos problemas que ten na actualidade. A realidade indícanos que estamos ante un texto que perfila un cenario completamente oposto ao desexable. Así, tendo en conta que un dos problemas de maior importancia aos que o sector do monte se enfronta é o da expulsión das persoas do rural que comporta o abandono (da terra, do manexo, …), a opción escollida polo goberno do PP é precisamente a oposta: rebaixar a capacidade de intervención da administración e deixar nos mercados e na opción individual a especulación da xestión da terra. Esta situación tan só favorece as grandes empresas e as grandes propietarias da terra, ao ter mellor posición nunha situación de pouca transparencia (ao ter anulada a participación pública) e baixa intervención administrativa a prol da interese común.

manimontes4Esta nova lei non ten un carácter integral, a pesar da importancia do monte na vertebración social e territorial do noso país, ao faltar a súa conexión con aspectos agrarios, sociais e ambientais. Desenténdese dos montes veciñais en man común e non ten unha visión de construción a longo prazo do noso monte ao non apostar pola implicación de toda a sociedade na conservación e mellora do monte. Modifica pola porta de atrás a lei de prevención e defensa contra os incendios forestais aprobada no 2007, sen unha base técnica xustificada e baleirándoa de contido na ordenación do territorio (elemento clave para a loita contra o abandono e os incendios forestais). Finalmente aposta en exclusivo polas SOFOR para a agrupación da xestión forestal, non deixando alternativas legais a outras opcións e impedindo a viabilidade para os montes privados do interior do noso país.

É unha lei que reduce a intervención pública, deixando en mans privadas e do mercado o cumprimento dos obxectivos principais (desenvolvemento rural, a fixación da poboación no medio rural, a conservación e a xestión forestal suatentábel) e non define uns obxectivos claros para a xestión pública. Hoxe en día os montes en xestión pública supoñen algo máis do 12% de todo o país, concentrándose maioritariamente nos lugares máis desfavorecidos. Portanto, a nova xestión pública pode ser unha ferramenta para loitar conta o abandono do rural e acadar os obxectivos dunha xestión integral do territorio.

manimontes5Modifica pola porta de atrás a lei de prevención e defensa contra os incendios forestais aprobada no 2007, sen unha base técnica xustificada e baleirándoa de contido na ordenación do territorio (elemento clave para a loita contra o abandono): diminuíndo as distancias de salvagarda da vexetación sobre vivendas, instalacións e labradío; reducindo os anos nos que se limita o aproveitamento nun terreo queimado; eliminando o mosaico de parcelas e a prohibición de establecer masas monoespecíficas de máis de 50 hectáreas continuas; abrindo de novo a posibilidade de forestar terras agrarias; desviando cara os concellos parte das responsabilidades de control… Cun total de 43 modificacións, máis que pequenas cuestións coa mesma norma preténdese crear unha nova lei (a de montes) e variar substancialmente outra xa aprobada (cando menos cun procedemento pouco transparente e aínda menos elegante). De feito o ditame 1/12 do Consello Económico e Social de Galiza, indica que estas modificacións deberíanse ter recollido noutra disposición normativa e ser amparadas nunha rigorosa xustificación técnica, da que carece.

En definitiva, a nova lei de montes vai representar moito máis que unha nova lei sectorial, xa que incide directamente en elementos vertebrais do territorio e do noso futuro. Polo tanto, precisamos elevar con forza o seguinte berro:

OUTRO MODELO DE MONTE É POSIBLE E NECESARIO !!!

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA