Adega
INICIO Últimas novas Día da Terra 2012: Por unha nova política de residuos sen incineración
Día da Terra 2012: Por unha nova política de residuos sen incineración PDF Imprimir Correo-e
Envia Día da Terra 2012: Por unha nova política de residuos sen incineración a FaceBookEnvia Día da Terra 2012: Por unha nova política de residuos sen incineración a Twitter
Este domingo 22 de abril, Día da Terra, milleiros de persoas manifestámonos en Lalín para expresar o noso rexeitamento (mentres sexa legal facelo) ás intencións da Xunta de seguir apostando pola incineración dos residuos e construir unha nova incineradora no sur de Galiza. Malia aos cantos de serea da administración insinuando que desbotaba a ubicación do Irixo, o certo é que mentres a incineración siga sendo o sistema preferido polo PP para tratar os residuos galegos, ningunha comarca estará libre da ameaza das dioxinas. POR UNHA NOVA POLÍTICA DE RESIDUOS SEN INCINERACIÓN! Manifesto DÍA DA TERRA 2012 (97 Kb)
MANIFESTO

POR UNHA NOVA POLÍTICA DE RESIDUOS SEN INCINERACIÓN

As organizacións e movementos sociais asinantes entendemos que as políticas públicas de xestión dos residuos afectan ás nosas vidas de forma directa: A xestión inadecuada dos residuos, xerados en cantidades crecentes, contamina a atmosfera, o solo e as augas, causa o desbaldimento de enerxía e materias primas, deteriora a paisaxe, provoca enfermidades, destrúe emprego… Estas consecuencias son ben coñecidas no noso país, onde despois de 12 anos con SOGAMA, estamos lonxe de aplicar solucións compatibles coa protección do ambiente e co uso racional dos recursos, sendo imprescindíbel un cambio de orientación nas políticas de xestión dos residuos.

Os poderes públicos deberían promover unha axeitada xestión e tratamento dos residuos mediante solucións non nocivas para a saúde, respectuosas co ambiente e compatíbeis co uso racional e sustentábel dos recursos. A este respecto, entendemos que o actual modelo SOGAMA baseado na incineración supón un obstáculo para o desenvolvemento de sistemas de produción limpa e para o establecemento dunha estratexia baseada nos 3 “R” (Redución, Reutilización e Reciclaxe).

Portanto, os colectivos aquí nresentes rexeitamos a incineración como sistema para o tratamento dos residuos porque é:

Contraria á lexislación europea, estatal e galega: O actual modelo SOGAMA promovido pola Xunta subvirte a prioridade na xerarquía de tratamento consagrada nestas lexislacións, primando a incineración fronte á redución, a reciclaxe e a compostaxe. Ademais, a incineración fomenta o aumento da produción de lixo en troques de reducilo, dificulta a reciclaxe e aumenta a perigosidade dos residuos.

Perigosa para a saúde: A incineración aumenta a toxicidade dos residuos ao producir substancias que contaminan o aire, o solo e a auga. Estas substancias (dioxinas, furanos, PCBs, metais pesados, partículas…) son perigosas para a saúde ambiental e cidadá polo seu carácter persistente e bioacumulativo, e non existe un umbral mínimo de protección. As instalacións de incineración, mesmo coa tecnoloxía máis avanzada, non son quen de garantir unha emisión cero destas substancias, polo que incumpren tamén o Principio de Precaución e o de Mínima Exposición ao existiren tecnoloxías alternativas máis limpas e inocuas.

Insustentable ambientalmente: A incineración supón un desbaldimento das materias primas contidas nos residuos, incrementa a súa perigosidade ambiental e non reduce a necesidade de vertedoiros. É tamén unha das fontes máis importantes de emisión de gases de efecto invernadoiro. As emisións sólidas, líquidas e gasosas contaminan o medio, as terras de cultivo e os alimentos producidos quilómetros arredor das incineradoras. Estas, requiren ademais de macrovertedoiros nos que depositar os refugallos non tratados e doutros especiais para os residuos tóxicos e perigosos xerados (cinsas, lixiviados, etc.).

Fraude, ruína económica e exemplo de ineficiencia: O alto custo de construción dunha incineradora (SOGAMA orzamentouse inicialmente en 143 millóns de €, e actualmente abeira os 400) e o caro do seu mantemento, acaba sendo sufragado polos concellos. A Xunta fixou un prezo político para facer menos custosa a incineración: hoxe, incinerar custa uns 120€ por tonelada, pero verter só 15€. SOGAMA cobra 60€ pero non está a cumprir o acordado cos concellos: estes pagan polo transporte e tratamento (incineración) pero a maior parte do lixo vai directamente a vertedoiro: velaí o negocio e a fraude. A isto hai que engadir a ineficiencia enerxética da queima do lixo: SOGAMA consume máis enerxía da que produce, polo que o seu tratamento non pode ser considerado “valorización enerxética” senón equivamente a un vertido.

Miserable na xeración de empregos: Os empregos xerados pola incineración son absoluta e porcentualmente máis baixos que os xerados pola compostaxe. En SOGAMA traballan 91 persoas, mentres que na planta de compostaxe de Lousame fanno 150. Os empregos que xera SOGAMA por cada 100.000 toneladas tratadas son 14, o ratio máis baixo de todas as incineradoras do estado. En comparación, a planta do Barbanza ten 150 empregados/as para 34.000 Tm/ano. Para 100.000 Tm, xeraría 438 postos de traballo. As incineradoras tamén destrúen emprego: na agricultura, gandería, turismo, termalismo… sectores perxudicados polo impacto ambiental das emisións. Considerando o orzamento da incineradora do Irixo (200 millóns de €) e os presuntos empregos creados (200), resulta un investimento de 1 millón de € por posto de traballo. O emprego é outra das mentiras da incineración e unha das maiores estafas á cidadanía galega.

Os asinantes deste manifesto acreditamos que outro modelo de xestión dos residuos é posible, e comprometémonos a dar pulo a outros sistemas baseados na xerarquía de tratamento que marca a directiva de residuos, orientados á redución, á reutilización, á reciclaxe e á compostaxe, e que hoxe xa son unha realidade no noso país. Por isso propoñemos:

Fomentar a participación activa da cidadanía: O éxito na implantación de calquera sistema de xestión depende da colaboración e do grao de participación real da cidadanía. O público non só debe estar informado senón tamén poder avaliar a participar activamente no proceso dende o inicio, achegando propostas, avaliando resultados e contribuíndo a solucionar os problemas que vaian xurdindo.

Priorizar a redución en orixe e a reutilización, fomentando a cultura do “residuo 0?. Os obxectivos de prevención deben ser máis ambiciosos que a redución do 10% con respecto aos níveis de 1990 comprometido pola Xunta no Plano de Residuos para 2020. Medidas como a prohibición das bolsas dun só uso, o establecemento de medidas fiscais que penalicen o sobreenvasado e a xeración de envases perigosos e custosos de reciclar, a implantación de sistemas de devolución, depósito e retorno (SDDR), a educación ambiental e a prevención de residuos a nível domiciliario, o fomento da venda a granel no comercio, etc. son algunhas destas propostas.

Potenciar novos modelos de recollida selectiva: Para permitir unha correcta separación en orixe dos distintos compoñentes do lixo, en especial da materia orgánica  e baseados no sistema “Húmido/Seco” fronte o actual modelo da “bolsa negra”, así como aplicar a recollida selectiva porta a porta que permitirían acadar níveis de recuperación material de até o 90%.

Convertir a compostaxe no motor principal da redución: Co 50% de materia orgánica en cada bolsa do lixo, a compostaxe doméstica, comunitaria, comarcal e descentralizada debe ser un dos principais sistemas para reducir a cantidade dos residuos a tratar no sistema público e converter os residuos orgánicos en fertilizante natural para o agro e os montes galegos, devolvendo os nutrintes e a fertilidade á terra.

Desevolver industrias da reciclaxe para a fracción non compostable, especialmente o vidro, metais e papel-cartón que permitan aproveitar a maior cantidade da fracción resto e nos afaste do raquítico 6,8% de valorización material de SOGAMA, aproximándonos aos obxectivo do 50% que fixa a directiva para 2020.

Establecer un sistema descentralizado de xestión que minimice o absurdo desbaldimento enerxético e o custo económico do transporte de residuos e implante a lóxica e a obriga legal (Principio de Proximidade) de tratar o residuo preto de onde se produce.

As organizacións e movementos sociais aquí presentes acreditamos na necesidade dunha nova cultura na xestión dos residuos que permita velos como valiosos recursos antes que como problema: Coas correctas políticas de xestión e tratamento, os residuos poden converterse nunha fonte de fertilidade para a terra e unha ferramenta para a conservación dun ambiente saudable. Poden ser tamén unha oportunidade para xerar emprego e un pulo para camiñarmos cara unha economía máis ecolóxica e respectuosa cos recursos naturais do país.

NON Á INCINERACIÓN, SÍ Á RECICLAXE

Lalín, 22 de abril de 2012, Día da Terra

Asinan:

Coordinadora Veciñal do Irixo en contra da Incineradora

Plataforma INCINDERADORA NON do CARBALLIÑO

PLATAFORMA GALEGA CONTRA A INCINERACIÓN

Apoian:

Cooperativa HOXE

QUEREMOS GALEGO

ASOCIACIÓN VECIÑAL “A NOSA ESCOLA” DE SOUTOLONGO

Asociación VELLO DOS CORNOS

UXT

FORO CULTIVOS CULTURAIS

GALIZA NOVA

O NARANXO

GRUPO DE CONSUMO TARABELA

ADELLIS

FRUGA

BNG

PSOE-PSdeG

EQUO

UUAA (Unións Agrarias)

CIG

UXT

ASOCIACIÓN ECOLOXISTA VILAU GARRIDO

PARTIDO GALEGUISTA DEMOCRÁTICO

ATENEO GALEGUISTA DE LALÍN

Asociación Cultural MANUEL FERREIRO

SLG

ASOCIACIÓN DE VECIÑOS DE VILATUXE

ASOCIACIÓN MONTES VIVOS

XUVENTUDES SOCIALISTAS

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA